Medula espiñal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A medula espiñal é a continuación do encéfalo desde o foramen magnum occipital, ó nivel da decusación das pirámides do bulbo raquídeo, ata a rexión lumbar. Alóxase no conduto vertebral. No ser humano é un cordón nervioso cunha lonxitude que non coincide coa da columna vertebral. No corpo humano adulto a medula espiñal chega aproximadamente ata a vértebra lumbar L1, aínda que no nadón pode chegar ata a L3 e ten forma case cilíndrica (a medida que a medula se separa do bulbo raquídeo adquire forma máis cilíndrica); a partir dese nivel a medula continúa formando un filamento delgado chamado filamento terminal, que está unido ao cóccix. En realidade é un tanto aplanada, aínda conservando a súa forma cilíndrica, o seu diámetro é lixeiramente maior nas rexións cervical e lumbar, principalmente debido ao incremento do número de neuronas e axóns nestas rexións para a innervación dos moitos músculos dos membros superiores e inferiores[1].
Medula espiñal | |
---|---|
A medula espiñal (en amarelo) conecta o cerebro cos nervios por todo o corpo. | |
Latín | Medulla spinalis |
A medula espiñal é a encargada de levar os impulsos nerviosos desde as diferentes rexións do corpo cara ó encéfalo, e do encéfalo ós segmentos distais do corpo, aspecto dunha grande importancia clínica. Tamén se encarga de controlar as actividades motoras involuntarias mediante o chamado acto reflexo. Ademais transmite información do sistema nervioso simpático e parasimpático.
Polo nome pode confundirse coa medula ósea aínda que sexan totalmente distintas. Esta última fabrica as células sanguíneas e non ten ningunha función nerviosa. Tampouco se debe confundir coa espiña dorsal, que é outro nome que se lle dá á columna vertebral.