Torre de Couso
pazo en Couso, A Estrada From Wikipedia, the free encyclopedia
pazo en Couso, A Estrada From Wikipedia, the free encyclopedia
A Torre de Couso, tamén chamada Casa Grande de Maíndo, é un pazo-fortaleza situado no lugar de Maíndo, na parroquia de Couso, no concello pontevedrés da Estrada. Atópase na beira do río Ulla, preto do Pazo de Ximonde e con xurisdición na beira sur do couto salmoneiro de Couso. Pertenceu ao patrimonio nobiliario dos Condes de Ximonde.[1]
Torre de Couso | |
---|---|
Concello | A Estrada |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°44′58″N 8°33′10″O |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (século XVI) |
Estilo actual | (século XVI) |
Estado actual | En bo estado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Torre de Couso, ou Casa grande de Maíndo é unha pequena fortaleza construída dentro dun recinto amurallado que inclúe un hórreo. De planta rectangular, consta de planta terrea e sobrado. Ten dúas portas de acceso, unha delas con arco de volta perfecta e a outra con arco apuntado. As dúas están formadas por perpiaños cun pequeno escudo esculpido. Na fachada meridional hai vans rectangulares e un escudo datado en 1530 segundo consta nunha lápida á entrada.
A Torre de Couso pertenceu aos Condes de Ximonde. O primeiro titular do Condado de Ximonde foi Xoán Antonio Cisneros Castro de la Barrera (1721-1798), Rexedor Perpetuo da cidade de Santiago de Compostela e Señor do Couto de Ximonde, da Torre de Couso, do Pazo de Anzobre e do Castelo de Mirón, entre outras propiedades.
O seu fillo, segundo titular do condado de Ximonde, e en consecuencia tamén do Señorío sobre da Torre de Couso foi Pedro Cisneros de Castro Ulloa nado en Sarandón, Vedra (A Coruña) o 2 de decembro de 1770. Casou con Agustina de Puga Araújo, e tivo unha única filla, Jacoba Cisneros de Puga, IIIª Condesa de Ximonde, que faleceu en Santiago de Compostela en 1860, aos 53 anos de idade.
Por non ter descendencia a condesa, herdou o seu patrimonio o seu curmán Manuel María Puga Feijoo[2] que fixou a súa residencia no Pazo de Anzobre e cedeu a Torre de Couso á súa filla, Gumersinda Puga Blanco, casada co Catedrático da Universidade de Santiago, Xesús Novoa López, falecido en 1911.
Sucedeuna como herdeira do Pazo a súa filla Carme Novoa Puga, dona de Salvador Lissarrague Molezún.[3] E posteriormente, sucedeulles a filla de ambolos dous Carme Lissarrague Novoa, irmá do coñecido catedrático e escritor Salvador Lissarrague Novoa, que fixou no Pazo de Couso a súa residencia de verán.[1]
O avó do primeiro conde, Bernardino Cisneros Figueroa xa era recoñecido nun documento de 1702 como lexítimo dono e posuidor da casa de Maíndo e sucesor lexítimo no vínculo e morgado que fundaron María Suárez de Reino e María Suárez de Aldao.[4]
En realidade o pazo do Outeiro de Maíndo (Couso) é, posibelmente, o vestixio máis antigo da historia medieval nas terras do Vea, e o que mellor pode testemuñar o esplendor das fortalezas e torres dos señores feudais. Algúns autores suxiren que a casa señorial podería existir a finais do século XIII ou principios do XIV, xunto a outras casas grandes semellantes achegadas ao río Ulla.
Mais a historia desta torre fortaleza é coñecida a partir do século XVI. O certo é que a data de construción que figura inscrita na porta é a de 1530. Inicialmente estivo relacionada coa liñaxe dos Bendaña, e despois cos Reino, Castro e Ximonde. Sábese que o bispo de Mondoñedo, Álvaro Núñez de Isorna e Bendaña pasou a controlar a torre por concesión do arcebispo de Santiago de Compostela, Lope de Mendoza. Tralo dominio dos Suárez de Reino, que constituíron o morgado, o control pasou á liñaxe dos Cisneros, xa no XVII, que son os titulares do Condado de Ximonde.
A mansión perdeu o seu carácter militar, para adquirir funcións de residencia de administradores que coidaban as pesqueiras do Ulla.[5]
O pazo áchase nun espazo de gran beleza. Por Couso pasa o Camiño Real que chegaba pola beira esquerda do río Ulla dende Pontecesures, formando parte do Camiño francés a Compostela e que atravesa o río Ulla pola ponte románica de Pontevea, de seis arcos.
O pazo domina o couto salmoneiro de Couso, máis coñecido como Xirimbao, descendendo dende a casa unha fermosa pradeira deica o río Ulla. O couto conta cunha pasarela peonil de arame, próxima ao pazo, recentemente restaurada, dende a que se pode ollar o río e o couto de couso
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.