pintura de Rembrandt From Wikipedia, the free encyclopedia
A rolda nocturna ou A rolda de noite (en neerlandés: De Nachtwacht) é unha pintura ao óleo sobre tea do pintor Rembrandt, pintada entre 1639 e 1642. A pintura mide 380 cm de altura e 454 cm de largura e mostra a Garda Cívica de Ámsterdam baixo o mando do capitán Frans Banning Cocq. Xeralmente considerada como a magnum opus de Rembrandt, A rolda nocturna é unha das pinturas máis coñecidas do barroco. A peza é propiedade do municipio de Ámsterdam e forma parte da exposición permanente do Rijksmuseum, principal museo especializado en pintura neerlandesa.
A rolda nocturna | |
---|---|
Artista | Rembrandt van Rijn |
Data | 1642 |
Técnica | Óleo sobre tea |
Movemento | Barroco |
Dimensións | 363 cm × 437 cm |
Localización | Rijksmuseum (Ámsterdam) |
Aínda que A rolda nocturna estea historicamente consolidado como título da tea, orixinalmente foi designada como A Compañía do Capitán Frans Banning Cocq e do tenente Willem van Ruytenburch a prepararse para avanzar, segundo a inscrición que foi encontrada nun esbozo preparatorio:[1]
Esbozo da pintura no cal o mozo Heer van Purmerlandt (Frans Banning Cocq), como capitán, ordena ao seu tenente Heer van Vlaerderdingen (Willem van Ruytenburch), que poña a compañía cívica para marchar.[2]
O cadro foi chamado no século XIX Patrouille de Nuit[3] pola crítica francesa, e Night Watch[4] por Joshua Reynolds, de onde vén o seu nome popular. Dito nome xurdiu dun equívoco de interpretación, debido ao feito de que nesa época o cadro estaba bastante deteriorado e obscurecido pola oxidación do verniz, as súas figuras eran case indistinguíbeis e parecía unha escena nocturna. Despois da súa restauración en 1947, cando ese verniz obscurecido foi eliminado, descubriuse que o título non se axustaba á realidade, xa que a acción se desenvolvía durante o día e non á noite, no interior dun espazo teatral semiescuro no momento en que chega un potente raio de luz que ilumina intensamente as personaxes que figuran no cadro.
A obra foi unha encomenda da Corporación de Arcabuceiros de Ámsterdam para decorar o gran salón da Kloveniersdoelen, sede da compañía. Por ese motivo, Rembrandt concibiu unha tea de grandes dimensións, con preto de 5 metros de lonxitude e 3,87 metros de altura.
A tea mostra a milicia do capitán Frans Banning Cocq no momento en que este dá a orde para marchar ao alférez Willem van Ruytenburch. Atrás deles aparecen os dezaoito integrantes da Compañía, que pagaron de media cen floríns ao pintor para apareceren no cadro, unha suma máis que considerábel para a época. Os dous oficiais probabelmente pagaron máis, polo lugar privilexiado que ocupan na obra. En total, Rembrandt cobrou 1.600 floríns por este cadro.[5] Polo feito da compañía de arcabuceiros ser unha institución municipal, a tea continúa a ser propiedade do municipio de Amsterdam, que a presta ao Rijksmuseum sen contraprestación económica.
As personaxes aparecen captadas polo pintor neerlandés de tal xeito que é posíbel contemplalas en numerosas ocasións no momento en que diariamente a compañía se preparaba para formar e saír, e percorrer ordenadamente a cidade na súa misión de vixilancia da orde. Alén diso, no cadro aparecen tres nenos correndo e un can que animan a escena.
A obra, que debía concluírse o día do banquete de inauguración da sede da compañía foi, xunto con outros retratos corporativos, parte da conmemoración da chegada a Ámsterdam en 1638 da raíña nai María de Médici, viúva de Henrique IV de Francia, exiliada por orde do seu fillo Lois XIII e do seu aliado, o cardeal Richelieu. Esta visita rexia á capital neerlandesa foi celebrada polas autoridades con gran pompa.[6]
O pagamento polo traballo atrasouse debido ao feito de que a obra non cubriu as expectativas dos membros da milicia e por non estar perfectamente definida a presenza da maioría deles. A pesar da súa calidade, tamén pasou desapercibida pola crítica da época.
A escena da compañía forma parte fundamental da tradición neerlandesa de retratos colectivos que xurdiu na Idade de Ouro da arte dos Países Baixos. Pintores contemporáneos como Frans Hals dedicáronse case exclusivamente a este tipo de retratos ao óleo por encomenda.
Rembrandt afastouse do convencional, evitando unha escena estática e formal, e xerando, por outra banda, unha de acción, máis do gusto do estilo barroco que entón imperaba.
Mostra os soldados preparados para iniciar unha misión (que tipo de misión, ou se se trataba dunha patrulla ordinaria é motivo de discusión). Este ordenamento é completamente orixinal e constitúe unha nova maneira de concibir o retrato de grupo. O seu estilo causou a contrariedade dalgúns membros da milicia, polo feito de seren dificilmente distinguíbeis pola súa localización no fondo da tea. Ao contrario doutros cadros da mesma temática, en que a posición das personaxes segue unha orde xerárquica precisa, o pintor baseou a localización das personaxes unicamente en razóns artísticas.
Non obstante, a composición aparentemente desordenada está na realidade construída dun modo racional segundo os dous eixes medios do rectángulo que forma a tea:
O debuxo, só esbozado, fica diminuído pola importancia da cor e da luz, sendo pouco nítidas as contornas das figuras.
Influenciado por Caravaggio, Rembrandt utiliza o chiaroscuro, creando fortes contrastes entre luz e sombra. O raio de luz provén da esquerda, segundo a dirección das sombras proxectadas. Esta luz, a pesar da súa concepción realista, non actúa uniformemente, sendo que ilumina e destaca personaxes concretas, mentres relega outras á sombra. En ocasións parece que nace do interior das figuras, como no caso da meniña que corre. A iluminación é a gran protagonista deste cadro, porque crea unha atmosfera máxica semiescura con sombras envolventes e luces cegadoras.
A cor está aplicada con pinceladas espontáneas. O cromatismo da tea faise presente polos tons cálidos de terra e ocres, con excepción do vermello do pano do capitán e do arcabuceiro á súa dereita, do branco ocre da meniña atrás del e do amarelo do tenente. Emprega tonalidades opostas para contrastar como o uniforme claro e escuro das dúas personaxes centrais, a roupa negra do capitán resaltando coa súa gola branca ou a roupa dourada do tenente en contraste cos rostros iluminados.
O destino orixinal para a tea era o Groote Zaal (Gran Salón) do Kloveniersdoelen, sede municipal da Compañía de Arcabuceiros da capital neerlandesa. Este predio foi demolido e substituído a mediados do século XIX polo hotel Doelen. En 1715, A rolda nocturna foi trasladada á sede do concello de Ámsterdam na praza Dam.[1] As súas grandes dimensións fixeron que fose recortado nesa época, cando se cortou unha faixa no lateral esquerdo e superior, eliminando tres personaxes do cadro. As dimensións orixinais do cadro coñécense debido a que hai varias copias anteriores a 1715, entre as que destaca unha copia do cadro da autoría de Gerrit Lundens que se conserva na National Gallery de Londres.
Cando as tropas napoleónicas ocuparon os Países Baixos e Napoleón entronizou seu irmán Lois como rei de Holanda en 1806, a sede do concello converteuse en Palacio Real (función que aínda mantén) e os maxistrados municipais trasladaron o cadro á Trippenhuis (casa da familia Trip). Inmediatamente, Napoleón ordenou a súa volta ao palacio e mantívoo alí ata a caída do Imperio. Tras diso, A rolda nocturna volveu á Trippenhuis, onde permaneceu ata 1885, ano en que se finalizaron as obras do predio do Rijksmuseum e o cadro foi trasladado para a súa localización actual.
Durante a Segunda guerra mundial, para salvar o patrimonio artístico durante o conflito, as principais obras do Rijksmuseum foron depositados en distintos búnkers denominados "refuxios nacionais" construídos nas dunas de Heemskerk e Zandvoort. En 1942, os cadros foron trasladados a agochos en Steenwijk e Maastricht.
A obra estivo escondida cinco anos, sendo a súa última localizacón un búnker no subsolo da capital de Limburgo. Foi separada do seu cadro e enrolada nun cilindro. O 25 de xuño de 1945, a obra volveu a Ámsterdam, sendo restaurada no taller do Rijksmuseum.[7]
No século XX A rolda nocturna foi albo de actos vandálicos. O 13 de febreiro de 1975, un enfermo mental vandalizou a obra cun coitelo facéndolle numerosos cortes en zigzag.[1] Despois do ataque de 1975, a tea foi restaurada con éxito. Dez anos despois, en 1985, un visitante do museo asperxeu a pintura cun aerosol de ácido que levaba oculto. A rápida intervención dos gardas de seguranza e a auga que lle foi pulverizada neutralizaron o ácido que non chegou a tocar a tea e soamente danou o verniz. De novo, a obra foi restaurada por completo.
A obra inspirou numerosas creacións. Un dos exemplos é unha copia do cadro, grazas a cal se coñecen as súas dimensións orixinais.
A comisión do IV centenario do nacemento de Rembrandt colocou estatuas de bronce esculpidas por Alexander Taratynov e Mikhail Dronov, xunto á estatua do pintor na praza Rembrandt de Ámsterdam. As estatuas son réplicas das personaxes que figuran no cadro e ficaron na praza nunha exposición permanente.
De entre as homenaxes ao seu centenario está tamén un filme dedicado ao cadro titulado Nightwatching, protagonizado por Martin Freeman no papel de Rembrandt e Emily Holmes como súa segunda esposa, Hendrickje; foi dirixido polo cineasta británico Peter Greenaway. O filme foi presentado no Festival Internacional de Cinema de Venecia o 6 de setembro de 2007 e tivo a súa estrea comercial nos cinemas dos Países Baixos en xaneiro de 2008.[8]
A música atopou tamén inspiración na tea, como o segundo movemento da Sinfonía n.º 7 de Gustav Mahler e a ópera De Nachtwacht composta polo músico neerlandés Henk Badings en 1942, ademais das cancións "Night Watch" de King Crimson inspirada polo nome da tea ou "The Shooting Company of Captain Frans B. Cocq", con referencias máis explícitas, do grupo Ayreon.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.