From Wikipedia, the free encyclopedia
O Salón de París (en francés: Salon de Paris) foi a exposición de arte oficial da Academia de Belas Artes de París (Francia), que se celebrou dende 1725. Entre 1748 e 1890 foi o acontecemento artístico anual ou bianual máis importante do mundo. Dende 1881 organizouno a Société des Artistes Français.
En 1673, a institución francesa sancionada pola monarquía, a Real academia de pintura e escultura (unha división da Academia de Belas Artes), celebrou a súa primeira exposición de arte semipública no Salón Carré. O centro de atención orixinal do Salón foi a mostra da obra dos recentemente graduados da École des Beaux-Arts, creada polo Cardeal Mazarino, primeiro ministro de Francia, en 1648. En diante, o Salón influíu na alta cultura francesa. Durante polo menos 200 anos, a exposición no Salón de París era esencial para calquera artista que pretendese triunfar. A exposición no Salón era un símbolo do favor real.
En 1725, o Salón celebrouse no Palacio do Louvre, e entón fíxose coñecido como o Salón ou Salón de París. En 1737, as exposicións fixéronse públicas, e celebráronse primeiro anualmente, logo cada dous anos nos anos impares. Comezarían o día da festa de san Lois (o 25 de agosto) e duraba varias semanas. Unha vez que se fixo regular e público, o status do Salón nunca se puxo "seriamente en dúbida" (Crow, 1987). En 1748, introduciuse un xurado. Os seus membros eran artistas recoñecidos. Dende este momento o Salón obtivo unha influencia sen discusión.
O Salón expuxo pinturas dende o chan até o teito e sobre calquera espazo posible. Este conxunto apertado de obras converteuse á súa vez en tema doutras pinturas, como a de Pietro Antonio Martini Salón de 1785. Os catálogos impresos dos Salóns son documentos de primeira magnitude para os historiadores da arte. As descricións críticas das exposicións publicadas nos xornais marcan o comezo da moderna ocupación de crítico de arte.
A Revolución Francesa abriu a exposición aos artistas estranxeiros. No século XIX, a idea dun Salón público estendeuse a unha exposición con xurado patrocinada polo goberno da pintura e escultura nova, celebrada en grandes salóns comerciais, aos que o público podía acceder cunha entrada. A xornada inaugural era un grande acontecemento social, e proporcionaban o tema a caricaturistas dos xornais como Honoré Daumier. Charles Baudelaire e outros escribiron críticas dos Salóns.
A Revolución de 1848 liberalizou o Salón. O número de obras rexeitadas reduciuse notablemente, En 1849 introducíronse medallas.
Os xurados, cada vez máis conservadores e académicos, non se amosaban receptivos aos pintores impresionistas, cuxas obras adoitaban ser rexeitadas, ou se as aceptaban, situábanas en lugares desfavorables. En 1863, o xurado do Salón rexeitou un número infrecuentemente alto de obras. Como resultado houbo protestas, en particular dos expositores individuais que foran rexeitados. Para probar que os Salóns eran democráticos, Napoleón III instituíu o Salon des Refusés (Salón dos Rexeitados), coas obras co Salón rexeitara ese ano. Inaugurouse o 17 de maio de 1863, marcando o nacemento da vangarda. Os impresionistas celebraron as súas propias exposicións independentes en 1874, 1876, 1877, 1879, 1880, 1881, 1882 e 1886. Édouard Manet nunca expuxo cos impresionistas, senón que seguiu mostrándose no Salón oficial.
En 1881 o goberno retirou o patrocinio oficial ao Salón anual, e un grupo de artistas organizaron a Société des Artistes Français para que se fixese cargo da mostra.
En decembro de 1890, o líder da Société des Artistes Français, William-Adolphe Bouguereau propagou a idea de que o Salón debía ser unha exposición de artistas novos, aínda non premiados. Ernest Meissonier, Puvis de Chavannes, Auguste Rodin e outros rexeitaron a súa proposta e escindíronse. Crearon a Société Nationale dns Beaux-Arts e a súa propia exposición, pronto (desde 1899) chamada o Salón tamén, oficialmente, Salon de la Société Nationale des Beaux-Arts, e abreviadamente, Salon du Champs de Mars.
En 1903, en resposta ao que moitos artistas da época sentían que era unha organización burocrática e conservadora, un grupo de pintores e escultores liderados por Pierre-Auguste Renoir e Auguste Rodin, organizaron o Salón de Outono (Salon d'Automne).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.