Ácido fosfatídico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ácidos fosfatídicos (abreviadamente PA) son un tipo de fosfolípido composto por un glicerol que ten esterificados os seus grupos OH con dous ácidos graxos e un ácido fosfórico. Tamén pode describirse como un diacilglicérido fosfatado, o fosfolípido máis simple. O ácido fosfórico está ionizado a pH celular, orixinando fosfatidatos. Os ácidos fosfatídicos diferéncianse uns doutros polos ácidos graxos que leven.
Os ácidos fosfatídicos son o esqueleto básico de todos os fosfolípidos, os cales levan unha molécula polar esterificada no fosfato do ácido fosfatídico, polo que reciben o nome de fosfatidil + nome da cabeza polar, por exemplo fosfatidilcolina, fosfatidiletanolamina etc. Os fosfolípidos son os principais constituíntes das membranas celulares.
O ácido fosfatídico é tamén o punto de partida para a síntese de triacilglicéridos (triglicéridos).