novela de Joris-Karl Huysmans From Wikipedia, the free encyclopedia
A contrafío[1] (en francés: À rebours) é unha novela do escritor francés Joris-Karl Huysmans publicada por vez primeira en 1884. O editor e poeta inglés Arthur Symons cualificouna como "o breviario da decadencia"[2], mentres que os galos Guy de Maupassant e Paul Alexis a describiron, respectivamente, como "a historia dunha neurose"[3] e "o estudo naturalista dun caso de neurose"[4]. Tamén é habitual cualificar a obra como un manifesto estético[5][6].
A contrafío | |
---|---|
Título orixinal | À rebours |
Autor/a | Joris-Karl Huysmans |
Orixe | Francia |
Lingua | Francés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | G. Charpentier Editorial Hugin e Munin |
Data de pub. | 1884 2016 |
Formato | Tapas duras e brandas |
Páxinas | 322 |
ISBN | ISBN 978-84-944422-9-2 |
Tradución | Isabel Soto |
[ editar datos en Wikidata ] |
Foi traducida ao galego por Isabel Soto[7] e publicada en 2016 por Editorial Hugin e Munin.[1]
A narración céntrase no seu personaxe protagonista, Jean des Esseintes, e ofrece un extenso catálogo dos seus gustos e forma de vida. Trátase dun home excéntrico, cualidade de esteta e antiheroe; odia a burguesía e o utilitarismo do século XIX, polo que trata de retirarse nun mundo artístico creado por el mesmo.
A contrafío aborda diversos temas simbolistas. Representa a ruptura co naturalismo e a miúdo é considerada a Biblia do decadentismo[8].
Na novela de Oscar Wilde O retrato de Dorian Gray, este é o libro que Lord Henry Wotton lle entrega a Dorian Gray e que o acaba por levar á súa completa corrupción[9].
Se ben o movemento decadentista tivo escasa implantación en Galicia, o certo é que A contrafío si xoga un papel relevante en canto á constitución da literatura galega[10], como obra de referencia para diversos autores da Xeración Nós (de maneira notable, para Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco) así como para outros xa da segunda metade do século XX, como Lois Pereiro.
Risco sinala de maneira explícita no seu ensaio Nós, os inadaptados (1933) a súa admiración por Huysmans, a súa obra A contrafío e, en concreto, por Jean des Esseintes en tanto que arquetipo do dandi:
O tipo [inadaptado] deuse adoito na fin do século derradeiro, e atopou cecais a máis nidia expresión literaria no Des Esseintes de Huysmans. O tíduo da novela de Huysmans dío todo: À rebours; porque eso é o que son os inadaptados, os que van a contrafío do seu tempo, os que non acaen cos seus contemporáneos.
Nese sentido, o crítico Manuel Rodríguez Alonso sostivo que a estética de Huysmans está presente en O porco de pé de Risco.[11]
Por outra banda, Pedrayo, en Arredor de si (1930), cita expresamente a Huysmans en dúas ocasións. Unha desas veces traza un paralelismo entre Adrián Solovio e as experiencias que Des Esseintes vive no capítulo XI da novela gala. Di así:
Unha noite Adrián lembrara unhas páxinas de À rebours de Huysmans. Deberíase traducir en castelán “a contrapelo”. Tivo a mesma fame de vida inglesa, salgada e forte, do wiking dono dos ronseis do mar. Baixoas arcadas de Rivoli o título “Bodega” arredondeábase groso e cheo, seguro e ditoso como un tonel.
Aludindo a Solovio e a Des Esseintes, Ramón Lugrís escribía (orixinalmente en lingua castelá) en 1967:
Hai dous tipos de Inadaptados: o que rompe coa sociedade e illa dela, e o que busca abrir novos camiños. Ao primeiro corresponde o protagonista de À Rebours; ao segundo corresponde Adrián, o protagonista de Arredor de si.
Anos máis tarde, o escritor Lois Pereiro incluíu a Huysmans ("sen dúbida Huysmans") no artigo sobre grandes escritores do Decadentismo que escribiu para A Naval.[12]
Manuel Outeiriño tamén viu a vinculación entre a obra de Huysmans e Pereiro.[13].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.