Pintura barroca
From Wikipedia, the free encyclopedia
A pintura barroca é a pintura relacionada co movemento cultural barroco. Este movemento, a miúdo, é identificado co absolutismo, a Contrarreforma e o renacemento católico, mais a existencia dunha importante arte e arquitectura barroca en países non absolutistas e protestantes por toda Europa Occidental evidencian a súa ampla popularidade.[1][2][3] A pintura adquiriu un papel prioritario dentro das manifestacións artísticas, e chegou a ser a expresión máis característica do peso da relixión nos países católicos e do gusto burgués nos países protestantes.
De xeito xenérico, a arte barroca caracterízase polo realismo superficial, as cores ricas e intensas, e os fortes contrastes de luces e sombras. En oposición á arte renacentista, que normalmente mostraba o momento anterior a ocorrer calquera acontecemento, os artistas barrocos elixían o punto máis dramático, o momento en que a acción estaba a ocorrer: Miguel Anxo, que traballou durante o Alto Renacemento, mostra o seu David composto e quieto antes de loitar contra Goliat; en troques, o David barroco de Bernini foi captado no acto de lanzar a pedra contra o soldado. Como valores principais, a arte barroca pretendía evocar a emoción e a paixón en lugar da tranquila racionalidade que fora apreciada durante o Renacemento.
A pintura barroca abrangue un amplo períodos que comeza ao redor do ano 1600 e continúa ao longo de todo o século XVII, e a principios do século XVIII. Entre os máis grandes pintores do período barroco atópanse Caravaggio,[4] Rembrandt,[5] Rubens,[6] Velázquez, Poussin[7] e Vermeer.[8] Caravaggio foi herdeiro da pintura humanista do Alto Renacemento. O seu enfoque realista da figura humana, pintada directamente do natural e iluminada dramaticamente contra un fondo escuro, sorprendeu aos seus contemporáneos e abriu un novo capítulo na historia da pintura. A pintura barroca a miúdo dramatiza as escenas usando os efectos lumínicos do claroscuro; isto pode verse en obras de Rembrandt, Vermeer, Le Nain e La Tour. O pintor flamengo Anton Van Dyck desenvolveu un estilo de retrato cortesán, con graza, que influíu moito, especialmente en Inglaterra.
A prosperidade da Holanda do século XVII levou a unha enorme produción artística cun gran número de pintores con gran destreza que se especializaron en xéneros determinados: obras de xénero, paisaxes, bodegóns, retratos ou pintura de historia. Os estándares técnicos eran moi altos, e a Idade de Ouro holandesa estableceu un novo repertorio de temas que foron moi influentes até a chegada do Modernismo.