Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O raboalzado de cabeza branca,[2] (Oxyura leucocephala) é unha das aves reprodutoras menos frecuentes do continente europeo. A situación das súas poboacións é crítica, en parte pola hibridación co raboalzado americano. A súa conduta na vida salvaxe é mal coñecida, e os máis dos datos sobre os seus costumes foron obtidos dos exemplares conservados en zoolóxicos con vistas a facilitar a recuperación da especie.
Raboalzado de cabeza branca | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Oxyura leucocephala' (Scopoli, 1769) | |||||||||||||||||
Distribución da Oxyura leucocephala |
Coma outros parrulos do xénero Oxyura teñen a cabeza grande en relación co corpo e o bico ancho e avultado na zona nasal. O corpo é groso, duns 46 cm de lonxitude. Teñen a cola longa e ámbolos dous sexos lávana a miúdo. Malia as súas ás pequenas son voadores rápidos e hábiles. As patas están colocadas, como é típico do xénero, máis atrás do corpo cás doutros patos, alén do centro de gravidade, isto fai que sexan bos nadadores e mergulladores mais dálles un aspecto torpe cando camiñan.
Amosan un gran dimorfismo sexual na plumaxe. Na época reprodutora os machos teñen os lados da cabeza brancos, cun debuxo negro de forma variable individualmente, da parte superior á caluga. Este debuxo permite diferencialo con facilidade da especie americana semellante, ao raboalzado americano.
As plumas do corpo son castaño avermelladas cun fino deseño negro. O bico, moi rechamente nesta época, é azul claro brillante. Conservan esta plumaxe entre finais de febreiro ou primeiros de marzo e setembro. O resto do ano a plumaxe dos machos é máis mate e o bico vira a gris escuro.
As femias teñen o peteiro gris escuro e menos arqueado. A súa plumaxe é máis escura cá dos machos. En ocasións teñen unha coloración branca na parte inferior das meixelas, e unha liña branca algo arqueada córrelles por debaixo dos ollos.
As plumas dos polos son da cor das xibas pola parte superior, e de cor crema no peito e a barriga. Destacan un debuxo negro na cabeza e as raias castañas de xiba nas meixelas, contrastadas coas liñas crema de debaixo dos ollos e a barba. As aves novas de ámbolos dous sexos son semellantes ás femias. Nos machos novos, a coloración azulada do bico aparece no primeiro outono de vida, e a primeira plumaxe de gala no maio seguinte, pouco despois de cumpriren o ano.
Como aves de cría teñen unha distribución irregular, ocupando pequenas áreas illadas no noroeste de África, Oriente próximo e Asia central e o sur e suroeste de Europa. Así, aparecen en partes de Rusia, Kazakhstán, Uzbekistán, Mongolia, Armenia, Irán, Afganistán, Turquía, sur de España, Alxeria e Tunisia. Preténdese restablecer as poboacións en Hungría, que se extinguiran, con soltas de exemplares.
O raboalzado de cabeza branca escolle preferentemente para vivir lagos con zonas de canaval, preferindo as augas algo salgadas ás doces. Non crían, porén, en augas moi salgadas, nas que non atopan vexetación de ribeira dabondo. Non toleran tampouco rexións con altas temperaturas no verán ou insolación excesiva.
Hartmut Kolbe calculou o número total de exemplares da especie contra 1990 nuns 19.000, dos que o 80% vivían en Kazakhstan e Rusia e pasaban os invernos nuns poucos lagos da península de Anatolia. Os cálculos de Kolbe cuantificaban no ano 1992 nuns 1.000 individuos as poboacións reprodutoras do sur de España, Alxeria e Tunisia. Os cálculos do goberno británico estimaban ó número total de exemplares europeos no 2003 en 2.700 exemplares e o número total mundial nunhas 10.000 aves adultas. O IUCN, que establece a lista vermella de especies ameazadas a nivel mundial, ten clasificada a especie dende o 2004 como ameazada, a causa da redución da súa poboación nun 60% en 10 anos. A recuperación da especie en España podería facer nos anos vindeiros menos dramático o seu estado.
A especie Oxyura jamaicensis, semellante á raboalzado de cabeza branca, apareceu en estado salvaxe en Europa contra os anos 1960, procedente de exemplares fuxidos da catividade sobre todo no Reino Unido. En 1993 criaban en Europa uns 3.500 exemplares, e a especie estaba a espallarse cara ó sur do continente e o norte de África. No ano 2003 a súa poboación en Gran Bretaña era duns 6.000 individuos, superando xa a da especie autóctona. A hibridación coa especie local está a ameazar as poboacións relictas desta e a dificultar as reintroducións. Os machos da especie americana son máis agresivos cós da europea e expúlsanos dos seus territorios, forzando as femias a copular con eles. Témese que a hibridación produza a desaparición total da raboalzado de cabeza branca en Europa.
O cortexo comeza cando regresan as áreas de cría en abril. Entre as diferentes técnicas dos machos para atraer ás femias destacan as exhibicións coa cola dereita e movementos rápidos da cabeza. Este comportamento alterna con exhibicións natatorias xirando rapidamente en círculos amplos ó redor da femia co corpo moi elevado por sobre da tona da auga ou ben facendo pasadas a carón da femia, case mergullados e coa cabeza pousada no lombo.
As femias son pouco activas durante a cerimonia. Só ocasionalmente amosan a actitude de estaren coidando as plumas. Fan os niños preferentemente en zonas de vexetación acuática mesta. A miúdo usan as illas de reprodución das pitas de auga ou de patos mergulladores. De feito cando a Wildfowl Trust comezou nos anos 1970 as campañas de recuperación da especie, comprobouse que as parellas que cortexaban comezaban a reprodución só cando se lles ofrecían lugares semellantes construídos artificialmente.
A posta componse de entre 6 e 13 ovos de casca áspera que son ó principio verdes claros e van tomando unha cor branca sucia. Choca exclusivamente a femia, que se é molestada tírase a auga e sae a superficie de novo ben lonxe do niño, permanecendo acotío ata 2 minutos mergullada. Estas ausencias da femia do niño foron confundidas nun tempo cunha falta de atención ós ovos. O macho fica preto do niño ata que os polos saen do ovo, momento no que se xunta con outros machos para formar grupos de muda das plumas.
Os polos tardan entre 23 e 25 días en romper a casca. Son guiados despois pola femia ó longo dos canavais e xunqueiras. Ás veces poden verse pola noite coa nai en augas abertas. Poden voar ós 60 días de vida e acadan a madureza sexual no segundo ano.
Son aves vexetarianas, que consomen tanto as partes verdes das plantas coma as sementes. Só por casualidade inxiren pequenos seres vivos. Os polos e as aves máis novas comen en cambio case exclusivamente insectos acuáticos, pequenos crustáceos e moluscos.
As raboalzado de cabeza brancas non son parrulos doados de manter en catividade. Nos anos 1960 foron criados nun zoo español dous exemplares capturados na natureza, pero ata 1973 non se conseguiu, en concreto polo Wildfowl Trust, que criasen nesas condicións. Hoxe mantéñense aves reprodutoras en varios zoos co obxectivo de recuperar a especie en liberdade mediante soltas.
Dende 1993 desenvólvese un programa de protección da especie de ámbito internacional que levou, por exemplo, á eliminación en España dos exemplares híbridos. Diversos programas de reintrodución tentan a recuperación da especie en Francia, Hungría e Italia.
A caza de exemplares híbridos ou da invasora raboalzado de cabeza branca americana provocou discusións entre os detractores, que vían na hibridación un xeito de reforzar a especie, e partidarios que ven como inexorable a desaparición da raboalzado de cabeza branca europea se non se suprime a especie importada.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.