From Wikipedia, the free encyclopedia
A profilina é unha proteína que se une á actina que está implicada na dinámica do recambio e reestruturación do citoesqueleto de actina. Atópase en todos os organismos eucarióticos na maioría das súas células. A profilina é importante para o control espacial e temporal do crecemento dos microfilamentos de actina, o cal é un proceso esencial na locomoción celular e nos cambios de forma da célula. Esta reestruturación do citoesqueleto da actina é esencial en procesos como o desenvolvemento de órganos, a curación de feridas, e a eliminación dos invasores infecciosos por parte das células do sistema inmunitario.
A profilina tamén se une a secuencias ricas no aminoácido prolina de diversas proteínas. Aínda que a maioría da profilina celular está unida á actina, hai unhas 50 posibles proteínas ás que as profilinas se poden unir. Moitas delas están relacionadas coa regulación da actina, pero a profilina tamén parece estar implicada en actividades que teñen lugar no núcleo celular como o splicing do ARNm.[1]
A profilina únese tamén a algunhas variantes de fosfolípidos da membrana plasmática (fosfatidilinositol (4,5)-bisfosfato e inositol trifosfato). A función desta interacción é secuestrar a profilina nunha forma "inactiva", que pode ser revertida á forma activa pola acción do encima fosfolipase C.
A profilina é o principal alérxeno presente nos poles de bidueiro, de herbas e outras plantas.
As profilinas son proteínas cun peso molecular de aproximadamente 14–16 kDa. Presentan un só xene en lévedos, insectos, e vermes, e moitos xenes noutros organismos, incluíndo as plantas. Nas céluas de mamíferos, descubríronse catro ìsoformas da profilina; a profilina-I exprésase na maioría dos tecidos, mentres que a profilina-II predomina no cerebro e riles.[2]
A profilina potencia o crecemento dos filamentos de actina de dúas maneiras:
A profilina tamén regula negativamente ao fosfatidilinositol (3,4)-bisfosfato (PI(3,4)P2) limitando o recrutamento de lamelipodina no bordo da célula que avanza durante o movemento.[3]
A profilina é unha das moléculas máis abondosas de entre as que se unen ao monómero de actina, pero proteínas como a CAP e (en mamíferos) a timosina β4 presentan un certo solapamento funcional coa profilina. Ao contrario, a ADF/cofilina ten algunhas propiedades que antagonizan a acción da profilina.
A profilina describírona por primeira vez Uno Lindberg e colaboradores a inicios da década de 1970 como a primeira proteína que se unía ao monómero de actina.[4] Despois, os investigadores decatáronse de que non só actúa no músculo, senón tamén en células non musculares, que conteñen altas concentracións de actina, aínda que en parte na súa forma non polimerizada. Pensouse despois que a profilina secuestraba os monómeros de actina (manténdoos na súa forma pro-filamentosa), e que os liberaba cando a célula recibía un sinal para facelos máis accesibles para o rápido crecemento do polímero de actina.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.