Socialismo ou barbarie
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Socialismo ou barbarie foi un grupo marxista francés que existiu entre 1948-1965. O nome tamén se refire á revista do grupo. A expresión Socialismo ou barbarie foi utilizada por primeira vez por Rosa Luxemburg en 1916.
En 1946, Cornelius Castoriadis e Claude Lefort (entre outros membros do Partido Comunista Internacionalista (PCI) francés, crearon a chamada tendencia Chaulieu-Montal, que pronto pasaría a chamarse Socialismo ou barbarie. En 1948, a facción separouse do PCI e abandonou os postulados trotskistas, en particular a consideración da URSS como estado obreiro dexenerado. O grupo comezou daquela a publicar a revista do mesmo nome. Outros integrantes foron: Daniel Blanchard (como Pierre Canjuers), Guy Debord, Jacques Gautrat (como Daniel Mothé), Gérard Genette, Alain Guillerm, Jean Laplanche, Jean-François Lyotard, Albert Maso (como Vega), Henri Simon e Pierre Souyri.
Os membros de Socialismo ou barbarie combatían o stalinismo en todas as súas formas e trataron de desenvolver un marxismo antidogmático. Consideraban á URSS e a todos os países autodenominados socialistas como capitalistas de Estado, é dicir, sociedades dirixidas por unha nova clase dominante (a burocracia) de explotadores enganosamente autonomeados socialistas, é dicir, dirixentes do Estado e da economía que ocuparan o lugar dos patronos mentres que a situación real dos traballadores permanecía sen cambios.
Aínda que fortemente influído por Castoriadis, o grupo tivo desde a súa creación diferentes correntes internas que acabaron por producir dúas escisións importantes: En 1951, un primeiro conflito estourou entre os partidarios de crear un partido revolucionario estruturado arredor dun programa político (Castoriadis) e os que confiaban na unión espontánea da vangarda obreira nun proceso revolucionario violento; estes crían que Socialismo ou barbarie non debía ser máis que un lugar de discusión e de crítica. A controversia conduciu á saída temporal de Lefort e outros militantes.
En xuño de 1958, despois de asumir De Gaulle, produciuse outra crise co mesmo tema de fondo, pero nunha situación nova provocada pola chegada de novos membros, a maioría estudantes. Un grupo retomará as teses de Lefort e formará Informations et Liaison Ouvrières (Información e lazos obreiros). Pola súa banda, Castoriadis e outros militantes, aínda rexeitando o modelo leninista de partido, pronunciáronse polo desenvolvemento dunha organización política baseada nun programa de acción enfocado a axudar á vangarda obreira a desenvolver a súa toma de conciencia política.
A partir de 1960, Castoriadis foise afastando do marxismo. Entendía que a extensión dos réximes burocráticos e a burocratización crecente do capitalismo estaba creando unha sociedade de estrutura piramidal onde a maioría das persoas, sometidas á alienación, poderían ser impulsadas para combater o sistema fóra da idea de loita de clases, superada por un réxime capitalista/burocrático capaz de eliminar as crises, asegurar o crecemento económico e aumentar o nivel de vida.
Despois de sucesivas escisións Socialismo ou barbarie autodisolveuse en 1966/67.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.