República irmá
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O nome de República irmá (République sœur) foi acuñado durante o período do Directorio (1795-1799) da Primeira República francesa para referirse aos estados creados polos exércitos franceses nos territorios "liberados" por eles durante as Guerras revolucionarias, ou proclamadas por revolucionarios locais.
Tratábase de estados satélites que foron organizados seguindo o modelo da Constitución do ano III (26 de outubro de 1795) e nos que implantaron os principios da Revolución francesa.[1]
Durante a época napoleónica (1799-1814) foron incorporadas ao Grande imperio francés.
Tras da proclamación da Primeira República Francesa, a Convención Nacional, e Robespierre, espallaron os ideais da revolución: a soberanía popular, o estado de dereito e a democracia representativa. Así mesmo, divulgaron as ideas e valores filosóficos do Liberalismo e da Ilustración. Neste contexto, a Convención Nacional francesa ofreceu o 19 de novembro de 1792 «fraternidade e axuda a todos os pobos que desexaban recobrar a súa liberdade», especialmente contra as monarquías dos Borbóns e os Habsburgo.
Durante a guerra contra a Primeira Coalición, formada tras a execución o 21 de xaneiro de 1793 do rei Lois XVI, os xenerais e os representantes en misión nos exércitos revolucionarios reciben a orde de «que destrúan o antigo réxime» nos territorios que ocupen, pero que «deixen aos pobos que se rexeneren a si mesmos». Así, cando os exércitos franceses se acercan a Maguncia proclaman que «o soldado ofrece ao pobo, cunha man, o símbolo da paz e, coa outra, sepulta as súas armas no peito dos seus opresores...».[2]
Decontado formulouse no seo da Convención o debate sobre que estatuto legal deberían teren os territorios "liberados". Contaban co antecedente da cidade papal de Aviñón e do seu territorio anexo, o condado Venaisino, que solicitaron a súa incorporación ao Reino de Francia tras da celebración dun referendo o 11 de xaneiro de 1790 —a anexión foi aceptada o 13 de decembro de 1791—. Así, cando as tropas francesas penetraron nos Países Baixos austríacos na Guerra da Primeira Coalición a principios de 1793 proclamaron que viñan a axudar o pobo a conquistar a súa liberdade, pero finalmente foron anexionados á República Francesa o 30 de marzo. O mesmo sucedeu con Niza e Savoia, incorporadas a Francia, pero non cos dominios do bispo de Basilea, que se converteron en República Rauraciana o 20 de marzo de 1793.[2]
Baixo o Directorio decídese que os territorios conquistados constitúan unha especie de glacis protector da República Francesa formado polas "Repúblicas irmás". Así se inicia unha política expansionista dirixida a garantir a seguridade de Francia alcanzando as súas "fronteiras naturais", especialmente no Rin. Ademais, estas "repúblicas irmás" non só terían que ocuparse das subministracións do exército francés, senón que tamén terían que pagar contribucións de guerra que servirían para sanear a deficitaria facenda francesa. Por último, tamén constituirían novos mercados para os produtos franceses.[2]
A primeira "república irmá", aínda que o termo non era daquela oficial, constitúese baixo a Convención termidoriana sobre o territorio ocupado das Provincias Unidas o 16 de maio de 1795 co nome de República Bátava. Xa baixo o Directorio o xeneral Napoleón Bonaparte funda no norte de Italia, o 15 de outubro de 1796 a República Cispadana, cuxo territorio estaba integrado polo ducado de Módena, a cidade de Reggio e unha parte das legacións papais de Ferrara e Boloña. Ao ano seguinte engádeselle a Lombardía, conquistada aos austríacos por Bonaparte, dando nacemento á República Cisalpina cuxa Constitución toma como modelo a Constitución do ano III. Nese mesmo ano, 1797, nace en Xénova a República Lígur.[3]
En xaneiro de 1798 as tropas do Directorio axudan a fundar a República Helvética, anexionándose Francia Mulhouse e Xenebra. O mesmo fan o mes seguinte nos Estados Pontificios, sobre os que se funda a República romana e, en setembro, co Piemonte —o seu rei abandona Turín, retirándose a Sardeña—. En xaneiro de 1799 o rei de Nápoles avanza sobre Roma pero é obrigado a retirarse, refuxiándose finalmente en Sicilia. Co apoio do exército francés, os "patriotas" napolitanos proclaman a República Partenopea.[4]
Con todo, as vitorias da Segunda Coalición obrigan os exércitos franceses a abandonar as "repúblicas irmá". Cando Napoleón recupera eses territorios, restaura algunhas delas, como a República Bátava, a República Italiana ou a República Lígur, pero non a República Romana nin a República Partenopea. Finalmente, entre 1806 e 1808, as repúblicas irmás desaparecen ao seren integradas por Napoleón no Grande Imperio.[5]
1796: Italia setentrional antes da invasión francesa. |
1803: República irmás en Italia setentrional. |
1806: Repúblicas irmás substituídas por monarquías. |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.