Mielencéfalo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O mielencéfalo é a primeira vesícula do encéfalo do sistema nervioso embrionario, orixinada polo rombencéfalo ou cerebro primitivo posterior, e que posteriormente dará lugar ao bulbo raquídeo.[1]
Arredor da sexta e inicio da sétima semana de xestación o rombencéfalo divídese e orixina o mielencéfalo e o metencéfalo. Ao final da oitava e principios da novena semana estas vesículas formarán o bulbo raquídeo (mielencéfalo) e o cerebelo e ponte de Varolio (metencéfalo). A diferenciación final da forma do bulbo raquídeo pode observarse ás 20 semanas de xestación.[2]
O lume da vesícula, que orixinariamente tiña un aspecto de fenda, agrándase para formar a porción caudal do cuarto ventrículo. Neste proceso, a placa do teito (parede delgada dorsal) esténdese e adelgaza moito, e con frecuencia recibe o nome de tea coroide do cuarto ventrículo por estar comprendida na formación do plexo coroide posterior.
O suco limitante, que na medula era unha liña de demarcación entre a rexión sensorial da placa alar e a rexión motriz da placa basal continúa no mielencefalo. Está claramente marcado nos estadios temperáns e, aínda que máis tarde queda enmascarada en ambas as rexións debido ao crecemento de masas nucleares subxacentes, permanece como unha liña de demarcación valiosa para delimitar centros motores e sensoriais.
Forma os nervios craniais IX, X, XI, XII (glosofrarínxeo, vago, accesorio e hipogloso), e unha porción do vestibulococlear (VIII).