From Wikipedia, the free encyclopedia
O salto con pértega é un evento do atletismo onde os competidores empregan unha vara longa e flexíbel para alcanzar maior altura e pasar por riba dunha barra. As competicións con varas xa eran coñecidas na Grecia antiga, entre os cretenses e os celtas. Foi introducido como modalidade olímpica dende os primeiros Xogos en Atenas 1896 para os homes e dende Sydney 2000 para as mulleres.
É unha modalidade clasificada como unha das catro principais probas de salto no atletismo, xunto co salto de altura, salto de lonxitude e o salto triplo. A súa orixinalidade está no feito de ser un deporte que require unha significativa cantidade de equipamento especializado para ser practicado, tornándoo máis caro que os demais, mesmo en niveis básicos. Varios saltadores de éxito na proba teñen unha base na ximnasia, como a rusa Yelena Isinbayeva, a brasileira Fabiana Murer e o estadounidense Brian Sternberg, o que reflicte os atributos físicos similares necesarios para os dous deportes.[1]
O primeiro campión olímpico foi o norteamericano William Hoyt, en 1896, e a primeira campioa, 104 anos despois, Stacy Dragila, tamén dos Estados Unidos. Dragila tiña como base na adolescencia ser montadora de cabalos e touros en rodeos en California.[2] As marcas mundiais pertencen ao sueco Armand Duplantis[3] (6,18 m) e á rusa Yelena Isinbayeva (5,06 m). Dispútase tanto ao ar libre como en pista cuberta, e as marcas rexístranse independentemente da localización aberta ou pechada.[4]
As varas eran equipamentos empregados como medios prácticos para atravesar obstáculos naturais como terreos pantanosos no noroeste de Europa, en provincias como Frisia, nos Países Baixos, ao longo do mar do Norte, e en rexións pantanosas do leste de Inglaterra arredor de Cambridgeshire, Lincolnshire e Norfolk. Drenaxes artificiais nestes lugares crearon unha rede de canles e coletores abertos que se cruzaban uns cos outros. Para cruzar eses lugares sen se mollar e evitar tediosos e longos rodeos polas pontes, mantíñase unha pila de longas e finas varas de salto en cada casa e empregábase para saltar sobre as pequenas canles. Realizábanse competicións de salto en distancia, e non aínda de altura, con estas varas anualmente nas terras baixas ao longo do mar do Norte chamadas Fierljeppen.[5]
Unha das primeiras competicións de salto con pértega onde se mediu a altura aconteceu no Ulverston Football and Cricket Club, en Lancashire, Inglaterra, en 1843.[2] A competición moderna comezou arredor de 1850 en Alemaña, cando o salto con pértega se engadiu como modalidade para a práctica de exercicios en clubs de ximnasia. Tamén na Inglaterra nesta época había competicións co uso de varas de cinza sólida ou de nogueira con puntas de ferro ao final delas.[6] A técnica moderna de salto desenvolveuse nos Estados Unidos a finais do século XIX. Inicialmente as pértegas se facían de material ríxido como o bambú (rexistrado por primeira vez en 1857) ou o aluminio, mais coa introdución a partir do inicio da década de 1950 de pértegas feitas de fiberglass e fibra de carbono, os saltadores comezaron a atinxir alturas máis elevadas antes inalcanzábeis.[7] En 1985, o ucraíno Serhii Bubka, entón competidor pola Unión Soviética, foi o primeiro humano que superou os seis metros.[8]
A pista de carreira para o salto debe medir como mínimo 45 metros e ao fin dela atópase o obstáculo, unha barra horizontal de 4,5 m de lonxitude, 2,260 kg de peso máximo, sustentada por dúas trabes laterais que a elevan e apoian á altura determinada. Exactamente ao fin da pista, ao nivel do solo e á cabeza do obstáculo, existe centrada unha caixa de metal ou madeira, con 1 m de lonxitude, 60 cm de largura no inicio e 15 cm xunto ao obstáculo. Nela apoia o saltador a pértega para conseguir o impulso, realizar o salto e superar a barra.[9]
As mesmas regras do salto de altura son aplicadas ao salto con pértega; o atleta ten tres tentativas para saltar a marca, mais pode rexeitar saltar determinada altura preferindo esperar por outra maior. Non conseguindo pasar a altura despois de tres tentativas na mesma altura ou alturas combinadas, é eliminado. No caso de que empaten na mesma altura final, o desempate faise polo número menor de tentativas para superar a altura inmediatamente anterior. No caso de que continúe empatado, analízase o menor número de tentativas en toda a disputa; se continúa o empate, a proba entón ten un ou máis saltos de desempate ata que xurda o vencedor.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.