filme de 1946 dirixido por Howard Hawks From Wikipedia, the free encyclopedia
The Big Sleep (1946) é unha película de cine negro dirixida por Howard Hawks e protagonizada por Humphrey Bogart como o duro detective privado Philip Marlowe, e a súa entón esposa na vida real Lauren Bacall. Está baseada na novela homónima escrita por Raymond Chandler, publicada en 1939. A adaptación do guión levouna a cabo William Faulkner con Leigh Brackett e Jules Furthman.
The Big Sleep | |
---|---|
Póster do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | The Big Sleep |
Director | Howard Hawks |
Produtor | Jack L. Warner |
Guión | William Faulkner, Leigh Brackett, Jules Furthman, baseado na novela de Raymond Chandler |
Intérpretes | Humphrey Bogart Lauren Bacall John Ridgely Martha Vickers Charles Waldron Regis Toomey Dorothy Malone |
Música | Max Steiner |
Fotografía | Sid Hickox |
Estrea | 1946 |
Duración | 114 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Policiaco |
Na rede | |
A película é coñecida por ter unha das tramas máis enrevesadas da historia do cine. A historia faise máis difícil de seguir ó deixar moitas partes da historia sen desenvolver.
A parella Bogart-Bacall volve aparecer despois de protagonizar Ter e non ter en 1944, do propio Howard Hawks, director que descubrira a Bacall.
Resulta interesante a breve aparición dunha aínda nova Dorothy Malone (que en 1957 aparecerá en Os anxos caídos, de Douglas Sirk) durante unha escena nunha librería. Non se chega a saber quen é o autor do primeiro asasinato, o que provoca o resto da trama, pero segundo o director e o propio Chandler, iso non ten importancia ningunha.
Philip Marlowe (Humphrey Bogart) visita ó seu novo cliente, o xeneral Sternwood (Charles Waldrom), para encargarse dunhas débedas de xogo que a súa filla máis nova, Carmen (Martha Vickers), contraeu co dono dunha librería. A filla máis vella, Vivian (Lauren Bacall), sospeita que o seu pai está máis interesado en descubrir o que lle ocorreu ó seu empregado, Sean Reagan, que desaparecera misteriosamente aproximadamente un mes antes.
Pouco tempo despois Philip Marlowe encontra a Geiger morto dun disparo na súa casa. Un home non identificado abandona a escena, deixando no interior a Carmen baixo os efectos das drogas. Marlowe encontra unha cámara fotográfica escondida na casa co carrete desaparecido. Joe Brody (Louis Jean Heydt) ten o carrete e está intentando chantaxear a Sternwood coa implicación de Carmen no asasinato.
Máis adiante descóbrese que o chofer de Sternwood, Owen Taylor, disparou a Geiger. Brody simplemente aporreou a Taylor para deixalo inconsciente e roubarlle o carrete. Deixouno inconsciente ó coller o coche, que foi máis tarde lanzado ó embarcadoiro e conducido a unha morte acuática. Tanto o director como os guionistas, e mesmo o propio Raymond Chandler quedaron desconcertados ó decatarse de que ningún deles sabía quen matara ó chofer. Tampouco se desenvolve o asasinato de Geiger nin o posterior asasinato de Brody polo subalterno de Geiger, Carol Lundgren (probablemente entre outras razóns porque Lundgren é un home e a parella homosexual de Geiger, algo que a censura non permitiría nesa época). A historia axiña se centra no corazón do misterio da película: a busca de Sean Regan.
Eddie Mars é o propietario da casa onde vivía Geiger, así como dunha casa de xogo frecuentada por Vivian. Marlowe coñece por primeira vez a Mars mentres está investigando o asasinato de Geiger, que tamén sorprendera a Mars. Os dous se ofrecen axuda se a necesitan. Porén, Mars vólvese moito menos amable ó ser preguntado por Sean Reagan, que aparentemente fuxira coa muller de Mars. Vivian está demasiado ansiosa porque Marlowe termine coa investigación unha vez resolto o asunto de Geiger e deixe de investigar a desaparición de Reagan. Marlowe pregúntase por que Mars non está máis interesado en encontrar á súa esposa e por que hai tanta xente que non quere que localice a Reagan.
Máis adiante se revela, ó menos de forma implícita, que Mars convencera a Vivian de que tiña probas de que Carmen asasinara a Regan e estivera usándoas para lograr a cooperación de Vivian. Mentres tanto, a esposa de Mars non fuxise con Regan en absoluto, senón que estaba escondida para que parecese que o fixera. Mars esperaba que isto afastase as sospeitas de que fose el o asasino. Tras ser capturado e levado á casa de Geiger, onde está escondida a muller, Marlowe convence a Vivian para que o axude a el en vez de a Mars e os dous deciden que foi Mars quen matou a Reagan despois de todo. Mars é disparado por erro por un dos seus propios homes durante un tiroteo na casa.
Hai algunhas diferenzas entre os argumentos da novela e a película. Na obra orixinal de Chandler os personaxes de Marlowe e Vivian Sternwood non viven ningún romance (el di dela que estaría ben para unha fin de semana pero que para máis se faría pesada) e quen lle atrae de verdade, aínda que apenas ten contacto con ela, é a esposa do gángster Mars, coa que supostamente fuxira Sean Regan. No libro Eddie Mars non morre, senón que queda impune, aínda que ó final se desvela que a policía nunca terminou de crerse a dobre fuga e que vixia de preto o gánster. Por último, na película omítense os problemas de Marlowe coa policía e a Fiscalía dos Ánxeles por alterar a escena do crime de Geiger, e como logra disimulalos polo escándalo que suporía explicar á opinión pública que o negocio pornográfico de Geiger funcionaba en pleno centro da cidade mercede á complicidade de varios mandos de ambas institucións.
Despois de que a película fora terminada deixouse de lado para que Warner Bros. lanzase unha reserva de películas relacionadas coa guerra. Esta decisión tomouse porque se pensou que ó estar a guerra preto do final, o interese do público por estas películas iría decrecendo axiña, algo que non ía ocorrer con The Big Sleep. Hai detalles que amosan que a película se rodou durante a guerra, como cupóns de racionamento, certos diálogos e cadros do presidente Roosevelt).
Unha vez que a guerra terminou, o fenómeno “Bogart e Bacall” causado pola película Ter e non ter así como polo seu recente matrimonio estaba no seu punto álxido. O axente de Bacall solicitou que se refixesen partes da película para capitalizar esta celebridade acabada de lograr. O xefe do estudio, Jack Warner, accedeu e se rodou novo material, como o suxestivo diálogo da “carreira de cabalos” (malia que contextualmente non tiña sentido algún). Tamén se refixeron algunhas partes do final, con Peggy Knudsen no papel de Mona Mars, xa que a actriz orixinal, Pat Clark, non estaba dispoñible. Aínda que hai só unha diferenza de duración de dous minutos entre as dúas cintas, hai 20 minutos de escenas diferentes entre unha e outra. Na forma revisada estreouse o 23 de agosto de 1946.
A versión presentada ós cines é normalmente considerada como a mellor, aínda que tamén é considerada máis confusa e difícil de seguir (carece, por exemplo, dunha longa e clarificadora conversación entre Marlowe e o avogado do distrito de Los Ángeles, na que se comentan os detalles do caso sucedidos ata o momento), aínda que a maioría argumenta que merece a pena por ver a Marlowe e Vivian facer fintas verbais, flirtear e namorarse.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.