Lois XV de Francia
rei de Francia dende 1715 até 1774 / From Wikipedia, the free encyclopedia
Lois XV[1] ou Luís XV de Francia, nado no Palacio de Versalles o 15 de febreiro de 1710 e finado no mesmo lugar o 10 de maio de 1774, foi rei de Francia e de Navarra[2] e copríncipe de Andorra entre os anos 1715 e 1774. Ademais, ostentou o título de duque de Anjou.
Herdou o trono do seu bisavó Lois XIV á idade de cinco anos, e pasou os seus primeiros anos de reinado en relativa tranquilidade, rodeado de preceptores que o proveron dunha gran cultura, mentres que o poder efectivo foi entregado a varios rexentes. Ao alcanzar a maioría de idade, confiou o goberno ao cardeal Fleury, o seu antigo preceptor.
A diferenza de Lois XIV non tivo contacto directo coa vida política do seu país: reuníase con pouca frecuencia cos seus ministros e actuou en contra das súas expectativas, tramando unha rede de diplomáticos e espías. O seu desinterese pola política e a constante sucesión de ministros que debilitaban o poder de Francia en Europa contribuíron en sentar as bases para a Revolución Francesa.
Ao inicio do seu reinado foi amado polo pobo, que rapidamente o alcumou como O Ben Amado (en francés, Le Bien-Aimé). Porén, cos anos, a súa debilidade na toma de decisións e a constante e intrigante presenza das súas amantes dinamitou a súa popularidade, producíndose en París algunhas celebracións á súa morte. Por iso tivo que se celebrar en segredo o seu funeral, para evitar que se producisen burlas públicas ante o seu cadaleito, tal e coma ocorrera co seu predecesor.
Baixo o seu reinado, Francia logrou grandes éxitos militares, como a anexión do Ducado de Lorena e Córsega; porén, perdeu gran parte do seu imperio colonial en favor de Gran Bretaña.