From Wikipedia, the free encyclopedia
O Avro Lancaster foi un bombardeiro pesado nocturno británico usado durante a segunda guerra mundial. O seu deseño partiu do bombardeiro medio bimotor Manchester Mk III, voou por vez primeira en xaneiro de 1941 e entrou en servizo a principios de 1942. Xunto co Handley Page Halifax foi un dos principais bombardeiros pesados da RAF, da RCAF e doutros países da Commonwealth e Europa con escuadróns integrados no Mando de Bombardeiros da RAF. Está considerado o mellor bombardeiro da Royal Air Force durante a guerra.
Avro Lancaster | |
---|---|
Avro Lancaster no Battle of Britain Memorial Flight | |
Tipo | bombardeiro pesado |
Fabricante | Avro (Reino Unido) National Steel Car/Victory Aircraft (Canadá) |
Deseñado por | Roy Chadwick |
Primeiro voo | xaneiro de 1941 |
Introducido | 1942 |
Retirado | 1963 (Canadá) |
Principais usuarios | Royal Air Force Real Forza Aérea do Canadá Real Forza Aérea de Australia |
Unidades construídas | 7 377 |
Variantes | Avro Lancastrian |
Aínda que o Lancaster foi principalmente un bombardeiro nocturno, destacou noutros moitos roles como en bombardeos de precisión diúrnos, e gañou renome como o "Dam Buster" (destrutor de encoros) ao ser usado na Operación Chastise en 1943 nos ataques contra os encoros da zona do Ruhr, en Alemaña.
En 2022 conservábanse 17 Lancasters completos ou case completos en todo o mundo, dos cales dous aínda voaban. Un deles baséase no Reino Unido, operado pola The Battle of Britain Memorial Flight,[1] e o outro no Canadá, en voo co Canadian Warplane Heritage Museum.[2]
Nos anos 30 a Royal Air Force (RAF) estaba principalmente interesada en bombardeiros bimotores.[3] Eses deseños impoñían demandas limitadas na produción e mantemento de motores, o que era bo debido a problemas coa introdución en servizo de demasiados tipos novos. As limitacións de potencia eran tan graves que os británicos investiron moito no desenvolvemento de grandes motores da clase dos 2 000 cabalos co obxectivo de mellorar o rendemento. A finais dos anos 30 ningún deles estaba listo para a súa produción. Tanto os Estados Unidos como a Unión Soviética estaban a desenvolver bombardeiros impulsados por catro motores pequenos; os resultados deses proxectos demostraron ter características favorables como un alcance excelente e unha capacidade de subida xusta. Así, en 1936 a RAF tamén decidiu investigar a viabilidade dos bombardeiros catrimotores.[3]
As orixes do Lancaster están nun bombardeiro bimotor que Avro enviara á Especificación P.13/36 de 1936 do Ministerio do Aire británico que solicitaba un bombardeiro medio bimotor de uso amplo que puidese levar internamente un torpedo, e realizar ataques en picado pouco profundos.[4] Outros requirimentos da especificación eran o uso de unha á cantilever media, construción totalmente metálica e alentouse o uso do motor Rolls-Royce Vulture, que estaba sendo desenvolvido.[5] Outras compañías que tamén enviaron deseños de bimotores foron Fairey, Boulton Paul, Handley Page e Shorts, usando motores Rolls-Royce Vulture, Napier Sabre, Fairey P.24 ou Bristol Hercules. A meirande parte destes motores estaba aínda sendo desenvolvidos e aínda que a especificación B.12/36 tamén consideraba deseños catrimotores, os motores extra requirían que as ás e a estrutura xeral fosen máis fortes, incrementando o peso estrutural.[6]
Avro enviou o Avro 679 para a Especificación P.13/36 e en febreiro de 1937 a súa proposta foi escollida, xunto coa de Handley Page como respaldo, e en abril de 1937 pedíronse un par de prototipos de cada deseño.[7][5] O avión de Avro, chamado Manchester, entrou en servizo coa RAF en novembro de 1940. Aínda que era un avión capaz, o Manchester estaba falto de pontencia e os seus motores Vulture eran pouco fiables.[8] Como resultado construíronse tan só 200 unidades e o tipo foi retirado do servizo en 1942.[9]
A mediados de 1940 o enxeñeiro xefe de deseño de Avro, Roy Chadwick, estaba traballando nun Manchester mellorado[8] impulsado por catro motores máis fiables aínda que menos potentes Rolls-Royce Merlin, adoptando especificamente a instalación "Power-egg" desenvolvida para o Beaufighter II, e instalados nunha á de maior envergadura.[10] Inicialmente o mellorado avión foi designado como Type 683 Manchester III pero posteriormente bautizouse Lancaster. O prototipo, número de serie BT308, foi montado polo departamento experimental de Avro no aeroporto de Ringway, Manchester, sendo modificado a partir da célula Manchester de produción, xunto cunha nova á para acomodar os motores adicionais.[8] O primeiro voo foi realizado polo piloto de probas H. A. "Sam" Brown o 9 de xaneiro de 1941 en RAF Ringway, Cheshire.
As probas de voo do novo avión demostraron rapidamente que se trataba dunha mellora substancial con respecto ao seu predecesor.[11] O primeiro prototipo estaba inicialmente equipado coa cola con tres aletas do Manchester I que despois foi revisada no segundo prototipo, o DG595, e nos seguintes Lancaster de produción que usaron a cola con dúas aletas elípticas máis grandes que tamén se adoptou nos últimos Manchester fabricados.[8] Isto non só aumentou a estabilidade, senón que tamén mellorou o campo de fogo da torreta dorsal. O segundo prototipo tamén foi equipado cos máis potentes motores Merlin XX.[8]
Os Manchester que estaban aínda na liña de produción foron convertidos en Lancaster B.I.[8] Debido ao rendemento pouco satisfactorio o Manchester, a decisión tomouse moi cedo para reequipar os escuadróns con bimotores con Lancaster o máis rápido posible.[8] O L7527, o primeiro Lancaster de produción realizou o seu primeiro voo en outubro de 1941, impulsado por motores Merlin XX.[8]
Avro recibiu un contrato inicial por 1 070 Lancaster.[8] A meirande parte dos Lancasters fabricados durante os anos de guerra foron construídos por Avro na súa fábrica en Chadderton, preto de Oldham, Lancashire, e foron probados en voo dende o aeródromo de Woodford en Cheshire. Rapidamente a capacidade de fabricación de Avro viuse superada pola alta demanda do tipo en tempos de guerra, polo que se decidiu crear o Lancaster Aircraft Group, formado por varias compañías que sen encargaron da fabricación do tipo, tanto realizando a montaxe principal como producindo distintas subseccións e compoñentes para outros fabricantes do grupo.[12]
Ademais de Avro, máis Lancaster foron construídos por Metropolitan-Vickers (1 080, tamén probados en Woodford) e Armstrong Whitworth. Tamén foron producidos nas instalacións de Austin Motor Company en Longbridge, Birmingham, por Vickers-Armstrongs en Chesterlater nas últimas etapas da guerra e tras o conflito, e na fábrica de Vickers Armstrong de Castle Bromwich, Birmingham. A firma baseada en Belfast Short Brothers tamén recibiu un pedido por 200 Lancaster B.I, pero este cancelouse antes de que ningún dos avións estivese completo.[13] Só 300 dos Lancaster B.II, que estaba equipado con motores Bristol Hercules, foron construídos; este xurdiu como modificación provisional como resultado da escaseza de motores Merlin debido a que a produción de cazas tiña unha maior prioridade para os motores nesa época.
O Lancaster tamén foi fabricado no exterior. A principios de 1942 decidiuse que o bombardeiro podería producirse no Canadá, onde foi fabricado por Victory Aircraft en Malton, Ontario.[14] Das últimas variantes, só o Lancaster B X de fabricación canadense fabricouse en cantidades significativas. Fabricáronse un total de 430 unidades dese tipo, diferenciándose os primeiro exemplaros moi pouco dos seus predecesores británicos, agás por usar motores Merlin fabricados por Packard e instrumento e electrónica de tipo estadounidense. En agosto de 1942 un Lancaster B.I de fabricación británica foi enviado ao Canadá como avión modelo, converténdose no primeiro do seu tipo en realizar unha viaxe transatlántica.[14] O primeiro Lancaster fabricado no Canadá bautizouse como "Ruhr Express". O primeiro lote de Lancaster canadenses entregados ao Reino Unido tiveron fallos nos alerón; descubríuse que ese erro debeuse ao uso de man de obra non cualificada.[15]
Fabricante | Localización | Coordenadass | Número producido |
---|---|---|---|
A. V. Roe | Woodford | 53°20′28″N 2°09′25″O | 2 978 |
Chadderton | 53°31′49″N 2°10′29″O | ||
Yeadon | 53°52′29″N 1°39′36″O | 695 | |
Armstrong Whitworth | Whitley | 52°22′59″N 1°29′26″O | 1 329 |
Austin Motors | Longbridge | 52°23′00″N 1°59′12″O | 330 |
Marston Green | 52°27′25″N 1°43′52″O | ||
Metropolitan-Vickers | Trafford Park | 53°27′51″N 2°19′07″O | 1 080 |
Vickers Armstrong | Castle Bromwich | 52°30′59″N 1°48′33″O | 300 |
Chester | 53°10′25″N 2°58′37″O | 235 | |
Victory Aircraft | Malton (Canadá) | 43°42′04″N 79°38′31″O | 430 |
O Lancaster B.I nunca foi completamente substituído na produción por outro modelo, sendo fabricado ata febreiro de 1946.[13] Segundo os autores Brian Goulding e M. Garbett, o Lancaster B.I alterouse moi pouco durante a súa vida de produción; dos cambios visibles, elimináronse as fiestras lateriais da fuselaxe, agrandouse a cúpula de metacrilato do bombardeiro, e instalouse un astrodomo máis grande.[16] Engadíronse varias ampolas e protuberancias adicionais, que normalmente albergarían equipos de radar e axudas á navegación por radio. Algúns bombardeiros Lancaster B.I estaban equipados coas portas da bodega de bombas avultadas para acomodar unha maior carga de armamento.[16]
Os primeiros Lancaster B.I de produción estaban equipados cunha torreta ventral.[14] En resposta aos comentarios sobre a falta de aplicación desta torreta, frecuentemente era eliminada durante o curso da carreira do avión. Aínda que algúns grupos escolleron eliminar completamente a posición, realizáronse varias probas e experimentos en RAF Duxford, Cambridgeshire, e pr escuadróns individuais.[14] Un total de 50 Lancaster B.I fabricados por Austin construíronse nunha configuración non estándar, tendo unha torreta Frazer Nash instalada directamente sobre a bodega de bombas, aínda que esta modificación foi moi impopular debido á obstrución da pasarela interna, dificultando os movementos da tripulación. Varias outras configuacións de torretas foron adoptadas por escuadróns individuais.[2]
O Lancaster B.III estaba impulsado por motores Packard Merlin, fabricados nos Estados Unidos, pero polo demais era idéntico ao contemporáneo B.I.[13] Fabricáronse un total de 3 030 B.III, case todos eles na fábrica de Avro en Newton Heath. Os Lancaster B.I e B.III fabricáronse ao mesmo tempo e fixéronselle modificacións mínimas a ámbalas dúas versións. As designacións B.I e B.III eran intercambiables cambiando simplemente os motores usados, cousa que na práctica fíxose ocasionalmente.[13] Exemplos de modificacións realizadas foron a relocacalización do tubo de Pitot dende o morro ao lateral da cabina, e o cambio das hélices de "folla de agulla" de de Havilland por unhas hélices en forma de remo de Hamilton Standard ou Nash Kelvinator.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.