Minisatélite (ADN)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética, un minisatélite é un tracto de ADN repetitivo no cal certos motivos (cunha lonxitude entre 10 e 60 pares de bases) están repetidos normalmente varios centos de veces.[1] Os minisatélites aparecen en máis de mil lugares no xenoma humano e salientan pola súa alta taxa de mutación e alta diversidade na poboación.[2] Os minisatélites son frecuentes nos centrómeros e telómeros dos cromosomas, e nestes últimos protexen o cromosoma de danos. O nome "satélite" débese ás observacións iniciais de centrifugacións de ADN xenómico nun tubo de ensaio, nas que se separaba unha capa prominente de ADN masivo de capas "satélite" acompañantes de ADN repetitivo. Os minisatélites son pequenas secuencias que non codifican proteínas senón que aparecen por todo o xenoma centos de veces, e as súas moitas copias repetidas sitúanse unhas despois das outras.
Os minisatélites e os seus parentes máis curtos, os microsatélites, clasifícanse xuntos co nome de ADN VNTR (do inglés variable number of tandem repeats, repeticións en tándem de número variable). O uso da terminoloxía pode ser confuso, porque aos minisatélites se lles chama a miúdo VNTRs, e aos microsatélites se lles chama con frecuencia repeticións en tándem curtas (STRs) ou repeticións de secuencia simple (SSRs).[3][4]