adestrador de fútbol español From Wikipedia, the free encyclopedia
Rubén Albés Yáñez, nado en Vigo o 24 de febreiro de 1985, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. Dende xuño de 2024 adestra o Sporting de Gijón, na Segunda División.
Rubén Albés | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rubén Albés Yáñez | ||
Nacemento | 24 de febreiro de 1985 | ||
Lugar de nacemento | Vigo | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Sporting de Gijón | ||
Carreira xuvenil | |||
CP Alerta-Traviesas | |||
Areosa | |||
2004 | Rápido de Bouzas | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2004 | Rápido de Bouzas | ||
2004–2005 | Pontevedra B | ||
2006–2007 | Céltiga | ||
2007–2009 | Rápido de Bouzas | ||
Adestrador | |||
2009–2010 | Valencia (xuvenís) | ||
2009–2010 | Universitat València | ||
2010–2011 | Burjassot | ||
2011–2012 | Catarroja | ||
2013–2014 | Novelda | ||
2014–2015 | Eldense | ||
2015 | Valladolid B | ||
2016–2017 | Valladolid B | ||
2017–2019 | Celta de Vigo B | ||
2019 | UCAM Murcia | ||
2020–2021 | FC Hermannstadt | ||
2021–2022 | Lugo | ||
2022–2024 | Albacete | ||
2024– | Sporting de Gijón | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Pasou polas canteiras do CP Alerta-Traviesas e do Areosa e na tempada 2004/05 chegou ao Rápido de Bouzas, co que debutou esa tempada na Terceira División.[1] Pasou logo polo Pontevedra B, de Preferente, e polo Céltiga, de Terceira, antes de regresar ao Rápido de Bouzas na 2007/08, co que xogou dúas tempadas. En 2009, con 23 anos, despois de sufrir lesións e vendo que non chegaría a profesional, decidiu retirarse e converterse en adestrador.[2][3]
Comezou como adestrador cando xogaba no Pontevedra B, facendo de adestrador asistente no equipo cadete, e máis tarde foi tamén asistente dos xuvenís do Rápido de Bouzas, cos que logrou o ascenso á División de Honra.[2] En 2009 púxose brevemente á fronte dos xuvenís do Pontevedra, antes de recibir unha chamada para adestrar na canteira do Valencia.[4] Permaneceu unha tempada no club, ao mesmo tempo que adestraba o Universitat València, da 2ª rexional.[2]
En 2010 fíxose cargo do Burjassot CF, da Terceira División, converténdose no adestrador máis novo de España, dentro das categorías nacionais.[5][6] Pasou logo polo Catarroja, da mesma categoría, e en 2012 marchou a Marrocos, onde actuou como segundo adestrador de Benito Floro no Wydad de Casablanca.[7] En xuño de 2013 asinou como novo adestrador do Novelda CF.[8] Comezou a tempada 2014/2015 como segundo adestrador de Fran Yeste no CD Eldense e pero tivo que deixar o club en outubro, despois de que Yeste fose denunciado por carecer de licenza e seren os dous sancionados durante tres meses.[9] Regresou ao club en marzo, xa como primeiro adestrador, e conseguiu salvar o equipo do descenso.[10][11]
O 29 de xuño de 2015 confirmouse a súa chegada á Segunda División B, ao fichar como adestrador do filial do Real Valladolid, o Real Valladolid Promesas, substituíndo ao tamén galego Rubén de la Barrera.[12] Despois dos malos resultados do primeiro equipo, o 21 de outubro de 2015 o club decidiu destituír ao adestrador Gaizka Garitano, e incorporar no seu lugar a Miguel Ángel Portugal. Rubén Albés deixou o filial e converteuse no segundo adestrador do primeiro equipo.[13] Na tempada seguinte volveu tomar as rendas do filial valisoletano, co que obtivo a sexta praza do seu grupo.
En 2017 deixou o cargo para ser o adestrador do Celta B, tamén de Segunda B,[14] co que xogou o play-off de ascenso a Segunda División na súa primeira tempada, sendo eliminado en semifinais polo FC Cartagena.[15] Na tempada seguinte, a 2018/19, logrou a permanencia a última hora no play out contra o CD Alcoyano.[16] En xuño de 2019 fichou pola UCAM Murcia para a tempada 2019/20 da Segunda B.[17] Foi destituído en outubro, despois de sumar só unha vitoria en sete partidos cun cadro de xogadores chamado a loitar pola parte alta da táboa.[18]
En xuño de 2020 converteuse no adestrador do FC Hermannstadt, da Liga I romanesa, converténdose no técnico máis novo en adestrar na Primeira División romanesa.[19] Comezou con bos números e encadeou a mellor xeira de resultados da historia do club, cunha soa derrota en 14 encontros, pero os resultados foron empeorando e en xaneiro de 2021 rescindiu o seu contrato, co equipo de Sibiu ocupando a penúltima posición da táboa.[20]
En abril de 2021 chegou á Segunda división española, fichando polo Lugo e converténdose no cuarto adestrador da tempada no equipo branco e vermello, despois das destitucións de Juanfran, Mehdi Nafti e Luis César Sampedro.[21] Colleu o equipo no 20º posto a falta de sete xornadas e acabou logrando a permanencia no derradeiro partido, ao gañar pola mínima ao Rayo Vallecano cun gol de Manu Barreiro.[22] Grazas a isto, foi renovado para a tempada 2021/22,[23] na que completou un ano máis tranquilo, rematando 7 puntos por riba dos postos de descenso. Ao remate da tempada deixou o club lugués.[24]
A finais de xuño de 2022 foi anunciado como novo adestrador do Albacete, equipo que viña de lograr o ascenso a Segunda unhas semanas antes.[25] A pesar de ter o segundo orzamento máis baixo da categoría, Albés levou ao Albacete ata a sexta praza da liga, clasificándose así para a promoción de ascenso a Primeira, onde caeron ante o Levante. O bo xogo do equipo disparou a súa popularidade entre os seareiros do club, que acadou a histórica cifra de 12.000 abonados.[26] Con todo, unha serie de malos resultados durante a tempada 2023/24 provocou a súa destitución en marzo de 2024, despois de ter sumado só 7 dos últimos 33 puntos en xogo.[27]
En xuño de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Sporting de Gijón, tamén en Segunda.[28]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.