Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía estrutural, unha subunidade proteica ou subunidade de proteína é unha cadea polipeptídica ou molécula individual de proteína que se ensambla (ou "coensambla") con outras para formar unha proteína complexa.[1][2][3] As grandes ensamblaxes de proteínas, como as dos virus, a miúdo usan uns poucos tipos de subunidades proteicas como bloques de construción de grandes estruturas.[4]
As proteínas que se encontran na natureza que teñen un número relativamente pequeno de subunidades denomínanse oligoméricas.[5] Por exemplo, a hemoglobina que normalmente se encontra no noso sangue é un conxunto simétrico de dúas subunidades idénticas de α-globina e outras dúas tamén idénticas entre si de β-globina; en total catro subunidades.[3][6]
As subunidades adoitan designarse cunha letra grega ou romana, mentres que o número dese tipo de subunidades nunha proteína indícase cun subíndice.[7] Por exemplo, a hemoglobina A é o tipo de hemoglobina máis habitual, designado α2β2, pero hai outros tipos, como a hemoglobina fetal, que ten outro conxunto de subunidades, designada α2γ2 (sen subunidades beta, pero con subunidades gamma).
As proteínas multiméricas máis longas, como as dos microtúbulos e outras proteinas citoesqueléticas, poden constar dun gran número de subunidades. Por exemplo, a dineína é un complexo proteico multimérico formado por dúas cadeas pesadas (DHCs), dúas intermedias (ICs), dúas cadeas intermedias lixeiras (LICs) e varias cadeas lixeiras (LCs).[8]
As subunidades dun complexo proteico poden ser idénticas, homólogas ou totalmente diferentes e dedicadas a tarefas distintas.[1] Nalgunhas ensamblaxes de proteínas, unha subunidade pode ser unha "subunidade catalítica", que cataliza encimaticametne unha reacción, mentres que unha "subunidade regulatoria" facilitará ou inhibirá a actividade.[9] Non sempre teñen estes dous tipos de subunidades; por eemplo, aínda que a telomerase ten como subunidade catalítica unha telomerase transcriptase inversa (TERT), a regulación é realizada por factores exteriores á proteína.[10]
Un encima composto de subunidades cataliticas e reguladoras cando está ensamblado adoita denominarse holoencima. Por exemplo, a fosfoinosítido 3-quinase clase I está composta dunha subunidade p110 catalítica e unha subunidade p85 regulatoria.[11]
Unha subunidade está constituída por unha cadea polipeptídica. Unha cadea polipeptídica ten un xene que a codifica, o que significa que unha proteína multimérica ten que ter un xene para cada subunidade distinta que teña. As mutacións que afectan a unha proteína multimérica poden ocorrer en calquera deses xenes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.