Urbano era fillo de José Ferreiroa Álvarez (morto en 1883[2]) e de Peregrina Millán Rodríguez (finada en 1904[3]). Tiña catro irmáns: Irene, Antonio, Félix e José.[4] Fixo os estudos medios no Instituto de Ourense e despois filosofía e teoloxía no Seminario Conciliar de San Fernando desa cidade. Ampliou os estudos eclesiásticos en Madrid e Roma. Doutorouse en Teoloxía e Dereito Canónico na diocese de Toledo. Regresou a Ourense e en 1870 fundou xunto con Venancio Moreno Pablos e Celedonio Osorio Lafuente o semanario La Nacionalidad. En 1878 viaxou a Roma, onde foi recibido en audiencia polo papa León XIII[5] (de quen se faría capelán ou camareiro) e onde moraría durante catro anos.[6] Relatou o encontro co pontífice na súa "Carta ao diario El Siglo Futuro" (22 de outubro de 1878), xornal para o que escribiría como correspondente en Roma.
Foi nomeado chantre da catedral de Valladolid en 1884[7] e en 1890 foi nomeado vicario capitular da arquidiocese de Valladolid.[8] No mesmo ano, debido a que "o clima de Valladolid non lle prestaba ao Sr. Ferreiroa", foi nomeado chantre da catedral de Valencia,[9] cargo do que tomou posesión o 25 de novembro de 1890.[10]
En Valencia fundou e dirixiu (con Luis Gestoso Acosta e Vicente Rocafull Vélez), entre 1893 e 1900, a revista Soluciones Católicas. Colaborou no periódico carlista El Siglo Futuro, en La Ilustración Católica, no diario católico-tradicionalista La Lealtad e no semanario hispano-americano Altar y Trono. Foi académico correspondente da Real Academia da Historia (1884), da Academia Filosófica de Santo Tomás de Boloña e da Academia de Arcades de Roma.[11][12] En 1897 León XIII nomeouno abreviador na Nunciatura Apostólica de Madrid.[13]
A súa obra máis ambiciosa é a Historia apologética de los Papas, na que se inclúe a "máis aceptábel biografía castelá" de Pío VII.[14] O primeiro tomo publicouse en 1886[15] e o décimo e último en 1900. Na súa época traduciuse ao italiano e posibelmente ao francés.[16] A pesar do título, a obra é máis "imparcial" que "apoloxética",[16] aínda que o autor, ante unha crítica de Marcelino Menéndez Pelayo, co que se carteou, arrepentiuse de ter usado o adxectivo "apoloxética".[17]
O estilo literario de Ferreiroa é "o máis parecido que en España existe ao de Salustio: elegantemente conciso".[18]
En 1886 fixo a primeira tradución do Magníficat ao galego, incluída en Magnificat in XL linguas versum et propriis caracteribus redditum et expressum, agasallo para o papa León XIII.[19]
Está enterrado no cemiterio da igrexa de San Fiz de Navío.[20]
En 1880 visitou as ruínas de Pompeia,[21] e plasmou as súas impresións desta visita no seu texto “Recuerdos de Nápoles V: Herculano y Pompeya”, no que condena o feito de que o esplendor da cidade estivese sustentado na corrupción e a explotación dos escravos no mundo antigo. Na mesma obra critica a situación de inferioridade na que se encontraba a muller, que equipara á escravitude: "a absurda mitoloxía, a triste e ignominiosa escravitude, a inferioridad na que era tida a muller e o malentendido patriotismo, que ao estado o sacrificaba todo".[22]
No seu artigo "Por Galicia" toma un posicionamento protogaleguista con respecto á cultura e á lingua galega. Despois de facer un repaso ás inxurias aos galegos na literatura española e europea, que utilizan "galego" como insulto, Ferreiroa reivindica a lingua galega, que "naceu e se perfeccionou antes que a castelá". Pero ese desprezo tamén se pode atopar nunha escritora galega como Emilia Pardo Bazán, quen afirma, segundo Ferreiroa, que "o chan galego se amosou estéril para a literatura nacional". Ferreiroa afirma que a lingua castelá foi "aceptada, nunca asimilada" en Galiza.[23]
Urbano Ferreiroa defendía a arbitraxe dos Papas, desde a Idade Media, entre "príncipes e pobos". Os Papas debían ser "pacificadores do mundo arruinado por guerras" e "defensores da xustiza pública" aos que debían estar sometidos "reis, príncipes e pobos". O Pontificado debía ser "un tribunal beneficioso para os pobos oprimidos e vexados" que podía excomungar os tiranos feudais e converter as igrexas en lugares de refuxio. Así mesmo defendía o celibato eclesiástico para que o sacerdocio non se convertese nunha casta.[24]
No seu artigo sobre Daniel O’Connell, O Libertador, escrito no centenario do seu nacemento, Ferreiroa defende a independencia dos irlandeses, pobres e católicos, e critica os "estranxeiros" protestantes e ricos (os británicos) que os explotan comercial e culturalmente.[25]
En 1870 fundou en Ourense, xunto con Venancio Moreno Pablos e Celedonio Osorio Lafuente, o semanario La Nacionalidad (subtitulado Periódico católico-monárquico), de carácter católico e carlista, no que escribiu os seus primeiros versos Emilia Pardo Bazán.[26] O seu poético canto á Virxe María publicado en 1866 en La Lealtad remata co seguinte manifesto político:
Hoxe a España de Fernando o Católico e Filipe II afúndese, arruínase, precipítase no abismo. Ai de vós os que sementades a desavinza e queredes descatolizarnos, e queredes afrancesarnos! O liberalismo é o raio que o queima todo. Arrebolará España á revolución, ao cataclismo.
Políticamente, estaba alineado co Partido Integrista (Católico Nacional), escindido do Carlismo.[27] Os seus adversarios ideolóxicos calificábano de "neo" ("neocatólico"), é dicir, promotor da doutrina que impulsaba a restauración das tradicións do catolicismo, e de "ultramontano", ou sexa que pretendía outorgarlle máis poder ao Papa. Ao estourar a terceira guerra carlista en 1872, o goberno perseguiu a prensa carlista, a consecuencia do cal Urbano Ferreiroa pasou varios meses na cadea.[28]
Ferreiroa foi albo das críticas do diario satírico El Solfeo (sobre todo a partir da publicación do seu artigo "La ciencia moderna"), tanto polas súas ideas conservadoras como polo prolífico da súa literatura: "Nos últimos días non escribiu ningún artigo o Sr. Ferreiroa. Temo que non estea moito tempo de parabéns a literatura".[29] Desde as súas páxinas, Leopoldo Alas "Clarín", que tiña trato con el ("O señor Ferreiroa, a quen eu atuaba, saiume cura"[30]), chamouno "aventaxado neo-católico" e "ignorante na materia filosófica", e mesmo desprezou a súa orixe galega ao dicir que o seu estilo era máis axeitado "ao chan que o viu nacer".[31]
Tras o falecemento de Ferreiroa, saíu unha nota satírica no diario republicano El País, na que dicían "alegrarse... polo sucesor [no cargo], enténdese", e afirmaba que a Igrexa "perde moi pouco" coa súa desaparición. A mesma nota describe a Ferreiroa como "un señor voluminoso, pouco favorecido pola natureza, nada simpático, pero moi cheo de pretensións, que pasou a vida sen facer un favor a ninguén, pretendéndoos el, e morto de ansias por ser bispo, o que afortunadamente non pudo conseguir. Críase escritor, orador e sabio, pero... dime do que presumes e direiche o que che falta; en ridículo si que se puxo infinitas veces. Quen sabe se a súa entrada no ceo terá causado unha explosión xeral de risos! Era o máis ao que podía aspirar."[32]
Libros
La cuestión de Oriente (1877). Madrid: Imprenta de F. Maroto é Hijos. 13x19,5cm, 160 páxinas.
León XIII y la situación del Pontificado (1878). Madrid: Librería Católica de San José (Imprenta de F. Maroto é Hijos). 11,5x18cm, 470 páxinas.
Transformación de la Roma pagana estudiada en la Roma actual (1882). Barcelona: Imprenta de la Librería Religiosa. 12,5x19cm, 616 páxinas.
La reforma protestante en Inglaterra. Panegírico de cinco mártires ingleses de la C. de J. (1888). Valladolid: Establecimiento Tipográfico de H. de J. Pastor. 18,5x26,5cm, 26 páxinas.
Discurso pronunciado en las fiestas celebradas en el Seminario de Valladolid el día 15 de enero de 1888 para commemorar el quincuagésimo aniversario sacerdotal de León XIII (1888). Valladolid: Cuesta e Hijos. 26cm, 16 páxinas.[33]
El primer perseguidor de los cristianos. (Escenas del primer siglo del cristianismo) (1893). Valencia: Imprenta de Federico Domenech. 14,5x22,5cm, 302 páxinas. (Novela histórica.)[34]
La Tierra Santa. Su descripción y su portentosa historia (1896). Valencia: Juan Puig Editor (Imprenta, Litografía y Encuadernación de José Ortega). 18,5x28,5cm, 558 páxinas, 13 litografías a cor. Segunda edición (1898): Valencia: Establecimiento Tipográfico Domenech. Terceira edición (2017). A Coruña: Órbigo.[35]
Historia apologética de los Papas desde San Pedro al Pontífice reinante (1886-1900). Valencia: Imprenta de Federico Domenech, Editor. 10 Tomos, 14,5x22cm. Tomo I: 312pp; Tomo II: 328pp; Tomo III: 290pp; Tomo IV: 400pp; Tomo V: 412pp; Tomo VI: 320pp; Tomo VII: 454pp; Tomo VIII: 398pp; Tomo IX: 380pp; Tomo X: 614pp.
Artigos, discursos e textos breves
"María" (29 de maio de 1866). La Lealtad. Diario Religioso-Monárquico, pp. 3-4.
"El poder de la Iglesia" (18 de xullo de 1871). Altar y Trono. Revista Hispano-Americana, pp. 125-126.
"Daniel O´Connell" (agosto de 1875). El Siglo Futuro. Diario Católico.
"La ciencia moderna" (8 de novembro de 1875). El Siglo Futuro. Diario Católico, p. 1.
"El Sumo Pontífice Juan VIII" (1881). Revista religiosa de El Siglo Futuro, Tomo III, pp. 738-750; 892-897; 1012-1024; 1147-1154; 1202-1209; 1248-1260. Tomo IV (1882), pp. 36-38; 146-147.
"Prólogo preliminar" a J. S. (Salaberry). El colegial de la Compañía de Jesús, o sea el modelo del joven escolar, según se desprende de las consideraciones hechas en la vida practica (1889). Valladolid: Cuesta.
O filme La Tierra Santa (Alberte Pagán, 2016), rodado en Myanmar, que consiste na refilmación das imaxes proxectadas sobre os lombos dos libros de Urbano Ferreiroa, utiliza como banda sonora o texto "Por Galicia".[37]
Romero Recio, M. (2012). “Turistas. Españoles en Pompeya”, en Ecos de un descubrimiento. Viajeros españoles en Pompeya (1748-1936), Madrid: Ediciones Polifemo.
Sotelo, Adolfo (2009). "Marcelino Menéndez Pelayo y Leopoldo Alas 'Clarín'”, en Raquel Gutiérrez Sebastián e Borja Rodríguez Gutiérrez (eds.). Menéndez Pelayo y la novela del Siglo XIX, Santander: Real Sociedad Menéndez Pelayo, p. 134.
A páxina frontal (de rostro) da edición de tapa dura constata a data de 1893, pero o "Dictamen del censor eclesiástico" impreso na última páxina está datado en 1895. No lombo desta edición aparece o título "El primer perseguidor de la Iglesia". Existe unha reimpresión en tapa branda retitulada Nerón. El primer perseguidor de los cristianos. (Escenas del primer siglo del cristianismo) e datada en 1895.
"Bibliografía" (reseña de Nerón) (30 de xaneiro de 1895). El diario de Galicia. Periódico católico e independiente, p. 3.
"Discurso pronunciado por el doctor D. Urbano Ferreiroa en la Academia de la Juventud Católica de Valencia al inagurarse allí la sección de Apología de la Iglesia y del Pontificado" (29 de novembro de 1896).