Estados membros da OTAN
From Wikipedia, the free encyclopedia
A OTAN (Organización do Tratado do Atlántico Norte) é unha alianza internacional composta de 30 estados membros de Europa, América do Norte, e Asia. Estabeleceuse coa sinatura do Tratado do Atlántico Norte o 4 de abril de 1949. O Artigo Cinco do tratado expón que se un ataque armado acontece contra algún dos estados membros, será considerado un ataque contra todos eles, polo que os demais estados membros asistirán ao membro atacado, con forzas armadas se é preciso.[1]
Dos 30 países membros, 27 atópanse principalmente en Europa, dous en América do Norte, e un en Asia. Entre 1994 e 1997, creáronse foros máis amplos para a cooperación rexional entre a OTAN e os seus veciños, como a Asociación para a Paz, a iniciativa do Diálogo mediterráneo e o Consello de Asociación Euro-Atlántico.
Todos os membros teñen exércitos, agás Islandia, que non posúe un exército típico (mais ten unha garda costeira e unha pequena unidade de especialistas civís para as operacións da OTAN). Tres dos membros da OTAN son países con armamento nuclear: Francia, Reino Unido e Estados Unidos. A OTAN conta con 12 estados membros fundadores. Tres novos estados asociáronse entre 1952 e 1955, e un cuarto membro uniuse en 1982. Dende 1999 a 2020, despois da fin da Guerra Fría, a OTAN engadiu 14 membros máis.
Actualmente a OTAN recoñece a Bosnia e Hercegovina, Xeorxia, e Ucraína como membros candidatos na súa política de ampliación de Portas Abertas.[2]