Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
En cladística, unha sinapomorfía (ou sinapomorfia) ou estado de carácter sinapomórfico é un trazo ou característica compartida ("sinmorfía") por dous ou máis taxons, que se pode inferir que estaba xa presente no seu antepasado común máis recente, cuxos antepasados á súa vez non tiñan ese trazo.[2] Deste modo, unha sinapomorfía é unha apomorfía que se pode observar en moitos taxons, e que se supón que se orixinou no seu último antepasado común. A palabra "sinapomorfía," acuñada polo entomólogo alemán Willi Hennig, deriva do grego σύν, syn, 'con', e de ἀπό, apo, 'na distancia', e μορφή, morphe, 'forma'.
As sinapomorfías "verdadeiras" só caracterizan un determinado conxunto de grupos terminais, pero non é estritamente necesario que todos os membros dun clado posúan o mesmo trazo, xa que poden tamén presentar unha versión dese trazo que foi modificada posteriormente.
As sinapomorfías son o fundamento para a clasificación filoxenética (baseada no parentesco) dos seres vivos. Grazas a elas defínense grupos holofiléticos (monofiléticos no sentido de Willi Hennig). Os caracteres cos que se describen grupos parafiléticos, definidos pola exclusión dun grupo holofilético doutro maior, son simplesiomorfías. Só as sinapomorfías, e non as simplesiomorfías, son argumentos válidos en favor da monofilia (holofilia) do grupo de taxons que a comparten.
As sinapomorfías non deberían confundirse con outros conceptos relacionados nos que se comparten trazos.
As sinapomorfías utilízanse para establecer as hipóteses filoxenéticas na análise cladística. Son datos empíricos que poden apoiar certas hipóteses de que grupos terminais forman un clado (grupo monofilético) e á vez exclúen a certos grupos. Os caracteres que son compartidos polo grupo, pero que tamén son compartidos por outros grupos terminais que descenden dun antepasado común máis recente, non poden utilizarse para excluír a eses grupos. Este último carácter pode consistir nunha simplesiomorfía ou unha homoplasia.
O problema esencial é identificar a polaridade da serie de transformacións á cal pertencen varios estados de carácter, é dicir, indicar que estado de carácter é apomórfico e cal é plesiomórfico. Nos inicios da cladística utilizáronse varios criterios para polarizar series de transformacións, pero nas décadas recentes os criterios patrón baseados na comparación doutros grupos externos (outgroup) son os que predominan. Un grupo externo é un taxon que se considera que está fóra do grupo que se estuda. Baixo o criterio dos grupos externos, os carácter compartidos entre o grupo externo e algúns membros do grupo interno ou propio (ingroup) considérase que son plesiomórficos, mentres que os estados alternativos da mesma característica que son compartidos por un subconxunto do grupo interno ou propio considéranse apomórficos.
Os conceptos de apomorfía e plesiomorfía son relativos e correspondentes a certo nivel de xeneralización na xerarquía dos seres vivos. O que é unha apomorfía a un nivel pode ser unha plesiomorfía a outro nivel menos inclusivo. Por exemplo, a presenza de glándulas mamarias é unha sinapomorfía para os mamíferos en relación cos tetrápodos, pero é unha simplesiomorfía para dous grupos de mamíferos, por exemplo, ratas e simios.
Non é esencial que todos os membros dun clado mostren unha determinada sinapomorfía; mesmo se algúns membros do clado perderon secundariamente o trazo este pode ser unha sinapomorfía dese clado no seu conxunto. Un bo exemplo é a ausencia de patas nas serpes, a pesar do cal son consideradas tetrápodos. Entre os paleontólogos, un carácter que é unha sinapomorfía para un clado, pero que para certas liñaxes dese clado é unha plesiomorfía que foi alterada nalgunhas das liñaxes, denomínase sinapomorfía subxacente. Se non se coñece ningún taxon grupo coroa, é ás veces difícil decidir que carácter é a sinapomorfía subxacente e cal é a autoapomorfía que a cobre.
Os clados non se definen polas sinapomorfías, aínda que é posible definilos por apomorfías en xeral.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.