![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/dc/Taabasic1.jpg/640px-Taabasic1.jpg&w=640&q=50)
Adhesina autotransportadora trimérica
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular, as adhesinas autotransportadoras triméricas ou TAAs (polas súas siglas en inglés de trimeric autotransporter adhesin), son proteínas que se encontran na membrana externa das bacterias gramnegativas. As bacterias usan as TAAs para infectar as células dos seus hóspedes por medio dun proceso chamado adhesión celular.[1] As TAAs reciben tamén o nome de adhesinas superenroladas oligoméricas (OCAs, do inglés oligomeric coiled-coil adhesins). Esencialmente, son factores de virulencia, é dicir, factores que fan que as bacterias sexan máis daniñas e infectivas para o organismo hóspede.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/dc/Taabasic1.jpg/640px-Taabasic1.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/eb/PDB_3emo_EBI.png/640px-PDB_3emo_EBI.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/fd/Edwardsfig5.jpg/320px-Edwardsfig5.jpg)
As TAAs son só un dos moitos métodos que teñen as bacterias para conseguir infectar aos seus hóspedes, e orixinar infeccións que dan lugar a doenzas como a pneumonía, sepse e meninxite. A maioría das bacterias infectan os seus hóspedes por un método que utiliza algunha vía de secreción. As TAAs forman parte destas vías de secreción, concretamente do sistema de secreción de tipo Vc.[3]
As TAAs teñen unha estrutura peculiar. Dita estrutura é esencial para a súa función. Todas parecen ter unha estrutura de tipo cabeza-talo-áncora. Cada TAA está feita de tres proteínas idénticas, e de aí vén que se denominen triméricas. Unha vez que a áncora de membrana está inserida na membrana externa bacteriana, o chamado dominio pasaxeiro pasa a través dela ata a contorna extracelular do hóspede de forma autónoma, de onde vén que se denominen autotransportadoras. O dominio da cabeza, unha vez ensamblado, adhirese seguidamente a un elemento do hóspede da matriz extracelular, por exemplo, o coláxeno, a fibronectina etc.[2]