Tindáreo (ou Tíndaro) (en grego antigo Τυνδάρεος / Tundáreos) foi un rei de Esparta, pai dos Dióscuros, Cástor e Pólux, e de Clitemnestra, entre outros.
Biografía
A xenealoxía de Tindáreo é algo sobre o que non existe acordo entre as diversas tradicións [1]. As máis antigas fano fillo de Ébalo e da náiade Batia; Batia tamén sería a nai de Icario e Hipocoonte, e outros irmáns ou medio irmáns de Tindáreo serían Afareo, Leucipo e, segundo algúns, Arene.
Outras fontes manteñen que sería fillo de Ébalo e Gorgófone (filla de Perseo), segunda esposa de Ébalo, coa que tivo tamén a Icario e Hipocoonte.
Pero para Apolodoro, foi fillo de Perieres e Gorgófone, coa que tamén tivo a Icario, Leucipo e Afareo [2].
Á morte de Ébalo, Tindáreo ocupou o trono, pero Hipocoonte rebelouse e fíxose co poder de Esparta, expulsando de Lacedemonia ós seus irmáns Icario e Tindáreo, e estes tiveron que fuxir a Calidón, para poñerse baixo a protección do rei de Etolia Testio. Alí, Tindáreo rematou casando coa filla do rei, Leda [3].
O matrimonio e a descendencia de Tindáreo e Leda estaba maldito por Afrodita. Resulta que Tindáreo esquecera inadvertidamente a Afrodita ó facer un sacrificio ós deuses e esta, ofendida, xurou que as súas fillas Clitemnestra, Timandra e Helena (de Troia), serían coñecidas polas súas sonadas relacións adúlteras [4].
Co tempo, Heracles atacou Lacedemonia (posteriormente denominada Laconia) e matou a Hipocoonte e ós seus doce fillos, restablecendo a Tindáreo no trono de Esparta [5][6].
Descendencia
Leda foi seducida por Zeus en forma de cisne [7], mais a mesma noite na que xaceu co deus tamén o fixo co seu esposo Tindáreo.
Desta dobre unión, Leda puxo dous ovos [8], dun dos cales naceron Cástor e Clitemnestra, que eran fillos de Tindáreo, e do outro, Helena (a famosa Helena de Troia) e Pólux, que eran fillos de Zeus. Outros fillos de Tindáreo e Leda foron Timandra e Filónoe.
Co gallo da morte de Atreo, pai de Agamenón e Menelao, a mans do seu sobriño Existo, a nodriza dos cativos enviounos baixo a protección do rei de Sición, pero este reenviounos a Calidón, á corte do rei Eneo. Tindáreo recolleunos e levounos ó seu palacio, e alí coñeceron ás fillas deste, Clitemnestra e Helena, coas que terminarían casando: Agamenón con Clitemnestra e Menelao con Helena.
Pero antes, Teseo e o seu amigo Pirítoo raptaron á fermosa Helena [9] e levárona a unha aldea de Ática, pero foi liberada polos seus irmáns [10] e devolta a Esparta. Todo isto fixo comprender a Tindáreo que era o momento de casar a Helena. O problema é que foron moitos os pretendentes que solicitaban a súa man e Tindáreo temía que os que non resultaran elixidos se rebelaran contra el e contra o afortunado na elección.
Para previr conflitos, Tindáreo recorre ós consellos de Odiseo, un dos pretendentes, que lle di que faga xurar a todos respectar a elección e matrimonio de Helena, e axudar á parella en caso de necesidade ou ultraxe [11]. O candidato elixido será Menelao, que fará cumprir o xuramento cando Paris rapte a Helena e dea comezo a Guerra de Troia.
Vellez
Tras morrer Cástor e Pólux e ser divinizados [12], Tindáreo abdicou na persoa de Menelao e, cando morreu Menelao, os espartanos quixeron facer rei a Orestes, como neto que era de Tindáreo, pero el non aceptou [13].
Pero outra lenda conta que Tindáreo, cando soubo da morte de Clitemnestra e Existo a mans de Orestes (fillo dela), regresou a Esparta e denunciouno por matricidio, a el e á súa irmá Electra por cómplice, aínda que os micénicos non os condenaron senón que, en apoio ós actos de Orestes, non permitiron que os cadáveres de aqueles foran enterrados na cidade.
Tindáreo tardou en morrer. Menelao prometeu a Hermíone con Neoptólemo, fillo de Aquiles, pero Tindáreo casouna con Orestes. Rematada a guerra e xa de regreso a Esparta, Neoptólemo esixiu a man de Hermíone, alegando entre outras razóns que Orestes estaba tolo e maldito dos deuses, e así lle foi recoñecido, casando el con Hermíone [14].
Existe unha lenda pola que Tindáreo foi resucitado por Asclepio [15]. E parece que non foi o único resucitado por este deus da medicina, xa que se conta que Hades, deus do inframundo, chegou a queixarse ante Zeus porque lle estaba roubando os seus súbditos. Asclepio foi xulgado por deixarse subornar e Zeus matouno cos seus raios.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.