Lista de monarcas do Reino Armenio de Cilicia
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Este artigo refírese á Lista de monarcas do Reino Armenio de Cilicia. Este foi un estado formado na Idade Media por armenios que, despois da conquista de Armenia polos selxúcidas, emigraron en masa á rexión de Edesa, Antitauro e Cilicia. Nesta zona, os armenios ocuparon o poder rexeitando aos bizantinos e crearon un principado que, de novo, foi recuperado polos bizantinos.
Posteriormente, volveu ser independente, coa dinastía Rubénida, unha póla da dinastía bagratuni ou dinastía Bagrátida, que durante moito tempo controlou os tronos de Armenia e Xeorxia. Estes gobernantes rubénidas que, eran inicialmente príncipes rexionais, grazas aos seus estreitos lazos co mundo occidental despois da Primeira cruzada, conseguiron que o principado fose recoñecido como reino (Reino Armenio de Cilicia) en 1198,[1] polo Sacro Imperio Romano Xermánico, e que León II, príncipe de Cilicia se convertese en rei coa denominación de León I, rei de Cilicia. Os reis deste novo reino levaban o título de "rei de Armenia", malia que este reino era territorialmente diferente dos anteriores reinos de Armenia.
En 1252, a dinastía rubénida rematou, trala morte da súa derradeira representante, Isabel de Armenia. Dende ese ano, gobernou o seu marido Hethum I, dando principio á dinastía hethúmida, que perdurou até 1341, ano no que morreu León IV. Daquela, foi elixido para sucedelo o seu curmán, Constantino II, que foi o primeiro rei da dinastía Lusignan. Durante os primeiros anos do reinado de León V, o reino foi conquistado polos mamelucos[2] e, en diante, os titulares dos dereitos convertéronse en meros aspirantes ao trono.
No 1485, Carlota de Chipre cedeu os dereitos ao trono á Casa de Savoia[3] e, o título quedou en desuso até despois de 1861.