From Wikipedia, the free encyclopedia
A clasificación climática de Köppen é unha clasificación fisionómica [1] dos climas da Terra, desenvolta por primeira vez polo científico ruso-alemán Wladimir Köppen en 1884 e modificada posteriormente por el mesmo en 1918 e 1936, e polo climatólogo alemán Rudolf Geiger en 1961.
Establece unha tipoloxía climática baseada en combinacións das medias anuais e mensuais dos valores termopluviométricos. Estas combinacións dan lugar a cinco tipos principais de clima correspondidos a outros tantos conxuntos de vexetación: a selva ecuatorial, a sabana e a estepa, os bosques de caducifolias e de coníferas, a tundra e o deserto. A estes cinco tipos se lle engaden dous que responden ás particularidades climáticas das zonas de montaña e de alta montaña.
Deste xeito, os sete principais tipos climáticos, que atenden a valores das temperaturas e coinciden na súa maior parte coas grandes zonas climáticas terrestres, se representan por letras maiúsculas. Logo, tendo en conta a distribución zonal das precipitacións, faise unha división dos grupos anteriores en subgrupos designados por letras minúsculas. Por último, realiza unha caracterización máis específica das características térmicas engadindo unha terceira letra, tamén minúscula.
Abrangue todos aqueles climas nos que a temperatura media do mes máis frío é superior a 18 °C, coa excepción dos áridos e semiáridos. Polo tanto, carecen de inverno e non se producen xeadas. Son climas zonais, na medida en que teñen como referente as zonas térmicas terrestres. Outras características que presentan son:
A letra f simboliza a ausencia de estación seca. Isto quere dicir que nin o inverno nin o verán acumulan máis do 70% das precipitacións anuais [3]. Os seus principais trazos son:
As causas deste clima débense basicamente á súa latitude, que permite a verticalidade permanente dos raios solares, o que asegura altas temperaturas todo o ano. O réxime pluviométrico explícase polo propio quecemento do aire, que o inestabiliza e dá lugar a ascensos convectivos xeradores de nubosidade de grande desenvolvemento vertical, e por ser a zona de converxencia dos ventos alisios. Porén, esta intensa actividade vertical das masas de aire contrasta coa súa escasa mobilidade horizontal, polo que é unha zona de calmas.
Algúns trazos bioxeográficos deste tipo climático son os seguintes:
Exemplos de cidades con este clima son Belém (Brasil) ou Singapur.
A letra w indica a existencia dunha estación seca no inverno. A amplitude térmica pode chegar aos 10 °C e o volume total de precipitacións anuais non acada os 2.000 mm pero supera os 1.000 mm, habendo un acusado contraste entre a que se recolle no verán (estación húmida) e a que se recolle no inverno (estación seca).
O progresivo afastamento do Ecuador degrada as condcións do clima Af de xeito que se van rexistrando descensos pluviométricos cada vez máis acentuados, medrando un deles ata que se transforma en estación seca. A causa cómpre procurala nos centros de acción anticiclónicos subtropicais, que os afectan en inverno e ás masas de aire ecuatoriais marítimas, que o fan en verán. Esténdense entre os 5º e os 25º de latitude en ambos hemisferios, aínda que esta distribución vese matizada pola presenza de correntes mariñas frías nos lados occidentais dos continentes que aridifican o clima.
As principais características bioxeográficas son as seguintes:
Este clima é propio de cidades como Tegucigalpa (Honduras) ou Lagos (Nixeria).
É un caso particular do clima tropical. Contra o que se poida pensar, non é exclusivo do sueste asiático, se ben é certo que nesa zona acada a súa máxima expresión. Está fortemente caracterizado polo fenómeno do monzón. Basicamente, consiste no desplazamento das masas de aire tropical que adquiren así distinta dirección [4] ao longo do ano e mudan a súa carga de humidade. No caso asiático, o desplazamento cara ao norte das mesmas no verán permite a entrada de ventos alisios marítimos, cargados de humidade, que ascenden orograficamente ao chocaren co Himalaia, dando lugar ás precipitacións máis fortes do planeta. En inverno as masas de aire desplázanse cara ao sur, permitindo a influencia do poderoso anticiclón térmico siberiano.
As principais características deste clima son:
As características edafolóxicas e fluviais asociadas ao monzón son semellantes ás do clima Aw, mentres que a vexetación é moi parecida á da selva ecuatorial.
Este clima atópase en cidades como Manaus (Brasil) ou Goa (India).
Son climas azonais [5]. A diferenza dos outros grupos básicos de Köppen a súa clasificación non se debe ás características térmicas, senón que se inclúe nel aqueles climas nos que a evapotranspiración potencial supera á precipitación [6]. Malia que para unha clasificación rigorosa cómpre realizar o cálculo da evapotranspiración, a grandes trazos estes climas concordan cun volume anual de precipitacións inferior a 250 mm. Outra característica importante dos mesmos é a existencia dunha forte oscilación térmica diaria.
Nas zonas tropicais os climas secos son consecuencia das altas presións subtropicais, de orixe dinámica e, por conseguinte, moi estables [7], do efecto dos ventos alisios de procedencia continental e, polo tanto, secos, a barreiras montañosas que crean un efecto de sombra pluviométrica a sotavento como acontece, por exemplo, co efecto Föhn, e ás correntes mariñas frías nas fachadas occidentais dos continentes que diminúen a humidade relativa do aire das terras adxacentes. En zonas mornas existen zonas áridas e semiáridas por degradación das masas de aire marítimo, que se van descando conforme entran no continente, pola disposición orográfica e polo propio mecanismo da circulación xeral atmosférica [8].
Köppen diferenciou neste grupo dous subgrupos cunha segunda letra maiúsucla: os climas BS, semiáridos cuxa manifestación vexetal é a estepa, e os BW, áridos nos que domina o deserto. A diferenza entre ambos é que no BW a evapotranspiración é maior que o dobre da precipitación, mentres que nos BS, aínda sendo maior ca precipitación, non chega a superar o dobre do seu valor.
Todos estes climas comparten como trazos bioxeográficos a escaseza de cursos de auga, de réxime descontinuo, cando non a ausencia completa nas áreas hiperáridas, e vexetación escasa ou nula, de pequeno tamaño, que permite unha intensa actividade da erosión e da meteorización no solo.
A última letra h fai referencia a que as temperaturas son elevadas todo o ano, rexistrándose unha temperatura media anual superior a 18 °C. A amplitude témica diaria é acusada. Almería ten este clima.
O k indica temperaturas baixas no inverno e, daquela, unha media anual inferior a 18 °C. Dáse no interior dos continentes en latitudes medias. As precipitación son moi irregulares e a amplitude térmica anual é enorme, superando en ocasións os 32 °C. É o clima de Denver, nos Estados Unidos.
É o clima típico dos desertos tropicais. A insolación é altísima e neles rexístranse as maiores temperaturas do planeta. A humidade relativa mantense sempre por baixo do 50 %. Un exemplo é a cidade de Asuán, en Exipto.
Ligados a factores xeográficos de continentalidade ou abrigos orográficos, danse en latitudes medias. Os invernos son fríos e a oscilación térmica anual moi acusada. Pero aínda máis significativa é a oscilación térmica diaria; a diferenza de temperatura entre o día e a noite pode acadar os 90 °C. É o clima do deserto de Gobi.
A media do mes máis frío é inferior a 18 °C, pero supera os -3 °C [9]. Presentan catro estacións definidas por contrastes térmicos. A diferenza na amplitude térmica anual e o réxime e estacionalidade das precipitacións marcan a variabilidade dos climas tépedos. A orixe destas variacións cómpre procurala na circulación xeral atmosférica [10], a latitude, a distribución de terras e mares e as correntes mariñas. Así, distínguense tres subgrupos:
A letra a indica que o verán é caloroso, superando a temperatura media do mes máis cálido os 22 °C. Localízase na fachada oriental dos continentes nas súas latitudes medias. As súas principais características, á parte das xa descritas, son:
Este clima é consecuencia da circulación dos centros de acción. O ascenso das altas presións subtropicais no verán aportan aire cálido marítimo que aseguran cuantiosas precipitacións. No inverno redúcense as chuvias, pero non en exceso grazas ás frontes propias da circulación das latitudes medias. Ademais, en outono, os ciclóns tropicais poden chegar a estas costas.
Existen variantes dentro deste clima relacionadas, en primeiro lugar e no Hemisferio Norte, coa súa situación en América ou Asia. Neste continente, a forza do anticiclón siberiano provoca invernos máis secos e fríos que naquel. No Hemisferio Sur, como a masa continental é moito menor, a influencia das masas de aire terrestres perde importancia.
Os trazos bioxeográficos deste clima son:
Cidades con este clima son Nagasaki (Xapón), Sidney (Australia) ou Porto Alegre (Brasil).
A letra b indica un verán suave pero longo, de xeito que a temperatura media do mes máis cálido é igual ou inferior a 22 °C, pero como mínimo catro meses presentan unha temperatura superior a 10 °C. É o clima característico da maior parte de Galiza, sendo o típico das costas occidentais dos continentes en latitudes comprendidas entre os 40º e os 60º. Algunhas das súas singularidades son as seguintes:
Neste clima xoga un papel fundamental a acción reguladora do océano. As correntes mariñas cálidas que bañan estas costas reducen a oscilación térmica anual e favorecen as precipitacións. No verán seguen a actuar as masas de aire marítimo que, xunto coa brisas, refrescan o ambiente. Porén, hai variantes deste clima en función da latitude e da continentalidade. Canto máis ao sur, preto do límite do paralelo 40º, as precipitacións estivais redúcense (non pasa o mesmo coas invernais) sen marcaren unha estación seca por escasa marxe e as temperaturas aumentan. Canto máis nos adentremos no continente prodúcese unha degradación consistente nun aumento da oscilación térmica anual (veráns máis calorosos e invernos máis fríos) e as chuvias equilíbranse, diminuíndo as invernais e aumentando as estivais.
Este clima dá lugar a ríos regulares, aínda que cun nivel máis alto no inverno que no verán. A vexetación componse de bosques caducifolios e de coníferas, sendo habitual un sotobosque de fentos, toxos e uces. Os solos poden ser podzois, acedos e moi lavados, ou solos pardos, ricos en humus e, xa que logo, de boa calidade para o cultivo.
É o clima das sete cidades galegas, aínda que coas matizacións descritas polas diferenzas en latitude e en distancia ao mar. Fóra do país teñen este clima Bergen (Noruega) ou Wellington (Nova Zelandia), por citar dous exemplos.
A súa característica diferencial é que ten menos de catro meses con temperatura media superior a 10 °C. É un clima de transición entre o Cfb e os climas fríos, que se dá nunha estreita franxa latitudinal nas beiras occidentais dos continentes e sempre ao carón do mar, por exemplo, na capital de Islandia, Reiquiavik.
Localízase nas fachadas occidentais dos continentes entre os 30º e os 40º de latitude, alcanzando a súa máxima expresión nas ribeiras do mar Mediterráneo, de quen toma o nome. Este mar xoga un papel crucial: As súas cálidas augas reducen o frío invernal pero non moderan dabondo a calor do verán, podendo as temperaturas subir notablemente nesta estación do ano. Ademais, favorece as precipitacións en outono podendo dar lugar ao fenómeno da gota fría. Tamén a orografía é importante, xa que limita a súa expansión cara ao centro do continente. Outras características importantes son:
Pódense sinalar os seguintes trazos bioxeográficos:
A cidade de Valencia ou a estadounidense dos Ánxeles teñen este clima.
É un clima mediterráneo matizado pola influencia de correntes mariñas frías que suavizan as temperaturas do verán, incrementándose ademais os valores anuais das precipitacións, que poden exceder dos 1.000 mm. Localízase en áreas moi concretas fóra do mar Mediterráneo, podendo ser tamén consecuencia dunha degradación do clima oceánico Cfb ao baixar en latitude. Un exemplo é o clima de Porto, en Portugal.
É unha degradación do clima Cfa que se produce por mor da continentalización. Ao se afastar do mar, a menor cantidade de precipitacións que se produce en inverno acaba por provocar unha estación seca. Tamén pode ser produto da transición deste clima ao clima Aw. Localízase no interior da China, Arxentina e Suráfrica, así como nas costas meridionais chinesas. Por exemplo, en Hong Kong ou en Córdoba, Arxentina.
Trátase dunha modificación en altura do anterior. Dáse de xeito moi puntual. O exemplo máis notable é Cidade de México.
Tamén denominados microtérmicos, son climas nos que a temperatura media do mes máis frío é inferior a -3 °C, pero a do mes máis cálido supera os 10 °C. Abrangue os climas de tipo continental, nos que o afastamento do efecto regulador do mar provoca invernos máis rigorosos e secos. Isto fai que estea moito máis estendido no Hemisferio Norte que no Sur, dada a carencia de amplas masas continentais neste hemisferio. Neste hemisferio, tan só na Pampa arxentina se dan as súas características. Tamén se dá en zonas costeiras de altas latitudes, como transición cara aos climas polares. As principais características destes climas son:
O desprazamento das masas de aire marítimas polar e tropical explica os contrastes térmicos e de precipitacións. Así, aquelas zonas máis próximas ao mar presentan chuvias máis regulares, aínda que sempre cun máximo no verán. As que están máis acubilladas delas terán un inverno transformado nunha estación seca, véndose afectadas polos anticiclóns térmicos continentais, polo que tamén serán máis fríos.
En canto ás súas características bioxeográficas pódense salientar as seguintes:
Presentan dous tipos fundamentais:
A temperatura do mes máis cálido excede dos 22 °C. Por exemplo, Chicago ou Toronto.
Ningún mes supera os 22 °C de media, pero polo menos catro superan os 10 °C. A capital bielorrusa, Minsk, e a finesa, Helsinqui, teñen este clima.
Menos de catro meses ao ano superan os 10 °C. Están no límite setentrional das latitudes medias, mesmo en latitudes xa por riba do círculo polar ártico, nos que a proximidade de correntes cálidas mariñas suaviza as temperaturas invernais e non permiten considerar o clima destas áreas coma polar. Murmansk, en Rusia, é un exemplo.
Localizado nunha estreita franxa de Asia oriental na que o anticiclón siberiano provoca secos invernos e o monzón veráns moi húmidos e calorosos. É o clima da capital chinesa, Pequín.
Inmediatamente ao norte dos anteriores. A latitude non permite que se acaden altas temperaturas no verán. Por exemplo, Vladivostok ou Ulán Bátor.
É a prolongación setentrional do anterior, dándose en Irkutsk.
A letra d fai referencia a que o mes máis frío ten unha temperatura media por embaixo dos -38 °C. É un clima extremo, cunha oscilación térmica anual elevadísima, xa que a temperatura media do mes máis cálido pode superar os 15 °C. Responde a circuntancias xeográficas concretas (por exemplo, a orientación dun val) que se unen ao elemento continental para dar lugar a invernos moi severos. Oymyakon, en Siberia, ten este clima e nela atopamos a temperatura máis baixa xamais rexistrada nun lugar poboado: -71,2 °C [11].
Ningún mes supera os 10 °C de temperatura media. Xa que logo, non medran as árbores. Localízanse por riba do paralelo 70º no Hemisferio Norte e ao sur do 55º no Sur. Ademais, o volume anual de precipitacións é escaso, sempre por baixo dos 300 mm, minguando cada vez máis conforme nos achegamos aos Polos.
A temperatura media do mes máis cálido supera os 0 °C. A oscilación térmica anual é elevada, porén, a diúrna é moi feble. A maioría das precipitacións, reducidas, son en forma de neve e son frecuentes tanto os ventos fortes como as néboas. Dentro deste clima poden distinguirse dúas variantes: a variedade continental, con invernos xélidos e precipitacións por embaixo dos 200 mmm anuais concentradas no verán, e a variedade oceánica, con invernos algo máis suaves e precipitacións máis frecuentes.
A tundra é a formación vexetal característica. Esta desenvólvense só no curto verán, consistindo en fentos, liques e musgos, mesturados con algunhas gramíneas. Nas rexións menos frías de transición cara a taiga poden aparecer algunhas árbores, ananas e deformadas, como salgueiros ou bidueiros, de xeito moi esporádico. En canto aos solos son típicos os permafrosts. Trátase dun subsolo xeado en profundidade, que durante o verán adoitan ser pantanosos como consecuencia da súa drenaxe insuficiente.
A capital de Groenlandia, Nuuk, é un exemplo deste clima.
Ningún mes supera os 0 °C de temperatura media. Só se atopa na Antártida, no interior de Groenlandia e nos arredores do Polo Norte. As precipitacións son escasísimas, menos de 10 mm ao ano e sempre en forma de neve. Porén, as baixísimas temperaturas fan que a neve caída se acumule durante séculos. Non existe ningún tipo de vexetación.
Considérase clima G, de montaña, a partir dos 1.500 metros de altitude. O clima H é o clima de alta montaña, a partir dos 3.000 msnm. Ora ben, dependendo de onde se localicen precisarase máis ou menos altura para que se acaden as características propias destes climas [12]. Ademais da altura, tamén a configuración do relevo posúe importancia. Así, a exposición das ladeiras á insolación modifica as temperaturas entre o solleiro e o avesedo e a orientación leste-oeste dos vales fainos máis soleados que os orientados no eixo norte-sur. Non obstante, estes efectos, importantes en latitudes medias, case son imperceptibles en latitudes tropicais, dada a grande perprendicularidade dos raios solares. Tamén a exposición aos ventos dominantes da zona teñen unha grande influencia nas precipitacións, sendo máis húmidas as ladeiras a barlovento que as de sotavento. En xeral, as precipitacións son máis abondosas nas montañas que nas chairas que as arrodean, sendo tamén máis regulares.
Malia ser unha clasificación que goza dunha ampla aceptación por parte da comunidade científica non está exenta dalgunhas críticas. A maior parte delas se centran no grupo C dos climas tépedos, que moitos autores consideran sobrerrepresentada, propoñendo un limiar mínimo para o mes máis frío de 0º no canto de -3 °C. Outros suxiren un novo grupo no que o mes máis frío teña unha temperatura comprendida entre 6º e 18 °C [13].
Outros debates se centran na conveniencia ou non de manter un grupo B baseado exclusivamente no balance evapotranspiración / precipitación así como a de manter a isoterma de 10 °C para o mes máis cálido como límite entre os climas polares e os do grupo D [14]. Tamén se ten postulado a necesidade de diferenciar un teceiro subgrupo dentro do E para incluír nel aos climas de tundra costeiros [13].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.