Anton van Dyck
Pintor de Flandres / From Wikipedia, the free encyclopedia
Anton van Dyck,[1][2] nado en Antuerpen o 22 de marzo de 1599 e finado en Londres o 9 de decembro de 1641, foi un pintor flamengo especialmente dedicado á elaboración de retratos. Na súa lingua materna, o neerlandés, o seu nome é Antoon van Dijck (a palabra dijck significa 'carballo' ou 'aciñeira'). Chegou a ser o primeiro pintor de corte en Inglaterra tras unha longa estancia en Italia. É universalmente coñecido polos seus retratos da nobreza xenovesa e de Carlos I, rei de Inglaterra, dos membros da súa familia e da súa corte. Co seu método de pintura dunha elegancia relaxada, influíu nos retratistas ingleses, como Peter Lely ou Mary Beale. Ademais de retratos, polos cales foi bastante apreciado, ocupouse tamén de temas bíblicos e mitolóxicos, introducindo algunhas notables innovacións pictóricas.
Grande para Flandres era a fama de Peter Paul Rubens, cando en Antuerpen na súa escola xurdiu un mozo levado de tan nobre xenerosidade de costumes e dun tan belo espírito na pintura que ben deu signos de ilustrala e aumentar o seu esplendor.Giovanni Pietro Bellori[3]
En Antuerpen foi discípulo de Hendrick van Balen, con quen permaneceu entre 1609 e 1610.[4] Máis adiante foi tamén alumno e asistente de Rubens, do que asimilou a técnica e en parte tamén o estilo, e en 1618 foi admitido como mestre no gremio de San Lucas.
Tras pasar a mocidade en Antuerpen, trasladouse a Italia onde realizou a viaxe ritual de formación característica de todos os grandes pintores flamengos. Alí tivo a oportunidade de ver e copiar algunhas grandes obras renacentistas, especialmente do seu pintor favorito, Tiziano. Ao volver de Italia, pasou a Inglaterra, á corte de Carlos I, onde se ocupou case exclusivamente de retratos. Morreu en Londres á idade de 42 anos e foi enterrado na Catedral de San Paulo.