Civilización inca
From Wikipedia, the free encyclopedia
A civilización inca, tamén chamada civilización incaica ou civilización quechua, foi a derradeira das grandes civilizacións precolombianas que conservou o seu Estado independente durante a conquista de América. Coa extensión do imperio, esta foi absorbendo novas expresións culturais dos pobos incorporados, e situouse nos actuais territorios do Perú, Bolivia, Ecuador, a Arxentina e Colombia.
Dende a cidade sagrada de Cuzco, os quechuas consolidaron un Estado que logrou sintetizar os coñecementos artísticos, científicos e tecnolóxicos dos seus devanceiros. Baseados nun concepto de expansión do Estado, o Tawantin suyu (Imperio Inca) recolleu aqueles coñecementos e potenciounos. Na actualidade, algúns costumes e tradicións da desaparecida civilización inca prevalecen aínda nos países que formaron parte do Imperio Inca. Bolivia, Chile, Ecuador, Perú e norte da Arxentina (Jujuy e Salta).
A conquista do Tawantin suyu, realizada entre 1530 e 1540 polos casteláns, encabezados por Francisco Pizarro, puxo fin ó imperio e o nacemento do Vicerreinado do Perú. Porén, focos de resistencia dos chamados Incas de Vilcabamba mantivéronse ata 1572.
A economía inca baseouse na agricultura que desenvolveron mediante técnicas avanzadas, como os sucalcos de cultivo, coñecidos como andenes en castelán e pata-pata en quechua, para aproveitar as ladeiras dos cerros, así como sistemas de regadío herdados das culturas preincaicas. Os incas cultivaron millo, cacahuete, mandioca, pataca, feixón, algodón, tabaco e coca, entre outras. As terras eran de propiedade comunal e traballábanse de forma colectiva. Desenvolveron tamén unha gandería de camélidos suramericanos (llamas e alpacas). Polos excelentes camiños incas (Cápac Ñan) transitaban todo tipo de mercadorías: dende peixe e cunchas Spondylus ata sal e artesanías do interior.
Entre as expresións artísticas máis impresionantes da civilización inca atópanse os templos (Saqsaywaman e Quri Kancha), os pazos e os complexos estratexicamente emprazados (Machu Picchu, Ullantay Tampu e P'isaq).
Non se pode falar dun imperio monárquico socialista, pola clara diferenciación económica, política e social, o Imperio Inca estableceu o sistema de reciprocidade e complementariedade económica.