Civilización do val do Indo
From Wikipedia, the free encyclopedia
A civilización do val do Indo foi unha civilización da Idade de Bronce orixinaria da rexión noroesee do subcontinente indio, que durou dende o 3300 até o 1300 a.C., sendo a súa fase de maior madureza entre 2600 e 1900 a.C.[1][2][1] Xunto co Antigo Exipto e Mesopotamia, foi unha das tres civilizacións máis antigas, e das tres, foi a que alcanzou unha maior área de influencia, dende o nordeste de Afganistán, a través de gran parte de Paquistán até o oeste e noroeste da India.[3][4][3] Floreceu na conca do río Indo, que flúe ó longo de Paquistán, e ó longo dun sistema de ríos perennes, na súa maioría alimentados por monzóns, que outrora discorrían preto do estacional río Ghaggar-Hakra, no noroeste da India e leste de Paquistán.[1][5]
As cidades desta civilización caracterizábanse pola súa planificación urbana, casas de ladrillo cocido, complexos sistemas de drenaxe, sistemas de subministración de auga, grupos de grandes edificios non residenciais, e novas técnicas de artesanía (produtos de cornalina) e metalurxia (cobre, bronce, chumbo e estaño).[6] As grandes cidades de Mohenjo-daro e Harappa chegaron a ter entre 30 000 e 60 000 habitantes,[7][8][7] e a propia civilización durante o seu momento de máximo apoxeo puido ter entre un e cinco millóns de habitantes.[9][10][9] O gradual secado do terreo durante o terceiro milenio a.C. foi o estímulo inicial para a urbanización asociada a esta civilización, mais eventualmente tamén reduciu a subministración de auga, causando a desaparición da civilización, e a dispersión da poboación cara ó leste.[11][12][5][13]