From Wikipedia, the free encyclopedia
Tove Jansson, nada en Helsinqui o 9 de agosto de 1914 e finada na mesma localidade o 27 de xuño de 2001, foi unha escritora finlandesa de expresión sueca, especialmente coñecida como creadora da serie de libros infantís Mumintroll e que recibiu o Premio Hans Christian Andersen en 1966.[1]
Tove medrou coma a maior de tres irmáns dunha familia de artistas na capital finlandesa, Signe Hammarsten-Jansson súa nai era unha artista gráfica que procedía de Suecia mentres seu pai, Viktor Jansson era escultor. Os irmáns de Tove, Lars Jansson e Per Olov Jansson tamén se dedicaron ao mundo artístico, o primeiro á banda deseñada e o segundo á fotografía. Durante a súa infancia a familia pasaba os invernos nun estudio e os veráns primeiro nunha illa de Bildö no arquipélago de Estocolmo na casa de seus avós e despois nunha illa preto de Porvoo, paisaxes que lle serviron anos despois como inspiración para o val onde vivían os Munintroll[2]. En 1928 publicou pola primeira volta, versos e ilustracións, nas revistas Allas Krönica e Julen[3] e en 1929 apareceu na revista infantil suecofinlandesa Lukentus a súa serie de banda deseñada Prickinas och Fabians äventyr. En 1930 marchou a Estocolmo para estudar na escola técnica desa capital. No ano 1933 volveu a Helsinqui e publicou o seu primeiro libro Sara och Pelle och neckens bläckfiskar co pseudónimo de Vera Haij[4] e ao pouco iniciaba estudos na Escola de Deseño, especializándose en pintura, entre os seus mestres estiveron William Lönnberg e Uuno Alanko, que non deixarían pegada no estilo de Tove, como si o faría o seu amigo Sam Vannin no seu uso da cor[5]. Tove compaxinou os seus estudos con colaboracións coa prensa, e así en 1934 publicou o seu primeiro conto, Bulevard no Helsingers-Journalen pero academicamente tanto Tove coma outros alumnos estaban insatisfeitos coa aprendizaxe recibida no centro, en especial por parte do profesor principal, Lönnberg, o que resultou en que na primavera de 1936 a maioría dos alumnos do profesor deixase a institución, entre eles Tova, que alugou un estudio cos seus compañeiros Runar Engblom, Christian Sibelius e Unto Virtanen, realizando a súa primeira exposición, colectiva, nese ano. En 1937 volveu de novo á Escola, rematando estudos ese ano e establecendo o seu propio estudio, presentando as súas pinturas en varias exposicións e recibindo unha bolsa de estudo o que lle permitiu ir a París na primavera de 1938 e a Italia no verán de 1939. Pero Tove dependía economicamente do seu traballo como ilustradora de libros, postais e publicidade e das súas colaboracións en diversas revistas, pero foi especialmente significativo o seu traballo para a revista política satírica Garm coa que viña colaborando desde comezos da década pero na que adquiriu gran peso a partir de 1938[6] , ao debutar como debuxante política para converterse na artista principal, ilustrando máis de cen portadas e realizando máís de 500 debuxos, e nas que manifestaba neses anos a súa oposición ao nazismo e aos acordos entre Stalin e Hitler, polo que tivo algúns problemas de censura coas autoridades finlandesas que procuraban unha liña contemporizadora.[7] Durante a segunda guerra mundial ilustrou nos seus debuxos os efectos desta na vida cotiá.
A orixe dos munintroll está nun carácter que Tove utilizaba como sinatura canda o seu nome nas súas colaboracións en Garm, e que recibía o nome de Snork ou Niisku [2], era delgado e feo, cun nariz longo e estreito e un rabo coma o dun demo. Segundo relata Jansson na súa autobiografía o deseño procedía da súa mocidade, logo de perder un debate filosófico sobre Immanuel Kant cun seu irmán, pintou a criatura máis fea que puido imaxinar na parede da latrina da súa casa escribindo baixo dela "Kant". O nome vénlle de Einar Hammarsten, tío sueco de Tove, co que vivía cando estaba en Estocolmo coa súa familia e que para que ela non roubase a comida contáballe que uns seres chamados "mumin" vivían na lacena da cociña mesmo botando o aire frío da súa respiración no pescozo da xente.[2] Posteriormente debuxou máis figuras deste estilo, gañando máis peso e adquirindo un feitío máis agradable, e en 1945 publicou o libro Småtrollen och den stora översvämningen, xa protagonizado polos "mumin".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.