O concepto xurídico de persoa física (ou persoa natural) foi elaborado fundamentalmente xa polos xuristas romanos. Cada ordenamento xurídico ten a súa propia definición de persoa, aínda que en tódolos casos é moi similar. En termos xerais é todo membro da especie humana susceptible de adquirir dereitos e contraer obrigacións. Nalgúns casos pódese facer referencia a estas como persoas de existencia visible, de existencia real, física ou natural.
A súa orixe etimolóxica vén de persona -ae, que era aquela máscara (per sonare, para facerse oír) que levaban os actores na antigüidade e que ocultaba o seu rostro ó tempo que facía soar a súa voz. Isto é, unha ficción que se sobrepón ó ser que a porta. Ademais, como no teatro clásico grego e romano un reducido número de actores representaban tódolos papeis, o cambio de careta indicaba ó público o personaxe dramático que estaba representado. Desta última función de individualización dos diferentes seres humanos provén o significado actual do termo persoa.
Isto é así porque non tódolos seres humanos -especialmente noutros tempos- podían ser considerados persoas.
Na actualidade as persoas físicas teñen, polo simple feito de existir, atributos dados polo dereito. A personalidade abre a porta da titularidade de dereitos, de modo que só sendo considerado tal se podía, por exemplo, contratar ou contraer matrimonio.
Antecedentes sobre o concepto de persoa física
Se ben é certo que actualmente se sobreentende que todo membro do xénero humano é persoa, no pasado non sempre foi así, xa que persoas pertencentes a diferentes grupos culturais, relixiosos e étnicos, non eran considerados como persoas e, por ende, privados de tódolos seus dereitos.
Inicio e fin da existencia da persoa física
Inicio da existencia da persoa física
Segundo o sistema xurídico concreto, a personalidade pode ser determinada polo mero nacemento (teoría da vitalidade), ou ben o recentemente nado debe cumprir unha serie de requisitos engadidos (teoría da viabilidade).
Na Arxentina o Código Civil recoñece a súa existencia desde o momento da concepción, chamando 'persoas por nacer' ás que, concibidas, aínda non naceron. Se a persoa por nacer morre antes de estar completamente separada do seo materno, é considerado como se nunca existise.
O Código Civil Francés, no artigo 725, e o de Austria, capítulo 3, parte 2, esixen que o nacido sexa viable, de vida, é dicir, que non traia algún vicio polo que a súa morte se poida asegurar, ou que nacese antes de tempo. O fundamento do Código francés e dos códigos que o seguen é o seguinte: o fillo que nace antes dos seis meses da concepción, aínda que naza vivo, é incapaz de prolongar a súa existencia. O mesmo di do que nace cun vicio orgánico, tan demostrado que poida asegurarse a súa pronta morte; desde entón a este ser non se lle pode atribuír dereito algún, porque a capacidade de dereito depende non só do nacemento, senón da capacidade da vida, da viabilidade.
En España as leis de Toro impuxeron un triplo requisito para que un fillo se tivese por nacido: que nacese vivo todo, que vivise 24 horas despois de nacido e recibise bautismo. O artigo 60 da Lei do Matrimonio Civil de 1870 suprimiu o requisito do bautismo. O Código Civil establece no seu artigo 30 que "Para los efectos civiles, sólo se reputará nacido el feto que tuviere figura humana y viviere veinticuatro horas enteramente desprendido del seno materno". Da lectura deste artigo poderíase afirmar que o dereito español segue a teoría da viabilidade, pero o artigo 29 establece que "... el concebido se tiene por nacido a todos los efectos que le sean favorables, siempre que nazcan con las condiciones del artículo siguiente". A doutrina española maioritaria entende que da compresión conxunta de ambos artigos o sistema español é ecléctico, xa que mentres acolle a teoría da viabilidade para determinar o inicio da personalidade, o artigo 29 garante dereitos ó concibido pero non nacido.
Cómpre ter en conta que no dereito español os fetos no útero materno denomínanse nasciturus, e teñen unha protección xurídica específica para o caso de que finalmente nazan e teñan personalidade xurídica plena. Deste xeito, un neno aínda non nacido pode chegar a herdar os bens do seu pai, se este morrese durante a súa xestación. A efectos constitucionais sobre a protección do feto ante a posibilidade de prácticas abortivas, existe unha sentenza do Tribunal Constitucional (STC 53/85) que declara ó feto como ben xuridicamente protexido e esixe a súa protección, a tódolos efectos civís (para a consideración como persoa remítese á lexislación civil).
Fin da existencia da persoa física
A existencia das persoas físicas termina coa morte (ou a súa presunción por ausencia ou accidente) das mesmas. Nas antigas lexislacións podían existir outras formas de finalización, como a escravitude, a morte civil por condena perpetua ou profesión relixiosa.
Diverxencia do concepto de Dereito Penal
A personalidade xurídica ten efectos dentro da esfera do Dereito privado da persoa xurídica, e por iso se regula normalmente no correspondente Código civil. Porén, o tratamento da persoa no Dereito penal é independente.
Por isto, en España aínda que sexan necesarias 24 horas para que un bebé sexa considerado persoa segundo o Código civil, o homicidio, para ser considerado como tal, non necesita cumprir eses requisitos, senón que basta con que o bebé nacese. Se non nacese, sería un posible delito de aborto, pero nunca de homicidio.
Polo tanto, pode haber casos nos que unha persoa humana é persoa desde o punto de vista penal pero non civil (nacido con só unhas poucas horas de vida). O seu homicidio ou asasinato daría lugar a consecuencias penais, pero non civís (por exemplo, non habería herdanza).
Relación entre o concepto de persoa física e os dereitos humanos
Os dereitos da personalidade pertencían inicialmente ó campo do dereito civil. Porén, o Código de Napoleón que serviu de modelo para outros moitos, non desenvolveu esta categoría esencial de dereitos.
Os dereitos da persoa física alcanzaron o seu recoñecemento mercede a tratados internacionais, como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos da ONU e posteriormente mediante a súa positivación como dereitos fundamentais nas diferentes constitucións, o que impulsou o seu respecto polos poderes públicos.
No caso do dereito español o máis amplo catálogo dos mesmos encóntrase no Título Primeiro da Constitución Española e, especialmente, no seu artigo 10: "a dignidade da persoa, os dereitos individuais que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á Lei e ós dereitos dos demais son o fundamento da orde política e da paz social".
Véxase tamén
Outros artigos
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.