From Wikipedia, the free encyclopedia
Reader's Digest é unha revista mensual estadounidense en inglés de temas variados. Foi fundada en 1922 por DeWitt Wallace e a súa esposa Lila Bell Wallace. A súa sede atópase en Nova York e pertence á empresa The Reader's Digest Association. Á parte da edición estadounidense, a revista ten 49 versións locais en 21 linguas.
Reader's Digest | |
---|---|
Portada do primeiro número de Reader's Digest, publicado en febreiro de 1922. | |
País | Estados Unidos de América |
Lugar | Nova York |
Lingua | lingua inglesa e lingua francesa |
Fundación | 1922 |
Fundador | DeWitt Wallace e Lila Aitcheson Wallace |
Circulación | |
Frecuencia | 1 mes |
ISSN | 0034-0375 |
Na rede | |
https://www.rd.com/ e https://www.readersdigest.co.uk/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A revista foi concibida por Wallace mentres se recuperaba nun hospital das feridas de metralla recibidas durante a batalla de Verdún na primeira guerra mundial.[1] Wallace quería reunir nunha revista unha mostra dos seus artigos favoritos procedentes de diversas revistas mensuais.[2] Ao regresar de Europa, enviou o seu proxecto a máis de dez grandes editores nos Estados Unidos. Ninguén viu interese comercial, agás o magnate Randolph Hearst, quen con todo tampouco o considerou viable.
En 1922, DeWitt Wallace e Lila Bell Wallace comezaron a publicar a revista no soto dunha casa situada na esquina de Macdougal Street e Minetta Lane, en pleno corazón do Greenwich Village, Nova York. Previamente, o matrimonio enviara 5000 cartas a amigos, coñecidos e outros nas que se lles solicitaban 3 dólares pola subscrición anual á revista. Das 5000 persoas coas que contactaron, 1500 aceptaron a proposta. Reader's Digest comezou cun capital inicial de 4500 dólares.
Reader's Digest tiña 30 artigos, un por cada día do mes, seleccionados doutras revistas. Os artigos estaban «condensados», é dicir, abreviados, sen que se perdese por iso o sentido dos mesmos.
En 1929, a revista xa tiña 290 000 subscritores e un ingreso bruto de 900 000 dólares ao ano. Co tempo, Reader's Digest converteuse nun dos fenómenos editoriais máis importantes a nivel mundial.
A primeira columna da revista publicouse na edición de xaneiro de 1945. O nome do autor, Wilfred J. Funk, deuse a coñecer no mes de febreiro de 1945.[3]
En 1952 Reader's Digest sacou unha serie de artigos, titulados "Cancer by the Carton" ("Cancro nun paquete"), sobre a relación entre o tabaco e o cancro de pulmón.[4] Os artigos atraeron a atención do público, que ata entón ignorara os perigos do tabaco para a saúde.
A revista publica artigos orixinais, artigos resumidos ou reimpresos doutras revistas, coleccións de chistes, anécdotas, citas e outros escritos breves. Cada exemplar da revista ten como artigo final un libro, de ficción ou ensaio, abreviado para que ocupe unhas trinta páxinas. Reader's Digest tamén publica tomos independentes da revista que recollen tres ou catro novelas de éxito condensadas, aínda que neste caso con maior lonxitude.[5]
Dende a súa orixe, Reader's Digest mantivo unha perspectiva conservadora[6] e anticomunista sobre os asuntos políticos e sociais.[7]
A primeira edición internacional de Reader's Digest saíu no Reino Unido en 1938. En decembro de 1940 xurdiu a versión en español Selecciones. En 1942 apareceu Revista Seleções no Brasil.
A política da revista fai especial fincapé na universalidade dos artigos publicados nas edicións internacionais. Reader's Digest sempre se preocupou de non ser percibida como un produto cultural agresivo. En cada país onde se publica adáptanse os contidos á cultura do lugar. Por exemplo, cámbianse as unidades de medida. Cando é pertinente, os nomes das institucións estadounidenses trócanse por nomes de institucións locais. Mesmo se omiten aqueles artigos que son demasiado centrados nos asuntos internos dos Estados Unidos. En ocasións, as edicións internacionais inclúen artigos elaborados polas sucursais de The Reader's Digest Association.
A sede central estadounidense non intervén nas adaptacións. Isto esténdese á publicidade da revista, xestionada en cada país de maneira tamén independente.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.