From Wikipedia, the free encyclopedia
As células de Langerhans son células dendríticas, que funcionan como células presentadoras do antíxeno inmunitarias, presentes na pel e mucosas, que conteñen grandes gránulos característicos chamados gránulos de Birbeck. Están presentes en todas as capas da epiderme, pero son máis abundantes no estrato espiñoso.[1] Aparecen tamén na derme papilar, especiamente arredor dos vasos sanguíneos [1], e tamén na mucosa da boca, prepucio e vaxina.[2] Poden atoparse noutros tecidos, como os nódulos linfáticos, especialmente cando están asociados a histiocitose de células de Langerhans.
O nome desta célula procede de Paul Langerhans, un médico e anatomista alemán, que as descubriu en 1868 cando era estudante de medicina.[3] Debido á súa natureza dendrítica, identificounas incorrectamente como parte do sistema nervioso.[4]
Paul Langerhans descubriu tamén os illotes de Langerhans produtores de hormonas do páncreas, que non teñen nada que ver coas células de Langerhans e nos cales estas células non están presentes.
Teñen forma estrelada ou dendrítica con moitas prolongacións finas, que se estenden entre as células veciñas do estrato espiñoso da pel. Núcleo irregular, ausencia de desmosomas, melanosomas e tonofilamentos (presentes noutras células da pel). Presentan moitas vesículas e uns gránulos característicos, chamados gránulos de Birbeck ou gránulos vermiformes, de forma oblonga cunha liña densa central e con estriacións [5].
Nas infeccións da pel, as células de Langerhans locais captan e procesan os antíxenos microbianos, converténdose en células presentadoras do antíxeno plenamente funcionais.
Xeralmente as células dendríticas dos tecidos son activas na captura, fagocitose e procesamento dos antíxenos. Porén, unha vez que as células dendríticas chegan a un tecido linfoide secundario, perden estas propiedades de captación de antíxenos e adquiren a capacidade de interaccionar con células T inactivas, o que causará a súa activación.
As células de Langerhans derivan da diferenciación de monocitos que levan o marcador "Gr-1" (tamén coñecido como "Ly-6G/Ly-6C"). Esta diferenciación require a estimulación polo factor estimulante das colonias CSF1.[6] Son similares en morfoloxía e función aos macrófagos.
A proteína langerina encóntrase nas células de Langerhans,[7] e outros tipos de células dendríticas.[8] É un receptor da superficie celular transmembrana de tipo II codificado polo xene CD207. Suponse que cando a manosa se une á langerina os antíxenos son internalizados nos gránulos de Birbeck.
Na rara enfermidade histiocitose das células de Langerhans (LCH), prodúcese un exceso destas células. Isto causa danos na pel, óso e outros órganos.
As células de Langerhans poden ser unha diana celular inicial na transmisión do VIH causante da SIDA,[9] e poden ser dianas, reservorios e vectores de diseminación do virus.[10]
As células de Langerhans observáronse no prepucio, e mucosas vaxinal, e oral humanas; as menores concentracións presentes na mucosa oral suxiren que probablemente non é unha fonte de infección por VIH en comparación co prepucio ou a mucosa vaxinal.[2]
En 2007 publicouse un estudo [11] que consideraba que a proteína langerina podía servir impedir a infección polo virus. Un dos autores, T. Geijtenbeek, afirmou que a "langerina pode recoller os virus dos seus arredores, servindo de prevención da infección" e "dado que todos os tecidos do exterior dos nosos corpos teñen células de Langerhans, pensamos que o corpo humano está equipado cun mecanismo de defensa antiviral, que destrúe os virus que entran."[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.