Lost (serie de televisión)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Lost é unha serie de televisión norteamericana estreada orixinalmente a través da American Broadcasting Company (ABC) dende 22 de setembro de 2004 ata o 23 de maio de 2010, cun total de seis tempadas. Trata dos acontecementos que lles suceden aos sobreviventes dun accidente de avión nunha misteriosa illa tropical, despois de que o voo comercial 815 de Oceanic Airlines entre Sidney e Os Ánxeles se estrelase nalgún lugar do Pacífico Sur. Cada episodio mestura o argumento principal da illa así como unha historia secundaria a través dun flashback sobre a vida dalgún dos personaxes, aínda que segundo vai avanzando a serie vanse sucedendo outras técnicas narrativas para estruturar os episodios. O primeiro episodio ou episodio piloto da serie foi escrito por J. J. Abrams, Jeffrey Lieber e Damon Lindelof e dirixido por Abrams. Este episodio e converteuse no episodio máis caro da historia da televisión no momento da súa estrea (actualmente superado polos episodios pilotos de Terranova e Boardwalk Empire). Emitiuse o 22 de setembro de 2004[1], e dende entón foron emitidas seis tempadas, rematando o 23 de maio de 2010. Este episodio final foi emitido simultaneamente en nove países. Para satisfacer aos fanáticos da serie escribiouse un epílogo onde se resolvían algúns misterios da illa que quedaron pendentes. A serie é transmitida pola American Broadcasting Company nos Estados Unidos, así como en diferentes cadeas en moitos outros países.
Debido ao seu grande elenco de actores e o custo da filmación principalmente na illa de Oahu en Hawai[2], é unha das series máis caras da televisión[3]. A serie foi creada por Damon Lindelof, J. J. Abrams e Jeffrey Lieber e é está producida por ABC Studios, Bad Robot Productions e Grass Skirt Productions. A banda sonora orixinal está composta por Michael Giacchino. Os produtores executivos da tempada final son Lindelof, Abrams, Bryan Burk, Jack Bender, Edward Kitsis, Adam Horowitz, Jean Higgins, Elizabeth Sarnoff e Carlton Cuse.
Aclamada pola crítica e o éxito popular, Lost obtivo unha media de 16 millóns de espectadores por episodio na ABC durante o seu primeiro ano. Ademais, gañou numerosos premios da industria, entre eles o Emmy á mellor serie de drama en 2005[4] e o Globo de Ouro á mellor serie de televisión dramática en 2006. Debido a este grande éxito e a un público moi fiel, a serie converteuse en parte da cultura popular, habendo moitas referencias á historia e aos diferentes elementos que aparecen noutras series de televisión[5], anuncios, banda deseñada[6], revistas de humor, videoxogos[7][8] e música. Todo este universo ficticio tamén está acompañado de novelas, xogos de mesa e videoxogos, con xogos de realidade alternativa, como The Lost Experience e Find 815.
Lost finalizou na súa sexta tempada, retransmitíndose o seu último episodio, o número 121[9], o 23 de maio de 2010[10][11].