From Wikipedia, the free encyclopedia
A casiterita[1][2] é un mineral do grupo IV segundo a clasificación de Strunz. É un óxido de estaño (IV) (SnO2), un mineral típico das pegmatitas, é dicir, asóciase á fase tardía da cristalización granítica (pneumatólise). Nos granitos pneumatolíticos e pegmatitas, a casiterita acostuma ir acompañada de wolframita, sheelita e mispíquel.
Casiterita | |
---|---|
Fórmula química | SnO2 |
Clase | Óxido |
Sistema cristalino | Tetragonal |
Cor | Negra pardusca, parda, incolora, gris, verde |
Brillo | Diamantino |
Dureza | 6-7 (escala de Mohs) |
Fractura | Concoidal, subconcoidal, desigual |
Exfoliación | Imperfecta |
Raia | Branca pardusca |
Densidade | 6,8-7,1 g/cm³ |
A casiterita adoita conter un 87 % de estaño e un 21 % de osíxeno (ademais de ferro, tántalo e outros minerais). É fráxil e resistente aos ácidos. Aparece en cristais grosos, prismáticos, case sempre en macla pertencentes ao sistema tetragonal (con variantes ditetragonais e dipiramidais). Con pouca frecuencia dáse o chamado estaño acicular, con cristais finos en forma de agulla, ou en forma de estaño leñoso, parecido á madeira. É habitual velo en forma de gránulos globulares soltos (estaño de pracer).
Xeralmente hai dous tipos de depósitos. Os máis produtivos son os que se forman en profundos procesos xeolóxicos de deposición, como as intrusións graníticas, nas que a casiterita aparece incrustada en rochas duras tales como cuarzos ou pegmatitas. O segundo tipo de depósitos é o resultado da sedimentación fluvial na que os nódulos de casiterita, polo seu propio peso, se asentan nos leitos dos ríos por efectos mecánicos.
Son lendarios os depósitos de Cornualla, usados desde a Prehistoria. Tamén son históricos os de Saxonia-Bohemia. En Galiza destaca a zona estannífera de Ourense, e tamén se atopa en menor medida nas minas de San Fins. Porén, é a República Popular da China a maior concentración do mundo deste mineral, na rexión de Yunnan, con máis da metade da produción mundial. Tamén son importantes a escala mundial os depósitos de Malaisia, Indonesia, Rusia, Nixeria, Brasil, Perú, Bolivia, Australia e República Democrática do Congo.
É un mineral fundamental para a obtención de estaño, que, logo, é empregado en aliaxes diversas (bronce, latón). Dado que, ao aliarse con outros metais, provoca un descenso considerable do punto de fusión (ás veces, pouco máis de 200 °C) é moi práctico en materiais de soldadura e en pigmentos cerámicos. Ademais, grazas á súa extraordinaria resistencia á degradación ambiental é moi usado en cubertas anticorrosivas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.