poeta romano From Wikipedia, the free encyclopedia
Publio Ovidio Nasón (latín: Publius Ovidius Naso) nado en Sulmona o 20 de marzo do 43 a. de C. e finado en Tomis, actual Constanza no mar Negro no 17 ou 18 d. C., foi un poeta romano que escribiu sobre temas de amor, mulleres abandonadas e transformacións mitolóxicas. Cóntase, xunto con Virxilio e Horacio, como un dos tres poetas por excelencia da literatura latina. Ovidio foi amplamente considerado o máis grande mestre do dístico elexíaco. A súa poesía, moi imitada durante o final da Idade Antiga e a Idade Medieval, tivo unha influencia decisiva na arte e a literatura de Europa durante moitos séculos.
Nome orixinal | (la) Publius Ovidius Naso |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 20 de marzo de 43 a. C. Sulmona, Italia |
Morte | 17 (58/59 anos) Constancia, Romanía |
Residencia | Constancia (8–) |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Período de tempo | Imperio Romano |
Xénero artístico | Traxedia |
Profesores | Marcus Porcius Latro (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Larousse Encyclopedia online (pt) |
|
Ovidio escribía en dísticos elexíacos[1] con só dúas excepcións: o seu Medea perdida, os dous fragmentos da que se conservan están en trimetres iámbicos[2] e en anapestos,[3] respectivamente, e a súa grande Metamorfoses, que escribiu en hexámetros dactílicos, o mesmo que a Eneida de Virxilio e os poemas épicos (Ilíada e a Odisea) de Homero. Ovidio ofrece unha épica diferente á dos seus predecesores, unha historia cronolóxica do cosmos desde a creación ata o seu propio día, e incorpora moitos mitos e lendas sobre transformacións sobrenaturais propias das tradicións grega e romana.
Ovidio naceu o 20 de marzo do ano 43 a. C. en Sulmo, como el mesmo dixo, no país dos pelignos. Pertencía a unha familia aristócrata, e sentíase orgulloso da antigüidade da súa estirpe. O seu pai era propietario de terras e morreu aos noventa anos, pouco antes cá nai. Viviu dende moi novo en Roma e o seu irmán, que nacera exactamente un ano antes ca el, foi compañeiro seu nos estudos que realizaba na cidade sobre retórica, en principio para dedicarse ao dereito. Porén, Ovidio foi dando mostras de sensibilidade poética, máis que da elocuencia prosaica que se requiría no foro. O seu pai reprocháballe que se inclinase cara a uns estudos sen ningún proveito, posto que o mesmo Homero morrera na pobreza. Ovidio contestáballe procurando emendarse, pero, involuntariamente, en verso:
Parce mihi, nunquam versificabo, pater!Perdóame, pai!, podo xurar / que nunca volverei versificar.[4]
Aínda que se esforzaba por escribir en prosa por satisfacer o seu pai, as palabras víñanlle sempre con ritmo e cadencia de verso "e era verso ao final canto intentaba escribir":
Quidquid tentabam dicere, versus eratTristia IV 10, 26).
Tivo como mestres de elocuencia a Hixino, Arelio Fusco (orixinario de Asia Menor) e Porcio Latrón (de Hispania)[5] e relacionouse con outros escritores da época como Horacio ou Propercio. Compartiu co seu irmán a vida política ata os vinte anos, idade á que este faleceu. Ocupou cargos públicos pouco relevantes, sendo un dos tresviri capitales,[6] membro da corte centumviral,[7] e un dos decemviri litibus iudicandis,[8] mais dimitiu do cargo para seguir a carreira poética arredor dos anos 29 ou 25 a. C., decisión reprobada polo seu pai.[9]
Cando morreu o seu pai, converteuse en herdeiro de todas as posesións, polo que puido vivir sen preocupacións e viaxar a diferentes lugares, como Atenas, Asia Menor e Sicilia, onde completou os seus estudos, dedicándose xa plenamente á poesía.[10]
Aos dezaoito anos, influído por Tibulo e Propercio, escribiu o cancioneiro amoroso Amores, libro de elexías dedicadas a unha rapaza chamada Corina que probablemente nunca existiu, aínda que reúne características de varios amores do poeta. Compuxo tamén Medea, unha traxedia que non se conserva, e as Heroidas, incluídas no ciclo erótico que abriu Amores, que presenta cartas de amor ficticias escritas por heroínas da mitoloxía e da historia, como Ariadna ou Medea, aos seus amantes. A esta obra seguiulle unha triloxía formada por tres poemas didácticos de tema erótico: Ars Amandi (ou Ars Amatoria), Remedia Amoris e Medicamina faciei feminae.[11] Porén, os seus títulos máis ambiciosos son Fasti e Metamorfoses.
En Tristia, unha elexía de forma epistolar, cobran importancia singular as referencias autobiográficas. Na época na que Ovidio estivo desterrado escribiu a súa obra mais famosa: Metamorfoses (Metamorphoseon), escrita en hexámetro dactílico. Desde a Idade Media e o Renacemento, coma é o caso dos Carmina Burana, a obra de Ovidio nunca deixou de estar presente na tradición literaria europea.
No ano 8, un enfrontamento co emperador Augusto levouno a un exilio obrigado a Tomis (actual Constancia), á beira do mar Negro. A pesar da súa popularidade, os seus libros foron retirados das bibliotecas e queimados en público por seren inmorais. Non están claras as razóns que provocaron o desterro, que foi determinado sen intervención do Senado nin de ningún maxistrado.[12] Este evento influíu sobre toda a poesía que produciu a partir de entón. O propio Ovidio describiu os motivos do exilio como carmen et error ("un poema e un erro"),[13] sostendo que este crime era peor ca un asasinato,[14] máis daniño cá poesía.[15] Un rumor di que estaba presente en cerimonias de adiviñación onde se falaba do destino do emperador; outros, que foi polo ton erótico dos seus poemas; a última explicación, talvez a máis axustada á realidade, é que Ovidio tiña coñecemento dos amoríos da neta do emperador, Xulia.[16]
O poeta faleceu en Tomis o 17 ou 18 d.C.[17] Crese que os Fasti, que estivo tempo revisando se publicaron postumamente.[18]
Casou tres veces e divorciouse dúas cando tiña arredor de trinta anos. Coa primeira esposa casou moi novo, mais finalmente foi declarada nec digna nec utilis ("nin digna nin útil"), o que fai pensar que non pertencía ao seu mesmo rango social e que non lle deu fillos no seu curto matrimonio. Non se sabe con certeza a cal das súas dúas primeiras esposas se refire como natural do país dos faliscos. O seu segundo matrimonio foi curto tamén, mais neste tivo unha filla da que tivo dous netos.[19] As noticias sobre a súa última esposa, Fabia, relacionada coa influente gens Fabia, que o axudou durante o seu exilio en Tomis,[20] son moito maiores. Con ela tivo outra filla, e por ela Ovidio sentiu gran cariño. Foi con ela unha mestura entre pai e mestre literario.
As obras de Ovidio que se conservan, por orde de publicación, son:
Unha perda descrita polo mesmo Ovidio é a primeira edición en cinco libros de Amores. Á parte desta, a maior perda é a única traxedia escrita por Ovidio, Medea, da que só se conservan unhas liñas. Quintiliano admiraba esta obra e considerábao un grande exemplo do seu talento poético.[24]
Prisciano cita unha liña dunha obra titulada Epigrammata.[25] Ovidio tamén menciona algunha poesía ocasional (Epithalamium,[26]). Tampouco se conserva o final de Medicamina e descoñécese se chegou a existir o último dos seis libros de Fasti. Ovidio tamén menciona algunha poesía ocasional (Epithalamium,[27] cantos fúnebres[28] e mesmo unha tradución ao xético[29]) que non se conservan. Tamén se perdeu a parte final de Medicamina.
O legado de Ovidio foi intenso, especialmente a partir do Renacemento, coa revalorización dos temas clásicos e a literatura amorosa (antes condenábanse algunhas das súas obras pola noción de pecado medieval, que vía reprobable un amor carnal desligado de Deus). Quizais o episodio de Apolo e Dafne das Metamorfoses foi un dos que tivo máis repercusións, tanto en literatura como nas artes plásticas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.