Megalitismo en Galicia
From Wikipedia, the free encyclopedia
O megalitismo en Galiza considérase que forma parte dunha mesma zona megalítica na que entra, ademais de Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora. Esta zona ten arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que, desde a análise de inicios do século XXI, se estima que son relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.
- Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.
O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.
Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".