Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A ganga de barriga branca[2], que tamén foi chamada ganga ibérica[3] ou cortizol ventrialbar,[4] (Pterocles alchata) é unha ave medianamente grande da familia dos pteróclidos. Ten unha testa e pescozo pequenos similares aos dun pombo e un corpo robusto e compacto. Ten unhas ás longas e bicudas, que son brancas na parte inferior, unha cola longa e un voo directo e rápido. As bandadas voan a pozas de auga ao mencer. A chamada que emiten é un forte kattar-kattar. Esta especie gregaria reprodúcese en chairas abertas sen árbores e secas e outros hábitats similares. O seu niño é unha escavación na terra na cal poñen dous ou tres ovos de cor crema con marcas crípticas. Ambos os sexos chocan os ovos.
Ganga de barriga branca | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Tetrao alchata Linnaeus, 1766 |
Mide uns 35 cm de longo. Ten unha cabeza e partes superiores verdes amareladas. As partes inferiores son brancas cunha banda no peito castaña que separa a barriga do pescozo. Os sexos son bastante similares, pero as femias está mellor camufladas e ten unha cola máis curta que o macho. Hai dúas subespecies: P. a. alchata, que se reproduce no sur de Europa, e P. a. caudacutus, que se reproduce no noroeste de África, Oriente Proximo e sueste de Asia. É unha ave parcialmente migratoria, con algunhas poboacións de Asia que se desprazan ao Oriente Próximo e norte de Paquistán en inverno. Os machos da raza do leste teñen partes inferiores máis claras que as aves europeas, e as femias teñen as cobertoiras das ás brancas en vez de amarelas.
Existen dúas subespecies. A raza nomeada, P. a. alchata, reprodúcese na Península Ibérica e sur de Francia, e a forma do oriente, P. a. caudacutus (Gmelin, 1774), atópase no noroeste de África e desde o sueste de Turquía ao leste ata Kazakhstán.[5]
O nome da especie alchata pénsase que deriva do nome árabe al-gata القطا, que deriva da chamada que emite a ave.[6]
É unha ave robusta de medio tamaño duns 31 a 39 cm de longo. A súa coloración xeral é críptica, con tons en áreas, barras e manchas verde oliva, marróns, amarelas, grises e negras. As partes ventrais e as patas emplumadas son brancas apagadas.[7]
Os sexos son diferentes e a plumaxe do macho varía segundo a época do ano. Na estación reprodutora o macho ten a coroa, gran parte do pescozo, o dorso e as cobertoiras baixo as ás e cor verde amarelado con pintas amarelas non brillantes na rexión dos ombreiros. As meixelas son tamén amarelas cunha liña negra que se estende desde o bico, pasando polos ollos e ata a caluga. Os irises son marróns e o bico é gris lousa. Ten unha área negra na gorxa xusto debaixo do bico e por debaixo dela hai unha banda ancha marrón avermellada que rodea o peito, beireada por unha liña negra por riba e outra por debaixo da banda. As cobertoiras externas son castañas con beiras en negro e branco e as primarias son negras con bordos claros que lles dan aos bordos de ataque e posterior das ás a aparencia dun bordo negro cando voa. A rabadilla e a cola teñen claras barras negras e amarelas amarronadas e as plumas grandes da parte central da cola son de cor gris lousa. Fóra da estación reprodutora todas as partes superiores, incluíndo a coroa e meixelas, teñen barras negras e amarelas amarronadas e a gorxa perde a súa mancha negra, que se converte en abrancazada.[7]
A femia é xeralmente similar ao macho pero as cores son máis apagadas. As meixelas son de cor beixe dourada e carece do ton verdoso do macho. Hai unha liña negra que pasa polos ollos. O queixo é branco e ten unha banda beixe amarelada adicional que cruza o peito cunha liña negra ancha por riba, outra máis delgada a un terzo de distancia cara a abaixo e outra liña negra estreita na base. O dorso e as ás son cincentas, con barras negras. A rabadilla e a cola (que teñen unhas plumas centrais máis curtas que as do macho) son similares en coloración ás do macho mais teñen barras negras máis finas.[7]
En voo poden identificarse pola súa parte inferior e coberteiras da parte inferior das ás brancas brillantes, e as plumas longas da parte central da cola. É normalmente unha ave silenciosa cando está en terra, mais no aire comunícase con outras aves cuns sons frecuentes altos que soan como "kattar-kattar", un son nasal "ga-ga-ga" e un son grave "gang gang".[7]
Reprodúcese no norte de África, Oriente Próximo, Turquía, Irán, Iraq e Kazakhstán. En Europa reprodúcese en España, Portugal e sur de Francia. As poboacións do leste, especialmente as de Kazakhstán, migran a Paquistán e partes do norte da India en inverno.[8]
Habitan en áreas abertas de terras pedregosas semiáridas ao bordo dos desertos, chairas sen ábores e por veces en chairas de barro secas. En inverno poden visitar zonas agícolas aradas ou en barbeito, pero prefire solos areentos e é moito menos dependente da cuberta de vexetación que a ganga de barriga negra (Pterocles orientalis), que ten unha área de distribución similar. Non vive en alturas de máis de 1000.[7]
A miúdo aliméntase en grupos e xúntanse regularmente en grande número en pozas de auga, ás cales estas aves voan pouco despois do amencer. Durante o día espállanse para buscar sementes, que son a parte principal da súa dieta, e tamén comen gromos, brotes verdes e follas. Prefiren as sementes de leguminosas e tamén comen sementes de Polygonum, Fagopyrum, Salicornia, Artemisia, Alhagi, Helianthemum e Asphodelus. En áreas cultivadas comen grano e sementes de leguminosas. Por veces comen escaravellos e outros pequenos invertebrados e tragan pedriñas para axudar a triturar os contidos da súa moella.[7]
Nidifica nunha depresión pouco fonda no chan en zonas abertas. Pon dous ou tres ovos a intervalos de dous días, que son marróns cremosos con manchas marróns escuras, marróns avermelladas e grises. Ambos os proxenitores comparten os traballos de chocar os ovos, que duran de dezanove a vinte días. O macho empeza a súa quenda de incubación unha hora antes do solpor e a femia substitúeo cando regresa de ir ás pozas de auga pola mañá. As crías son precoces e abandonan o niño pouco despois de faceren eclosión. Cóidanos ambos os proxenitores, pero só o macho se encarga de traerlles auga, a cal absorbe nas pozas coas plumas do seu peito e a transporta desa maneira.[7] Os polos poden alimentarse por si mesmos á idade dunha semana e poden voar ás catro semanas. Dependen dos seus proxenitores durante dous meses e adquiren a súa plumaxe de adultos en catro meses. Normalmente crían unha soa vez ao ano, pero se os ovos son destruídos ou retirados, poden poñer máis ovos.[7]
A ganga de barriga branca está considerada en situación "pouco preocupante" segundo a BirdLife International. Isto déberse á súa grande área de distribución e poboación, estimada entre 130.000 e 1.500.000 individuos, que se cre que é estable.[9] A área de distribución pode estar ampliándose á parte sueste de Turquía, posiblemente como resultado de cambios no clima. Porén, as súas poboacións en partes de Europa están decrecendo debido a cambios na produción agrícola. A especie permanece en España, pero na única localidade do sur de Francia onde se atopaba, en La Crau, só quedaban unhas 170 parellas en 2002, mentres que en Portugal só había menos de 100 parellas reprodutoras ese mesmo ano.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.