O Valedor do Pobo ou Valedora do Pobo é o comisionado ou a comisionada do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades dos galegos, de acordo co establecido no título I da Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.
Valedor do Pobo | |
---|---|
Sede do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela. | |
En exercicio | Dolores Fernández Galiño |
Ámbito | Galicia |
Designado por | Parlamento de Galicia |
Duración | Cinco anos |
Creación | 1981/1984 |
Primeiro titular | Xosé Cora Rodríguez |
A figura
A figura do Valedor do Pobo, semellante ao Defensor do Pobo e institucións similares doutras comunidades autónomas e estados, aparece recollida no artigo 14 do Estatuto de Autonomía de 1981.
O Valedor é elixido polo Parlamento de Galicia por un período de cinco anos. A elección faise por maioría cualificada de tres quintos dos membros da Cámara. Cada ano, o alto comisionado presenta a súa memoria anual diante dos parlamentarios galegos.
O Valedor ten autonomía respecto aos demais poderes. Pode actuar tanto de oficio como previa queixa dalgún cidadán. A súa capacidade de supervisión abrangue dende "a Administración da comunidade autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes" ata a da "Administración local naquelas materias que sexan competencia da comunidade", como se recolle na páxina web da institución. Non ten capacidade coercitiva, nin potestade sancionadora, "senón unicamente de persuasión", aínda que si pode chegar a declarar "non colaboradora" ou "hostil" a algunha persoa ou institución. A lei tamén establece que os poderes públicos galegos están obrigados a prestar axuda e colaboración ao alto comisionado en todo aquilo que este demande.
Aínda que a Lei do Valedor establece que poderá ocupar o cargo calquera cidadán "que goce da condición política de galego", os seus ocupantes son habitualmente persoas extraídas do mundo xudicial. A norma establece que o Valedor ten que ter un carácter independente e imparcial, polo que non pode estar afiliado a ningún partido ou manter unha ocupación á marxe da de alto comisionado.
O Valedor ten sede propia, inaugurada o 14 de maio de 1993 e que está situada a carón da do Parlamento.
Funcións
A lei recoñécelle tres funcións esenciais ao Valedor do Pobo:
- A investigadora, sobre as actuacións ou resolucións da Administración pública galega. Os poderes públicos teñen a obriga de colaborar co comisionado, que, en caso de atopar atrancos, ten a posibilidade de declarar "hostil" ou "entorpecedora" á administración en cuestión.
- A mediadora ou de conciliación entre Administración e administrado, para solucionar as controversias suscitadas.
- A de propoñer modificacións legais, "cando se chega á convicción de que a súa rigorosa aplicación podería levar a situacións inxustas ou prexudiciais para os administrados".[1]
Para o seu traballo, o comisionado pode contar con varios vicevaledores.
A cobertura do cargo
Aínda que o Valedor é definido no Estatuto do 1981, ata tres anos despois non se fai oficial esta figura, coa Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia[2], e ata 1990 non é designado o primeiro ocupante do cargo.
O requirimento da maioría cualificada e a falta de acordo entre as forzas políticas ten provocado que algúns ocupantes do cargo estiveran máis tempo do que lles correspondía por lei. Foi xa o caso do primeiro, Xosé Cora Rodríguez, quen estivo 20 meses máis do que lle tocaba, e do segundo, que prorrogou o seu mandato un ano.
O Valedor é elixido polo Parlamento, previa proposta da comisión de Peticións da Cámara galega. Aínda que o candidato adoita chegar consensuado entre todos os partidos, non ocorreu así co primeiro. O 8 de maio de 1990, cando a comisión de Peticións debatía quen ía propoñer como candidato, o BNG formulou a candidatura de Isaac Díaz Pardo, rexeitada polos demais partidos. Pero uns días despois, presentou unha impugnación, logo rexeitada tamén, pero que atrasou a elección do primeiro Valedor ata a sesión plenaria de 1 de xuño de 1990.
As longas negociacións entre partidos fixeron que tamén se atrasaran as eleccións dos dous seguintes valedores.
Persoeiros que ocuparon o cargo
- Xosé Cora Rodríguez, 8 de xuño[3] de 1990-2002.
- Xosé Ramón Vázquez Sandes, 1 de marzo de 2002-2007.
- Benigno López González, 22 de xullo de 2007-15 de maio de 2012.
- José Julio Fernández Rodríguez, 25 de maio de 2012[4]-agosto de 2015. De xeito interino.
- Milagros Otero Parga, 2 de setembro de 2015[5]-2019.
- Dolores Fernández Galiño dende agosto de 2019.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.