Chris Cornell
From Wikipedia, the free encyclopedia
Christopher John Cornell, nado en Seattle (Washington) o 20 de xullo de 1964 e finado en Detroit (Míchigan) o 17 de maio de 2017,[1] foi un guitarrista, cantante e compositor coñecido sobre todo por ser o vocalista de bandas como Soundgarden e Audioslave. Foi tamén o líder de Temple of the Dog, unha banda tributo única dedicada ao seu falecido amigo, o músico Andrew Wood. Varios xornalistas musicais, enquisas de fans e outros músicos consideraron a Cornell como un dos mellores cantantes de rock.[2][3]
Cornell é considerado unha figura clave do movemento grunge da década de 1990 cunha extensa historia de composición de cancións, un rango vocal de case catro oitavas[4] e unha poderosa técnica vocal belting. Comezou a súa carreira musical como batería, antes de converterse en vocalista e guitarrista. Tamén é recoñecido o seu traballo en solitario, editando o seu primeiro álbum, Euphoria Morning, en 1999, e o segundo traballo en xuño do 2007, baixo o título Carry On.
Cornell tivo problemas coa depresión durante a maior parte da súa vida. Foi atopado morto na súa habitación do hotel de Detroit na madrugada do 18 de maio de 2017, despois de actuar unha hora antes nun concerto do Soundgarden no Fox Theatre. A súa morte foi declarada como un suicidio por aforcamento.[5]