Catedral de San Basilio
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Catedral da Intercesión da Virxe sobre o foso (en ruso Собор Покрова, что на Рву), máis coñecida coma Catedral de San Basilio, é un templo ortodoxo localizado na Praza Vermella da cidade de Moscova, Rusia. É coñecida mundialmente polas súas cúpulas en forma de bulbo (aceboladas). Malia a crenza popular, a Catedral de San Basilio non é nin a sé do Patriarca Ortodoxo de Moscova, nin a catedral principal da capital rusa, pois en ambos os dous casos é a Catedral de Cristo Salvador.
Catedral de San Basilio | ||
---|---|---|
Catedral de San Basilio | ||
Tipo | Catedral | |
Advocación | San Basilio | |
Localización | Praza Vermella, Moscova | |
Culto | Igrexa Ortodoxa | |
Diocese | Diocese de Moscova | |
Construción | 1555 - 1561 | |
Fundador | Iván o Terríbel | |
Arquitectos | Barma e Yákovlev Póstnik | |
Estilo arquitectónico | Ruso moscovita | |
Catalogación | Patrimonio da Humanidade (1990) | |
Web | www.saintbasil.ru www.shm.ru |
A construción da catedral foi ordenada polo tsar Iván o Terríbel para conmemorar a conquista do Khanato de Kazán, e realizouse entre 1555 e 1561. En 1588 o tsar Fiódor Ioánnovich ordenou que se agregase unha nova capela na banda leste da construción, sobre a tumba de San Basilio, o Louco por Cristo, santo polo cal se comezou a chamar popularmente a catedral.
San Basilio atópase no extremo sueste da Praza Vermella, xusto fronte á Torre Spásskaya (a Torre do Salvador) do Kremlin e mais da Igrexa de San Xoán Bautista en Dyákovo.
Nun xardín fronte a igrexa xace unha estatua de bronce, erixida en honra a Dmitri Pozharski e Kuzmá Minin, quen reuniron voluntarios para o exército que loitou contra os invasores poloneses durante o coñecido coma Tempo de Dificultades.
O concepto inicial era construír un grupo de capelas, cada unha dedicada a cada un dos santos en cuxo día o tsar gañara unha batalla, porén a construción dunha torre central unifica estes espazos nunha soa catedral.
A lenda di que o tsar Iván deixou cego o arquitecto Póstnik Yákovlev para evitar que proxectase unha construción que puidese superar esta, aínda que semella claro que non se trata máis ca dunha fabulación, xa que Yákovlev participou, pasados uns anos, na construción do Kremlin de Kazán.
Cómpre non confundir a Catedral de San Basilio co Kremlin de Moscova, que está situado a carón desta na Praza Vermella, e polo tanto non forma parte del. Con todo moitos medios confunden ambas as dúas construcións.