banda de rock bravú From Wikipedia, the free encyclopedia
Rastreros é unha banda de rock bravú galega formada en Chantada no ano 1989. Ata a data o grupo leva publicados un EP e dous álbums de estudio. Rastreros foi un dos grupos asinantes do Manifesto de Viana que fundou o movemento bravú.[1]
Rastreros | |
---|---|
Orixe | Chantada, Galicia |
Período | 1989 - presente |
Xénero(s) | rock, bravú |
Selo(s) discográfico(s) | Can Records, Edicións do Cumio |
Membros | Xesús López "Heléctrico" Marcos Sánchez "Killo" David Manuel Iván Gaitas |
Antigos membros | Xulio López Viana "Xullo" Xoán Camilo Gómez Hermida "Richi" Óscar Rodríguez Moncho Faílde |
Na rede | |
rastreros.net |
En 1989 as formacións de dúas bandas previas, La paja cubana e Rozando nos toxos, uníronse para formar Rastreros en Chantada. Esta primeira formación estaba composta por Xesús López Exposito "Heléctrico" (voz), Marcos Sánchez López "Killo" (guitarra), Xulio López Viana "Xullo" (baixo) e Xoán Camilo Gómez Hermida "Richi" (batería).[2]
Rastreros comezou a ensaiar nunha corte na parroquia chantadesa da Quintá tendo un son punk clásico que evoluíu ata mesturar elementos de folk e rock, en gran parte debido á chegada do gaiteiro Óscar Rodríguez.[2]
En 1991 a banda gravou a maqueta Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi[2] e o EP de catro temas Perigo! Animais ceibes, que publicaron en 1992 a través do selo de Moaña Can Records.[3]
Porén, Rastreros non comezaría a ter certa sona fóra da súa comarca ata ediados dos anos 90 cando o seu tema "O sacristán de Basán" comezou a soar no Xabarín Club da TVG. A canción apareceu no segundo volumo do recompilatorio A cantar con Xabarín en 1995.[4]
No ano seguinte a fama do grupo continuou medrando ao aparecer "Tratorada" no recompilatorio Unión Bravú, onde Rastreros tamén musicaba a canción de Pinto d'Herbón "Nitramón 15, 15, 15".[5][2] Ese mesmo ano Edicións do Cumio lanzou o primeiro álbum da banda A piñón fixo, a golpe de pixo.
En 1997 Rastreros achegou a canción "La de la vaca", unha versión en asturiano do seu tema "A da vaca", para o disco L’asturianu muévese,[6] que tiña como obxectivo a reivindicación do asturiano como lingua oficial en Asturias. Ese ano o conxunto tamén tocou no espectáculo A Feira das Mentiras organizado por Manu Chao en Compostela.[2]
Posteriormente Rastreros permanecería inactiva ata o ano 2007, cando colaborou no álbum tributo aos Diplomáticos de Monte-Alto 120 Capadores, onde incluíron o tema "Platinos". O disco presentouse no Castañazo Rock de Chantada, onde Rastreros compartiron escenario con bandas como Ruxe Ruxe e Zënzar.[7][2]
No ano 2013 o grupo lanzou o sinxelo "O xogo democrático" que incluía os temas "No meu país" e "A galiña dixo Non".[8]
O seu segundo álbum de estudio, Ferro a fondo, lume no lombo, chegaría en 2017. O disco gravouno Iago Pico en Pousada Son Studios, en Ames, tras realizar a banda unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Verkami.[9]
En abril de 2022 Rastreros anunciou a súa nova formación, composta por David (batería), Manuel (baixo), Iván (guitarra), Killo (guitarra), Gaitas (gaita e voz) e Elétrico (voz).[10] Pouco despois a banda iniciou unha xira para celebrar o seu 33 aniversario, e durante a mesma a banda realizaría unha serie de 15 concertos ao longo de toda a xeografía galega durante os seguintes meses, rematando a mesma no Castañazo Rock o 27 de outubro de 2023.[11]
Álbum | Ano | Selo | Notas |
---|---|---|---|
Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi | 1991 | maqueta | |
Perigo! Animais ceibes | 1992 | Can Records | EP |
A piñón fixo, a golpe de pixo | 1996 | Edicións do Cumio | álbum |
Ferro a fondo, lume no lombo | 2017 | autoeditado | álbum |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.