Talo (talófitas)

From Wikipedia, the free encyclopedia

Talo (talófitas)

O talo é o corpo vexetativo non diferenciado en raíz, talo ou caule e follas, formado por tecidos pouco ou nada diferenciados, propio dos vexetais que, por iso, se denominan talófitas, como as algas, os fungos, os liques e as briófitas.

Thumb
Talo da briófita Ptilidium pulcgerrimum.
Thumb
Alga do xénero Laminaria.
Thumb
Micelio dun fungo.

Os dous talos, ou o talo e o cuale?

En latín científico o talo denomínase thallus, plural thalli, termo que provén da latinización do grego clásico θαλλός (thallós), que significaba orixinariamente 'gromo verde'.

Pero hai que ter en conta que o termo do latín científico thallus pode dar nas linguas románicas dous derivados, un pola vía popular, por exemplo, talo (en galego-portugués) ou tallo (en castelán), e outro pola vía culta, talo (en galego-portugués e castelán).[1] Polo tanto, nos textos de botánica adoita empregarse, en galego e portugués, para así diferenciar o termo talo, corpo vexetativo diferenciado das plantas superiores, as vasculares ou metáfitas do talo, corpo indeferenciado dos talófitos, o cultismo caule, derivado da tradución latina de θαλλός, caulis, -is.

Así, por exemplo, a estrutura dun organismo que semella un talo denomínase taloide, taliforme ou taloso, -a. Mentres que cando tratamos de particularidades das plantas vasculares falamos de caulescente (con caule ben aparente), caulícola (planta que se desenvolve sobre o caule ou unha póla doutro), caulificación (formación do caule), caulifloro (que bota as flores no caule ou nas ramas), cauliforme (que ten forma de caule) etc.[2]

Características

Talo normalmente refírese ao corpo sinxelo dun organismo pluricelular no cal non hai diferenciación en tecidos biolóxicos nin, por tanto, en órganos.[3][4] Aínda que os talos non están organizados en distintas partes como as follas, raíces e talos ou caules que si teñen as plantas vasculares, teñen estruturas análogas equivalentes e con funcións similares, e ás veces tamén estrutura macroscópica similar, pero con diferente estrutura microscópica; por exemplo, este talo non ten tecido vascular.

Pese a que o talo ten unha anatomía en gran parte indiferenciada, poden verse algunhas diferenzas. Unha alga lamimaria, por exemplo, pode ter o talo dividido en tres rexións: unha de ancorado ou de suxeición, o estípite e unhas láminas que fan a fotosíntese.

O talo dos fungos normalmente denomínase micelio, formado por finísimos filamentos chamados hifas. Nos liques tamén o talo se refire ao corpo vexetativo. Nas algas mariñas os talos ás veces denomínanse fronda.

O gametófito dalgunhas plantas non talófitas, como os fentos e plantas relacionadas hepáticas, denomínase protalo (prothallus, en latín científico).

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.