Arianna Huffington
From Wikipedia, the free encyclopedia
Arianna Huffington (de solteira Stasinopoúlou, en grego: Αριάδνη-Άννα Στασινοπούλου), nada en Atenas o 15 de xullo de 1950, é unha escritora e columnista estadounidense de orixe grega. É coñecida sobre todo porque cofundou a web The Huffington Post. Era unha popular comentarista conservadora que na década de 1990 comezou a adoptar un ideario político máis liberal. Estivo casada co congresista republicano Michael Huffington.
En 2003, presentouse como candidata independente a gobernadora na elección de California.
En 2009, foi nomeada por primeira vez como o número 12 na lista de Forbes das mulleres máis influentes nos medios de comunicación. Alcanzou tamén o número 42 en The Guardian's Top 100 na lista dos medios de comunicación.
En maio de 2011, El País anunciou a súa incorporación ao Consello de administración do diario, para axudar a "potenciar a transformación dixital do xornal... e aumentar o seu peso internacional".[1]
Huffington fíxose famosa na década de 1990 como analista conservadora, antes de cambiar de partido e comezar co medio en Internet The Huffington Post, progresista e competidor da páxina de ligazóns e orientación conservadora The Drudge Report. Foi un éxito rotundo e en 2011, Huffington vendeu o Huffington a AOL por 315 millóns de dólares.
O modelo dependía dunha rede de blogueiros non remunerados, algúns famosos e polo tanto menos dependentes dun bo soldo que a maioría, e outros dispostos a non cobrar a cambio do prestixio de aparecer xunto a esas firmas soadas. En marzo, Huffington dixo a The Guardian que os que criticaban a súa decisión de non pagar a miles de blogueiros non entendían o funcionamento dos sitios de Internet.