From Wikipedia, the free encyclopedia
O AgustaWestland AW189 é un helicóptero medio de dous motores fabricado por Leonardo (anteriormente AgustaWestland, fusionada en Leonardo-Finmeccanica dende 2016). O aparello deriva do AW149, e ten semellanzas cos AW139 e AW169.
AgustaWestland AW189 | |
---|---|
Tipo | helicóptero medio |
Fabricante | Leonardo[1], Finmeccanica, AgustaWestland |
Primeiro voo | 21 de decembro de 2011 |
Introducido | febreiro de 2014 |
Produción | 2011-presente |
Unidades construídas | máis de 30 |
O 20 de xuño de 2011 AgustaWestland anunciou formalmente no Paris International Air Show o desenvolvemento do bimotor de 8 toneladas AW189; na época a compañía planeaba ter o novo helicóptero certificado en 2013 e en servizo en 2014.[2] O AW189 é unha versión orientada ao uso civil do militar AW149, que á súa vez é un desenvolvemento máis longo do popular AW139; en 2011 o CEO de AgustaWestland Bruno Spagnolini dixo que: "O AW139 e o AW189 eran dous aparellos moi diferentes pero que compartían o mesmo concepto xeral na súa arquitectura".[3] AgustaWestland afirmou que o seu obxectivo era vender o AW189 como helicóptero de apoio para plataformas, busca e rescate (SAR), e transporte de pasaxeiros.[4]
O 21 de decembro de 2011 o primeiro AW189 realizou o seu voo de estrea nas instalacións de AgustaWestland en Cascina Costa, Italia.[5] Durante o programa de probas de voo usáronse un total de seis AW189, catro prototipos e dous aparellos de preprodución. Os exemplares de preprodución usáronse para desenvolver kits de misión e configuracións para roles SAR e mar aberto, permitindo que se certificasen inmediatamente e estivesen dispoñibles para a selección dos clientes.[4] En agosto de 2013 o quinto prototipo foi enviado ao Reino Unido, polo que a rama británica de AgustaWestland comezou a traballar na certificación do tipo para operacións SAR.[9] En xuño de 2013 AgustaWestland anunciou que o AW189 entrara en produción a grande escala.
En outubro de 2013 o primeiro modelo de produción realizou o seu voo de estrea; ao mesmo tempo estábase traballando na creación dunha segunda liña de produción para o tipo no centro de AgustaWestland en Yeovil, Reino Unido.[4] En febreiro de 2014 o AW189 obtivo a certificación de tipo da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA);[6] a Administración Federal de Aviación (FAA) concedeu a súa certificación en marzo de 2015.[7] En agosto de 2015 o Comité Interestatal de Aviación (IAC) emitiu a súa certificación civil.[8]
En xuño de 2015 informouse que o lento desenvolvemento dos sistemas de protección contra o xeo que incorporará o AW189 atrasara a introdución do aparello nas operacións SAR baseadas no Reino Unido de Bristow Helicopters, que nese momento estaba nun estado de "avaliación operacional".[9][10] En setembro de 2015 AgustaWestland anunciou que a certificación da EASA do sistema de protección contra o xeo limitado do AW189 fora concedida, e afirmou que o helicóptero era o primeiro da súa categoría en recibir esa certificación.[11] En outono de 2015 AgustaWestland realizou probas de xeo en Alasca para voar dentro das condicións para conseguir a certificación como parte dos esforzos para cualificar o tipo para o seu rol SAR.[9][12]
En outubro de 2017 Leonardo anunciou que estaba desenvolvendo unha nova versión do helicóptero, chamada AW189K, que estaría impulsada por dous motores turboeixo de 2 500 CV Safran Aneto-1K fabricados por Safran Helicopter Engines. A certificación da EASA para o AW189K agardábase entón para finais de 2018.[13] En outubro de 2018 o prototipo do AW189K levaba acumuladas 105 horas en 90 voos, en camiño para unha certificación a finais de 2019. As operacións en ambientes quentes e de grande altitude poden beneficiarse dos 500 CV adicionais por motor. O consumo de combustible do Aneto podería ser un 10% maior que a do CT7 ao que substitue.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.