Sito Miñanco
narcotraficante galego From Wikipedia, the free encyclopedia
José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, nado en San Tomé do Mar (Cambados) o 23 de setembro de 1955, é un empresario e, no seu momento, contrabandista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) José Ramón Prado Bugallo 23 de setembro de 1955 (69 anos) Cambados, España |
Actividade | |
Ocupación | narcotraficante |
Traxectoria
Pertence a unha familia de mariñeiros de Cambados, de orixe humilde, coñecida coma os Miñancos. Iniciouse no contrabando de tabaco da man de Vicente Otero Pérez "Terito", e despois formou a sociedade ROS con Ramiro Martínez Señoráns e Olegario Falcón Piñeiro.[1] En 1983 estivo 6 meses no cárcere da Parda (Pontevedra) e outros dous en Carabanchel (Madrid), onde estableceu contacto co colombiano Fabio Ochoa.
En 1986 accedeu á presidencia do Club Juventud Cambados, o equipo de fútbol local, que daquela xogaba en Preferente. Deixou o cargo do club tres anos despois, logo de conseguir o ascenso á Segunda División B Española, en 1989.
Quedou á marxe da operación Nécora, e en 1994 foi detido en Pozuelo de Alarcón por introducir en España 2,5 toneladas de cocaína en 1990. Foi condenado pola Audiencia Nacional a 20 anos de prisión por tráfico de drogas, evasión de divisas e falsidade de documentos. O 8 de xullo de 1997 foi detido en Vigo, preto do Estadio de Balaídos, polo desembarco de 6 toneladas de haxix. De novo foi detido en Madrid o 16 de agosto de 2001[2] logo do apresamento dun alixo de 5 toneladas de cocaína en mar a fóra, preto da Güiana Francesa. Nese momento estaba en liberdade condicional logo de cumprir 7 dos 20 anos aos que fora condenado.
En febreiro de 2010 foi trasladado á prisión de Huelva. O 10 de xuño de 2011 concedéuselle un permiso penitenciario de tres días. Dito permiso fora inicialmente denegado por alto risco de fuga, amais de que continuaba levando a cabo actividades delictuosas dende o cárcere. Con todo, acabou por serlle concedido, con base no informe favorábel emitido pola prisión de Huelva.[3] Alí tampouco se interviran as súas conversas telefónicas, malia a súa condición de preso FIES (Ficheiro de Internos de Especial Seguimento). O director da prisión onubense, Francisco Sanz, foi destituído do cargo o 21 de decembro dese ano por "perda de confianza". Segundo Instituciones Penitenciarias, Sanz recibiría agasallos, entre eles dous vehículos Mercedes-Benz por parte de narcotraficantes, a cambio de melloras nas súas condicións na prisión.[4]
En febreiro de 2018 foi detido en Alxeciras, cidade onde residía en réxime de terceiro grao penitenciario, e enviado a prisión acusado de ser o máximo responsábel dunha rede que distribuía cocaína a Italia, Albania e Holanda. Con el foron encarceradas outras 20 persoas que presuntamente formaban parte da organización.[5][6][7] Os axentes da Policía Nacional atoparon durante o rexistro un informe plastificado co guión da serie de televisión Fariña, de Antena 3, antes da súa emisión.[8] Posteriormente, Miñanco foi descuberto intentando introducir 6.000 euros na prisión para "deixar claro o seu status" entre o resto de presidiarios.[9]
A finais dese mesmo mes foi levado ao centro penitenciario da Lama para a vista oral nun xuízo por branqueo de capitais na Audiencia Provincial de Pontevedra, e declarouse en folga de fame.[10]
Vida persoal
Prado Bugallo tivo dúas fillas do seu primeiro matrimonio. Tras a separación, casou coa panameña Odalys Rivera, sobriña dun ministro do goberno do xeneral Noriega,[11] con quen tivo outra filla.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.