Carso (xeografía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Carso (en italiano Carso, en esloveno Kras, en friulano Cjars, en croata Krš, en alemán Karst), tamén coñecido como meseta Cársica ou meseta do Kras, é unha meseta rochosa calcaria de modesta altitude (máximo de 456 m) que se estende desde o nordeste de Italia, aos pés dos Alpes Xulianos (provincias de Gorizia e Trieste), até os Alpes Dináricos (montañas Velebit), no extremo noroeste de Croacia, en Istria, pasando pola parte occidental de Eslovenia.
Na súa maior parte, é unha rexión fronteiriza no sueste de Eslovenia que se encontra entre o val de Vipava, os baixos outeiros ao redor do val, a parte máis occidental dos outeiros de Brkini, e o golfo de Trieste. A súa marxe occidental é tamén a fronteira étnica tradicional entre italianos e eslovenos.
A rexión é famosa por ter sido a inspiración para o termo xeolóxico karst.
O relevo cársico debe o seu nome ao desta rexión. É un relevo rico en cavidades naturais, dada a extrema solubilidade das rochas calcarias, particularmente en auga cargada de dióxido de carbono, presente na auga da chuvia. Esta grutas posibilitaron a formación de diversas sociedades espeleolóxicas, e a rexión está atravesada por unha gran rede de sendeiros e camiños que permiten de forma especial o desenvolvemento do ecoturismo.