![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d5/Cornstarch_mixed_with_water.jpg/640px-Cornstarch_mixed_with_water.jpg&w=640&q=50)
Amidón
polisacárido formado por unidades de glicosa producido por todas as plantas e polas algas / From Wikipedia, the free encyclopedia
O amidón é un polisacárido formado por unidades de glicosa coa fórmula xeral (C6 H10 O5)n producido por todas as plantas e polas algas. Consta de dous polímeros chamados amilosa e amilopectina, cuxa proporción nos gránulos de amidón varía coa especie, pero xeralmente predomina a amilopectina (75-80%)[1]. Os animais non producen amidón, pero si glicóxeno, que é parecido á amilopectina. O amidón é o carbohidrato máis abundante na dieta humana, xa que forma parte de cereais, tubérculos, fariñas etc. É un alimento de alto valor nutritivo e unha das principais fontes de enerxía. Convértese en azucres polo proceso dixestivo (rotura da cadea por hidrólise).
Amidón | |
---|---|
![]() | |
Identificadores | |
Número CAS | 9005-25-8 |
Número CE | 232-679-6 |
Número RTECS | GM5090000 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | variable |
Masa molecular | variable |
Aspecto | po branco |
Densidade | 1,5 g/cm3 |
Punto de fusión | descomp. |
Solubilidade en auga | insoluble (pode xelatinizarse) |
Perigosidade | |
MSDS | ICSC 1553 |
EU Index | non listado |
Temperatura de autoignición | 410 °C |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e3/St%C3%A4rkemehl_800_fach_Polfilter.jpg/640px-St%C3%A4rkemehl_800_fach_Polfilter.jpg)
O amidón comercial obtense dos cerais (trigo, arroz, millo) e dos tubérculos (pataca, mandioca). O amidón utilízase na industria alimentaria e noutras industrias, especialmente na industria do papel.
O amidón puro é branco, non ten sabor nin olor, e non se disolve en auga fría, pero tratado con auga quente a máis de 70 °C os seus gránulos desintégranse, formando unha solución mesta, homoxénea e pegañenta chamada engrudo.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/21/Amylose2.svg/320px-Amylose2.svg.png)
A palabra deriva do latín "amilum" (amidón), e esta do grego αμυλον, "amylon", que significa "non moído nun muíño". A raíz amil úsase en bioquímica aplicada a diversos compostos relacionados co amidón.