Estádio do Maracanã
O Estádio Jornalista Mário Filho, máis coñecido como Maracanã, é un estadio de fútbol brasileiro localizado no Río de Xaneiro e inaugurado en 1950, con motivo da celebración da Copa do Mundo de fútbol daquel ano. Desde entón, o Maracanã foi palco de grandes momentos do fútbol brasileiro e mundial, como as finais do Campionato Brasileiro, do Campionato Carioca, da Copa Libertadores, da primeira Copa Mundial de Clubs da FIFA, así como doutras competicións internacionais e partidos da selección brasileira. Foi un dos locais de competición dos Xogos Panamericanos de 2007, albergando as competicións de fútbol e as cerimonias de apertura e de clausura. Tamén foi sede e albergou as cerimonias de apertura e clausura dos Xogos Olímpicos de 2016, disputados na cidade do Río de Xaneiro.