From Wikipedia, the free encyclopedia
As zonas húmidas protexidas son ecosistemas que teñen auga constantemente ou dun xeito estacional[1] e que polo seu interese de protección e conservación son espazos naturais protexidos. Segundo a Convenio de Ramsar, unha zona húmida é unha «área de marismas, esteiros, foces ou turbeiras, tanto naturais como artificiais, nas que a auga é estática ou flúe, é tanto doce, salobre coma salgada, e áreas nas que a auga mariña en marea baixa non ten unha profundidade maior de seis metros».[2] Agás na Antártida, estas zonas están por todo o planeta e son ecosistemas como os de lagoas e ríos, acuíferos subterráneos, marismas, esteiros, turbeiras, deltas, mangleirais, corais ou encoros construídos, entre outros.[1]
As zonas húmidas máis destacables do planeta, segundo a UNESCO, son Tonlé Sap (Camboxa), Pantanal (Brasil), Lac Saint-Pierre (Canadá), a Ciénaga Grande de Santa Marta (Colombia), Camarga (Francia), a reserva da biosfera de Hara (Irán), o delta do Volga (Rusia), Langebaan (Suráfrica), The Everglades (EEUU) e o delta du Saloum (Senegal).[1]
As zonas húmidas Ramsar supera en 2017 as 2200 e cobren o 2,1% da superficie do planeta.[3] En Galicia hai declarados cinco zonas húmidas de importancia internacional.
A Convención de RAMSAR comezou en 1971 en Irán coa finalidade de protexer a nivel internacional as zonas húmidas co fin de preservalas. A UNESCO estableceu lazos de colaboración coa Ramsar para colaborar na preservación das zonas húmidas. Así as reservas da biosfera da UNESCO inclúen a estas zonas como obxectivo de preservación e conservación.[1]
As zonas húmidas que protexe o estado español son aquelas declaradas como "zonas húmidas de importancia internacional" dentro do Convenio de Ramsar, que comezou a ser elaborado en 1971,[4] e aquelas outras zonas húmidas de interese que se engaden nun "inventario nacional de zonas húmidas"[5][6].
As leis 42/2007 do "patrimonio natural e da biodiversidade", no seu artigo 9.3, e o decreto 435/2004 do 12 de marzo establecen o marco lexislativo para a xestión dese "inventario español de zonas húmidas". Recoller a información e elaborar as peticións coa que se engaden zonas húmidas ao catálogo correspóndelle ás comunidade autónomas.[7]
España adheriuse ao Convenio Ramsar en 1982 incluíndo ás zonas húmidas dos ecosistemas de Doñana e Tablas de Daimiel. En setembro de 2014 había 74 zonas recollidas no "inventario español de zonas húmidas".[4]
A Xunta de Galicia regulou polo decreto 110/2004, do 27 de maio, e seguindo a lei 9/2001 do 21 de agosto para a conservación da natureza, definiu a política das zonas húmidas protexidas e amparou a espazos naturais antes declarados de interese. A definición de zona húmida segue nesta lexislación galega a definición Ramsar e establece que poden ser ribeiras, zonas de costa ou próximas á costa, illas ou áreas mariñas de baixa profundidade se están dentro doutra área húmida.[8]
As zonas húmidas galegas declaradas, e que son tamén zonas húmidas de interese internacional na lista Ramsar, son:
Nome | Superficie (ha.) |
---|---|
Lagoa e areal de Valdoviño | 740,70 |
Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira | 2476,72 |
Ría de Ortigueira e Ladrido | 2985,28 |
Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo | 982,90 |
Ría de Ribadeo | 563,44 |
Portugal asinou en 1980 a Convención de Ramsar e declarou en 1981 as súas dúas primeiras zonas húmidas protexidas: o esteiro do Texo e a ría Formosa. En 2017 contaba con 31 lugares Ramsar, que suman 132 mil ha., e que protexen zonas continentais, como da lagoa da Albufeira, e das súas illas, como unha importante superficie litoral e mariña dos Azores.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.